As boas noticias segundo Lucas
2 Naqueles días, César Augusto emitiu un decreto para que toda a poboación* se rexistrase. 2 (Este primeiro censo fíxose cando Quirinio era o gobernador de Siria.) 3 Así que todos foron a rexistrarse, cada un á súa propia cidade. 4 Por suposto, Xosé tamén o fixo. Como pertencía á casa e á familia de David, subiu de Galilea a Xudea, da cidade de Nazaret á cidade de David, que se chama Belén. 5 Foi a rexistrarse con María, que xa era a súa muller (tal como estaba acordado) e que estaba a punto de ter o neno. 6 Mentres estaban alí, chegoulle o tempo de dar a luz 7 e tivo o seu fillo, o primeiro. Envolveuno con bandas de tea e púxoo nun pesebre, porque non encontraran ningún sitio onde aloxarse.
8 Naquela mesma rexión había pastores que vivían ó aire libre e vixiaban os seus rabaños pola noite. 9 De repente, o anxo de Xehová* aparecéuselles e a gloria de Xehová* brillou arredor deles, e entroulles moito medo. 10 Pero o anxo díxolles: “Non teñades medo. Porque, mirade! Estouvos anunciando boas noticias que lle van traer moita alegría a todo o pobo. 11 Porque hoxe naceu para vós un salvador na cidade de David, que é Cristo, o Señor. 12 Isto serviravos de sinal: encontraredes un bebé envolto en bandas de tea deitado nun pesebre”. 13 De repente, apareceu ó lado do anxo unha multitude do exército celestial que louvaba a Deus e dicía: 14 “Gloria a Deus nos ceos e paz na terra para as persoas que el aproba*”.
15 Cando os anxos marcharon e volveron ó ceo, os pastores empezaron a dicirse uns ós outros: “Temos que ir a Belén como sexa e ver o que pasou, o que Xehová* nos fixo saber”. 16 Entón marcharon rapidamente e encontraron a María e a Xosé, e o neno no pesebre. 17 Ó ver isto, explicaron o que lles dixeran sobre o neno. 18 E tódolos que escoitaron o que dixeron os pastores quedaron moi sorprendidos. 19 Por outro lado, María empezou a gardar todas estas palabras na súa mente e a sacar conclusións no seu corazón. 20 Entón, os pastores volveron onda os seus rabaños, glorificando e louvando a Deus por todo o que viran e oíran, que era xusto como se lles dixera.
21 Oito días despois, cando chegou o tempo de circuncidar o neno, chamáronlle Xesús, o nome que dixera o anxo antes de que María quedase embarazada*.
22 Ademais, cando chegou o tempo no que se tiñan que purificar tal e como mandaba a Lei de Moisés, Xosé e María subiron con Xesús a Xerusalén para presentalo diante de Xehová*, 23 tal como está escrito na Lei de Xehová*: “Todo primoxénito varón* será chamado santo para Xehová*”. 24 E ofreceron un sacrificio de acordo co que di a Lei de Xehová*: “Dúas rulas ou dúas crías de pomba”.
25 Resulta que en Xerusalén había un home xusto e devoto que se chamaba Simeón. El esperaba que Deus consolase a Israel e o espírito santo estaba sobre el. 26 Ademais, Deus reveláralle por medio do espírito santo que non morrería sen antes ver o Unxido* de Xehová*. 27 Entón, Simeón entrou no templo guiado polo espírito. E cando os pais entraron co pequeno Xesús para facer o que a Lei esixía para el*, 28 colleu o neno no colo, louvou a Deus e dixo: 29 “Señor Soberano, tal e como prometiches, agora estás deixando que o teu escravo morra* en paz. 30 Porque os meus ollos viron o medio que usarás para traer salvación, 31 que preparaches á vista de tódolos pobos. 32 É unha luz para quitarlles a venda dos ollos ás nacións* e unha gloria para o teu pobo Israel”. 33 O pai e a nai do neno non deixaban de sorprenderse polas cousas que se dicían del. 34 Ademais, Simeón bendiciunos e díxolle a María, a nai do neno: “Escoita, este neno será a razón pola que moitos caian e moitos se volvan a levantar en Israel, e será un sinal que desprezarán. 35 Así, poñeranse ó descuberto os argumentos de moitos corazóns. E a ti, unha espada longa atravesarache a alma*”.
36 Tamén había alí unha profetisa que tiña moitos anos. Chamábase Ana e era filla de Fanuel, da tribo de Aser. Despois de casar*, vivira co seu home sete anos 37 e agora era unha viúva que xa tiña 84 anos. Sempre estaba no templo, e alí adoraba a Deus* día e noite facendo xaxún* e súplicas. 38 Xusto nese momento, Ana acercouse a eles e empezou a darlle grazas a Deus e a falar sobre o neno a tódolos que estaban esperando a liberación de Xerusalén.
39 Entón, despois de facer todo o que mandaba a Lei de Xehová*, Xosé e María volveron a Galilea, para a súa cidade, Nazaret. 40 O neno seguiu medrando, facéndose forte e cada vez máis sabio. E contaba sempre coa aprobación de Deus.
41 Cada ano, seus pais tiñan o costume de ir a Xerusalén á festa da Pascua. 42 Cando Xesús tiña 12 anos, subiron a Xerusalén, como se facía sempre na festa. 43 Ó acabar os días da festa, empezaron a viaxe de volta, pero Xesús quedou en Xerusalén sen que seus pais se desen conta. 44 Pensaban que o neno estaba entre o grupo de persoas coas que viaxaban. Despois de andar un día enteiro, empezaron a buscalo entre os familiares e os coñecidos, 45 pero non o encontraron. Así que volveron a Xerusalén e puxéronse a buscalo por todas partes. 46 Ó final, despois de tres días, encontrárono no templo sentado no medio dos mestres, escoitando o que dicían e facéndolles preguntas. 47 E tódolos que escoitaban a Xesús quedaban impresionados ó ver a capacidade que tiña para entender as cousas e as respostas que daba. 48 Cando seus pais o viron, sorprendéronse moitísimo e súa nai díxolle: “Filliño, por que nos fixeches isto? Teu pai mais eu estivémoste buscando desesperadamente”. 49 Pero el contestoulles: “Por que me estabades buscando? Non sabiades que teño que estar na casa do meu Pai?”. 50 Pero eles non entenderon o que lles estaba dicindo.
51 Entón, el volveu con eles de volta a Nazaret e seguiu obedecendo os* seus pais. E súa nai gardaba coidadosamente todas esas palabras no seu corazón. 52 Xesús seguiu medrando e facéndose máis sabio, e ganándose a aprobación de Deus e da xente.