A Xénese
44 Xosé deulle ó seu maiordomo esta orde: —“Ateiga de víveres as sacas, canto poidan levar, e pon o diñeiro de cada un na boca da súa saca. 2 E a miña copa, a de prata, métea na saca do máis novo, xunto co seu diñeiro”. E el fixo o que Xosé lle ordenou.
3 Ó amañecer, os homes foron despedidos e marcharon cos seus xumentos. 4 Saíron da cidade e, cando non ían aínda lonxe, mandou Xosé ó xefe da súa casa: —“Vai detrás deses homes e, cando os atrapes, dilles: ¿Por que pagastes mal por ben? 5 ¿Non levades aquí a copa onde bebe o meu señor e da que se serve para adiviñar? O que fixestes está mal”. 6 O home atrapounos e repetíulle-las palabras.
7 Respondéronlle eles: —“Señor, ¿por que nos falas dese xeito? Lonxe dos teus servos faceren semellante cousa. 8 Viches que o diñeiro que encontramos na boca das nosas sacas, trouxémoscho desde Canaán. ¿Cómo iamos roubar prata nin ouro da casa do teu señor? 9 Aquel dos teus servos a quen se lle atope a copa, será reo de morte, e tódolos demais quedaremos como escravos do noso señor”.
10 Díxolles el: —“Que sexa deste xeito: Aquel a quen se lle atope a copa será escravo meu; os demais quedaredes libres”.
11 Cada un baixou de seguida ó chan a súa saca, e abriuna. 12 El comezou a cachear polo maior e acabou polo máis pequeno. E atopou a copa na saca de Benxamín. 13 Eles esgazaron as vestiduras, cargaron os seus xumentos e voltaron para a cidade. 14 Xudá e seus irmáns entraron na casa de Xosé que estaba aínda alí, e postráronse por terra diante del.
15 Xosé díxolles: —“Que feito é ese que fixestes? ¿Non sabiades que un home coma min ten o poder de adiviñar?”
16 Respondeulle Xudá: —“¿Que poderiamos responder ó noso señor? ¿Con que palabras mostra-la nosa inocencia? Deus mostrou culpables ós teus servos. Recoñecémonos escravos de meu señor, o mesmo nós coma o que tiña a copa no seu poder”.
17 Dixo Xosé: —“Lonxe de min facer tal cousa. Aquel que tiña a copa no seu poder quedará por escravo meu. E vós marchade en paz para onda voso pai”.
18 Dirixíndose a Xosé, dixo Xudá:
—“Rógoche, meu señor, que lle consintas ó teu servo dicir unha palabra, sen que o meu señor se anoxe. Ti es coma o faraón. 19 O meu señor preguntoulles ós seus servos: ¿Tedes pai ou algún outro irmán? 20 E nós respondémoslle ó meu señor: Temos un pai xa vello e un irmán pequeno, que lle naceu na súa vellez. Un irmán seu, da mesma nai, está xa morto. Agora quedoulle só el, e o pai quéreo moito. 21 Ti dixécheslles entón ós teus servos: Traédemo aquí, para que o vexa cos meus ollos. 22 Nós dixemos ó meu señor: O rapaz non pode deixar só a seu pai, pois se o deixase, morrería. 23 E ti dixécheslles ós teus servos: Se non vén convosco o irmán máis novo, non volveredes ve-la miña cara. 24 Nós voltamos para onda teu servo, noso pai, e referímoslle o que nos dixera o meu señor. 25 Cando noso pai nos mandou: Voltade alá e mercade algo que comer, 26 nós respondémoslle: Non podemos ir alá. Iremos, se noso irmán máis pequeno vai connosco; onda non, non poderemos presentarnos diante daquel home. 27 Entón díxono-lo teu servo, noso pai: Sabedes que a miña muller me deu dous fillos. 28 Un deles foise de onda min, e penso que foi esnaquizado; ata hoxe non o vin máis. 29 Se agora me levades estoutro e lle pasa unha desgracia, enterraredes un vello, que morre cheo de dor. 30 Se eu volvo agora onda teu servo, meu pai, e non vai connosco o rapaz, téndolle o apego que lle ten, 31 en vendo que el falta, morrerá, e nós enterraremos ó teu servo, noso vello pai, colmado de pesar. 32 Este teu servo respondeu ante seu pai polo rapaz, xurando: Se non che volvo o rapaz, quedarei en culpa diante de meu pai por toda a vida. 33 Agora pídoche que poida este teu servo quedar de escravo do meu señor no posto do rapaz, e que poida el subir con seus irmáns. 34 ¿Como podería eu voltar onda meu pai, sen leva-lo rapaz comigo? ¡Que eu non vexa a meu pai en tan grande aflicción!”