A Xénese
15 Despois disto Abram oíu en visión palabra do Señor: —“Non teñas medo, Abram. Eu son para ti un escudo. O teu pago será moi grande”.
2 Abram preguntou: —“Señor e dono meu, ¿que me darás, se vou morrer sen fillos, e o damasceno Eliézer será o meu herdeiro?” 3 E insistiu: —“Mira que non me deches descendencia e que un criado da casa será o meu herdeiro”.
4 O Señor respondeulle: —“Non será ese o teu herdeiro. Será un fillo teu”. 5 Logo levouno fóra e prometeulle: —“Olla cara ó ceo e conta as estrelas, se é que podes. Así terás de descendentes”. 6 Abram creu ó Señor, que llo tivo en conta para a xustificación.
7 Despois díxolle o Señor: —“Eu son o Señor, que te sacou de Ur dos Caldeos, para che dar en herdo esta terra”.
8 Abram preguntou: —“Señor e dono meu, ¿como saberei que será miña?”
9 O Señor respondeu: —“Tráeme unha becerra, unha cabra e un carneiro, todos eles de tres anos, e mais unha rula e unha pomba”.
10 Abram trouxo todo, partiu os animais polo medio e puxo unha metade fronte á outra; pero as aves non as partiu. 11 Os voitres descendían á carnada, e Abram espantábaos. 12 Cando o sol estaba para se pór, apoderouse de Abram un sono profundo e invadiuno unha escura ansiedade.
13 Entón díxolle o Señor: —“Saberás que os teus descendentes terán que estar coma forasteiros nunha terra allea, e que os escravizarán e os oprimirán por catrocentos anos. 14 Pero has de saber tamén que eu castigarei ó pobo que os escravice, e despois eles sairán con moitos bens. 15 Ti irás xuntarte en paz con teus pais; serás enterrado ó cabo dunha boa vellez. 16 Despois de catro xeracións volverán eles aquí, pois aínda non chegou ó seu cúmulo a maldade dos amorreos”.
17 Cando se puxo o sol e se fixo noite pecha, Abram viu pasar entre os membros dos animais tallados un fume coma de forno e un facho de lume. 18 Aquel día fixo o Señor con Abram esta alianza: —“Ós teus descendentes dareilles esta terra, desde o torrente de Exipto ata o gran río Éufrates, 19 as terras dos Quenitas, dos Quenizitas, dos Cadmoneos, 20 dos Hititas, dos Perizitas, dos Refaítas, 21 dos Amorreos, dos Cananeos, dos Guigarxitas e dos Iebuseos”.