Carta ós Colosenses
3 Pero se fostes resucitados* co Cristo, seguide buscando as cousas de arriba, que é onde o Cristo está sentado á dereita de Deus. 2 Mantede a vosa mente centrada nas cousas de arriba e non nas cousas da terra. 3 Porque vós morrestes e a vosa vida está escondida co Cristo, que está unido a Deus. 4 Cando apareza o Cristo, que é a nosa vida, entón tamén apareceredes con el e compartiredes a súa gloria.
5 Así que desfacédevos dos malos pensamentos* que poderían levar á inmoralidade sexual*, á impureza*, á paixón sexual descontrolada, ós malos desexos e á cobiza*, que é idolatría. 6 Debido a estas cousas vén a ira de Deus. 7 Así é como vos comportabades* no pasado*. 8 Pero agora desfacédevos de todo isto: ira, furia, maldade e palabras ofensivas, e que tampouco saian palabras obscenas da vosa boca. 9 Non vos mintades uns ós outros. Quitádevos a vella personalidade* e as súas prácticas, 10 e vestídevos coa nova personalidade, que se vai renovando constantemente canto mellor coñecedes a Deus*. Esta personalidade é un reflexo de quen a creou. 11 A nova personalidade non fai distinción entre grego e xudeu, circunciso e incircunciso, estranxeiro e escita*, escravo e home libre, senón que Cristo é tódalas cousas e está unido a todos.
12 Así que como escollidos de Deus, santos e amados, vestídevos de tenra compaixón, bondade, humildade, apracibilidade e paciencia. 13 Seguide soportándovos uns ós outros e perdoándovos con xenerosidade incluso se alguén ten motivos para queixarse doutro. Xehová* perdoouvos con xenerosidade, así que vós facede o mesmo. 14 Pero ademais de todo isto, vestídevos de amor, porque é un vínculo perfecto que une as persoas*.
15 Deixade que a paz do Cristo reine nos vosos corazóns*, porque fostes chamados a esa paz para formar un só corpo. E demostrade que estades agradecidos. 16 Que a palabra do Cristo encha por completo os vosos corazóns con toda sabedoría. Seguídevos ensinando e animando* uns ós outros con salmos, louvanzas a Deus e cancións espirituais cantadas con gratitude. Cantádelle a Xehová* de todo corazón*. 17 Todo o que fagades ou digades, facédeo no nome do Señor Xesús e dádelle grazas a Deus, o Pai, mediante el.
18 Mulleres, estade suxeitas ós vosos maridos, que iso é o que está ben ós ollos do Señor. 19 Maridos, seguide amando as vosas mulleres e non vos enfadedes duramente* con elas. 20 Fillos, obedecede os vosos pais en todo, porque isto agrádalle ó Señor. 21 Pais*, non irritedes* os vosos fillos para que non se desanimen. 22 Escravos, obedecede os vosos amos* en todo. Non o fagades só cando vos estean mirando*, para agradar a outros, senón cun corazón sincero, con temor de Xehová*. 23 Todo o que fagades, facédeo con toda a alma* coma se fose para Xehová* e non para os homes, 24 porque sabedes que é Xehová* quen vos dará a herdanza como premio. Sede escravos do Amo, Cristo. 25 Pero recordade que a quen faga algo malo faráselle pagar polo que fixo, e non hai favoritismo*.