Libro Segundo das Crónicas
31 Rematada a festa, tódolos israelitas presentes percorreron as cidades de Xudá destruíndo os cipos, talando as estelas e derrubando as ermidas e os altares de todo Xudá, Benxamín, Efraím e Menaxés ata que non quedou ningún. Logo cada un volveu á súa casa e cidade.
2 Ezequías organizou por clases ós sacerdotes e levitas, asignando a cada un a súa función sacerdotal ou levítica: ofrecer holocaustos e sacrificios de comuñón, dar gracias e louvar e servir á entrada dos campamentos do Señor. 3 Destinou parte dos bens da coroa a toda clase de holocaustos: matutinos e vespertinos, dos sábados, principios de mes e festividades, como manda a Lei do Señor. 4 Ós habitantes de Xerusalén ordenoulles axudar economicamente ós sacerdotes e levitas para que se puidesen dedicar á Lei do Señor. 5 Cando se espallou a orde, os israelitas recolleron as primicias do trigo, do mosto, do aceite, do mel e de tódolos productos agrícolas e entregaron abundantes décimos de todo. 6 Tamén os israelitas e xudeus que habitaban nas cidades de Xudá entregaron o décimo do gando maior e menor e o décimo das cousas sacrosantas dedicadas ó Señor, dispoñéndoos en montóns. 7 Comezaron a face-los montóns en maio e terminaron en outubro. 8 Cando chegaron Ezequías e as autoridades, ó veren os montóns, bendiciron ó Señor e ó seu pobo, Israel. 9 Ezequías pediu ós sacerdotes e levitas que o informasen sobre eles. 10 O sumo sacerdote Azarías, da familia de Sadoc, díxolles:
—“Desde que comezaron a traer ofrendas ó templo, comemos a fartar, pero sobrou moito, porque o Señor bendiciu ó seu pobo. Toda esta cantidade é o que sobrou”.
11 Ezequías deu orde de preparar uns silos no templo. Cando o fixeron, 12 levaron fielmente as ofrendas, o décimo e os dons sacrosantos. Encargaron deles ó levita Conanías e a seu irmán Ximí coma axudante. Por orde do rei Ezequías e de Azarías, prefecto do templo, nomearon inspectores a 13 Iehiel, Azaías, Náhat, Asahel, Ierimot, Iozabad, Eliel, Ismaquías, Máhat e Benaías, ás ordes de Conanías e de seu irmán Ximí. 14 O levita Coré, fillo de Imnah, porteiro da Porta de Oriente, estaba encargado das ofrendas voluntarias e de administra-las ofrendas do Señor e os dons sacrosantos. 15 Ás súas ordes estaban Edén, Miniamín, Xesús, Semaías, Amarías e Xecanías, repartidos polas cidades sacerdotais para aprovisionaren permanentemente a seus irmáns segundo ás súas clases, fosen grandes ou pequenos, 16 con tal de que estivesen inscritos entre os varóns a partir dos tres anos; é dicir, provían a tódolos que entraban diariamente ó servicio do templo para realiza-las funcións asignadas ás súas clases.
17 Os sacerdotes estaban rexistrados por familias; e os levitas —a partir dos vinte anos— polas súas funcións e clases. 18 Debíanse rexistrar con toda a súa familia, mulleres, fillos e fillas, todo o grupo, porque habían de ser fieis á súa consagración. 19 Respecto ós sacerdotes aharonitas que vivían nos arrabaldes das cidades, en todas elas había persoas encargadas nominalmente de prover ós sacerdotes varóns e a tódolos levitas inscritos no rexistro.
20 Ezequías impuxo esta norma en todo Xudá. Actuou con bondade, rectitude e fidelidade de acordo co Señor, seu Deus. 21 Todo o que emprendeu ó servicio do templo, da Lei e dos preceptos, fíxoo servindo ó seu Deus de todo corazón. Por iso tivo éxito.