Libro Segundo dos Reis
17 No ano doce do reinado de Acaz en Xudá empezou a reinar sobre Israel, en Samaría, Oseas, fillo de Elah. Reinou nove anos. 2 Fixo o mal ós ollos do Señor, mais non coma os reis de Israel que o precederan.
3 Xalmanasar, rei de Asiria, rubiu para atacalo; pero Oseas sometéuselle e pagoulle tributo. 4 Máis tarde o rei de Asiria descubriu que Oseas se revoltara contra el, pois mandara mensaxeiros a So, rei de Exipto, e non pagaba ó rei de Asiria o tributo, coma tódolos anos. Entón o rei de Asiria prendeuno e púxoo na cadea.
5 Despois o rei de Asiria invadiu o país enteiro e cercou Samaría por tres anos. 6 No ano noveno de Oseas, o rei de Asiria conquistou Samaría e desterrou os israelitas a Asiria. Instalounos en Halah, onda o Habor, río de Gozán, e nas cidades de Media.
7 Iso aconteceu porque os israelitas pecaron contra o Señor, seu Deus, que os tirara de Exipto, do xugo do faraón, rei de Exipto; pero eles adoraron outros deuses. 8 Seguiron os costumes das nacións que o Señor expulsara de diante deles, costumes que os reis de Israel introduciron.
9 Os israelitas fixeron o mal na presencia do Señor, seu Deus: construíron altares idolátricos en tódolos seus poboados, desde torres de vixilancia ás cidades fortificadas, 10 e ergueron estelas e imaxes de Axtarté en tódolos outeiros e debaixo de toda árbore vizosa. 11 Alí queimaron incenso, coma as nacións que o Señor expulsara de diante deles; cometeron maldades, que provocaron o noxo do Señor. 12 Deron culto ós ídolos, feito do que tiña dito o Señor: —“Non fagades tal cousa”.
13 O Señor advertira a Israel e a Xudá polos profetas e os videntes: —“Deixádevos dos malos camiños e gardade os mandamentos, os preceptos e as leis, que eu prescribín ós vosos pais e que vos inculquei a vós polos meus servos os profetas”.
14 Pero eles non obedeceron. Fixéronse testáns, o mesmo cós seus pais, que non confiaran no Señor, seu Deus. 15 Rexeitaron os seus mandatos, a alianza que el concluíra con seus pais, e os avisos que lles dera. E fóronse detrás de vaidades, facéndose vans eles mesmos, e coas xentes dos seus arredores, aínda que o Señor lles mandara que non fixesen coma eles. 16 Deixaron os mandamentos do Señor, seu Deus, e fixéronse ídolos de metal fundido, dous becerros e unha estela; axeonlláronse perante todo o exército dos astros e déronlle culto a Baal. 17 Sacrificaron no lume os seus fillos e as súas fillas. Practicaron artes de mal agoiro e bruxerías, vendéronse, facendo o mal ós ollos do Señor, provocando a súa carraxe.
18 O Señor anoxouse tanto contra Israel, que o desbotou da súa presencia. Non quedou máis cá tribo de Xudá; 19 mesmo tampouco Xudá gardou os mandatos do Señor, seu Deus, e imitou a conducta de Israel. 20 O Señor rexeitou a liñaxe de Israel, aflixiunos e entregounos nas mans dos seus espoliadores, e botounos da súa presencia.
21 Israel afastárase da familia de David e elixira por rei a Ieroboam, fillo de Nabat. E Ieroboam desviara a Israel do culto do Señor e fixéralle cometer graves pecados. 22 Os israelitas imitaron os pecados que cometera Ieroboam, sen arredarse en nada del, 23 ata que Deus os botou da súa presencia, como llo tiña advertido polos seus servos os profetas. Israel foi deportado da súa terra para Asiria, onde está ata hoxe.
24 O rei de Asiria trouxo alí xentes de Babilonia e de Cutah, de Avá, Hamat e Sefarvaim, e asentounas nas cidades de Samaría, no lugar dos israelitas. Esas xentes tomaron posesión de Samaría e establecéronse alí, nas súas cidades. 25 Desde o comezo do seu asentamento non recoñeceron ó Señor, e o Señor enviou leóns, que mataron a moitos deles.
26 Daquela fixéronlle saber ó rei de Asiria: —“As xentes que transferiches, para asentalas nas cidades de Samaría, non coñecen o culto do deus do país. Este manda leóns que os matan, porque eles non coñecen o seu culto”. 27 Entón deu o rei de Asiria esta orde: —“Levade un dos sacerdotes desterrados, que se estableza alí e que lles aprenda o culto do Deus do país”. 28 Axiña veu un dos sacerdotes desterrados de Samaría, estableceuse en Betel e aprendíalle-la maneira de dar culto ó Señor.
29 Pero cada un daqueles pobos fixo os seus deuses e puxéronos nos outeiros que os samaritanos construíran, cada pobo na mesma cidade en que asentaran. 30 Os de Babilonia fixeron unha imaxe de Succot-Benot, os de Cut unha de Nergal, os de Hamat a de Aximá, 31 os de Avá a de Nibhaz e a de Tartac, os de Sefarvaim sacrificaban no lume os seus fillos en honor de Adramélec e de Anamélec, que eran os seus deuses.
32 Tamén daban culto ó Señor e escolleron sacerdotes de entre a xente común, para que ofrecesen sacrificios por eles nos outeiros. 33 Veneraban o Señor e, ó mesmo tempo, os seus deuses, conforme os ritos do país de onde viñeran desterrados. 34 Ata o día de hoxe seguen practicando os ritos máis antigos. Non temen o Señor e non viven conforme os seus mandatos, os seus estatutos e a súa lei e ós preceptos que o Señor prescribira ós fillos de Xacob, a quen puxera por nome Israel.
35 O Señor fixera con eles un pacto e prescribíralles: —“Non temeredes outros deuses, non os adoraredes, non os serviredes, non lles ofreceredes sacrificios. 36 Temeréde-lo Señor, que con moito poder do seu forte brazo vos tirou do país de Exipto. Soamente a El adoraredes e ofrecerédeslle os vosos sacrificios. 37 Cumpride talmente, toda a vida, os seus mandamentos e os seus estatutos, a súa lei e os seus preceptos, os que El vos deu por escrito. E non adoredes outros deuses. 38 Non esquezáde-la Alianza que eu fixen convosco adorando outros deuses. 39 Adorade soamente ó Señor, voso Deus, e El libraravos do poder de tódolos vosos inimigos”.
40 Mais eles non o obedeceron, senón que seguiron vivindo segundo os antigos costumes. 41 Dese xeito, aquela xente adoraba ó Señor e, ó mesmo tempo, dáballes culto ós seus ídolos. Os seus fillos e os seus netos seguen facendo o mesmo cós seus pais, ata o día de hoxe.