A Xénese
25 Abraham tomou outra muller que se chamaba Queturah. 2 Esta deulle por fillos a Zimrán, Iocxán, Medán, Madián, Ixbac e Xúah. 3 Iocxán xerou a Xebá e Dedán. Os fillos de Dedán foron os asirios, os latuxios e os leumios. 4 Os fillos de Madián foron Efah, Éfer, Hanoc, Abidá e Eldaáh. Todos eles son descendentes de Queturah.
5 Abraham fixo a Isaac herdeiro de todo o que tiña. 6 Ós fillos das concubinas fíxolles mandas e afastounos en vida de seu fillo Isaac cara ós países do oriente. 7 Os anos que Abraham viviu foron cento setenta e cinco. 8 Ó cabo deles expirou e morreu en boa vellez, satisfeito da vida, e foi xuntarse co seu pobo.
9 Seus fillos Isaac e Ismael enterrárono na cova de Macpelah, no eido de Efrón, fillo de Soar o hitita, de fronte a Mambré. 10 É o campo que lles mercara Abraham ós fillos de Het. Nel foron enterrados Abraham e Sara, súa muller. 11 Despois da morte de Abraham, Deus seguiu bendicindo a seu fillo Isaac. Este asentou onde estaba o pozo de Lahai-Roí.
12 Esta é a historia de Ismael, o fillo que lle deu a Abraham a serva exipcia Hagar. 13 Os fillos de Ismael, por orde de nacemento, son os seguintes: Nebaiot o primoxénito, Quedar, Abdeel, Mibsam, 14 Mixmá, Dumah, Masá, 15 Hadad, Temá, Ietur, Nafix e Quédmah. 16 Eses son os fillos de Ismael polos seus nomes, segundo os seus poboados e os seus campamentos. Doce xefes de doce tribus.
17 Os anos que Ismael viviu foron cento trinta e sete. Ó cabo deles expirou, morreu e foi xuntarse co seu pobo. 18 Os seus descendentes asentaron desde Havilah ata Xur, que mira cara a Exipto, vindo de Asur. Cadraron irmáns en fronte de irmáns.
19 Esta é a historia de Isaac, fillo de Abraham. Abraham xerou a Isaac. 20 Cando Isaac tiña corenta anos, tomou por muller a Rebeca, filla de Betuel, arameo de Padán Aram, e irmá de Labán o Arameo.
21 Isaac pregou ó Señor pola súa muller que era estéril. O Señor escoitouno e Rebeca, súa muller, quedou embarazada. 22 Pero os nenos loitaban no seu ventre e ela queixouse: —“Se é así, ¿para que vivo?” E foi consultar ó Señor.
23 A resposta foi esta:
—“Hai dúas nacións no teu ventre,
dous pobos que se dividen xa nas túas entrañas.
Un pobo poderá co outro,
o máis vello servirá ó máis novo”.
24 Chegada a hora do parto, viuse que tiña dous xémeos no seu ventre. 25 Saíu primeiro un, todo loiro, peludo coma unha pelica. Puxéronlle por nome Esaú. 26 Despois, agarrado do calcañar de Esaú, saíu seu irmán. E chamáronlle Xacob. Isaac tiña sesenta anos, cando lle naceron os dous fillos.
27 Os nenos fixéronse grandes. Esaú era bo cazador e home do campo. Xacob, en troques, era amigo de quedar na tenda. 28 Isaac amaba a Esaú, porque gustaba da súa caza. Pero Rebeca prefería a Xacob.
29 Nunha ocasión tiña Xacob disposto un guiso e nisto chegou Esaú canso do monte. 30 Esaú pediulle a Xacob: —“Dáme a comer esa cousa vermella, pois estou esgotado”. (Por iso lle puxeron o nome de Edom).
31 Respondeulle Xacob: —“Coa condición de que me vendas agora mesmo os dereitos de primoxénito”.
32 Esaú pensou: —“Estou que morro. ¿De que me serve a primoxenitura?”
33 Xacob dixo: —“Xúramo agora mesmo”. El xuroullo, e vendeulle a Xacob a súa primoxenitura. 34 Entón Xacob deulle a Esaú un anaco de pan e mailo guiso de lentellas. El comeu e bebeu, e despois foise. En tan pouco tiña Esaú os dereitos da primoxenitura.