Xob
21 Entón Xob respondeu:
2 —“Escoitade atentos o meu propósito:
¡Que iso sexa para min o voso consolo!
3 Aturádeme un intre mentres falo,
cando remate xa vos mofaredes:
4 ¿Presento eu o meu agravio contra un home?
¿Non teño razón para me impacientar?
5 Ollade para min e estarrecede,
e ponde a man na boca.
6 Cando o penso, alporízome
e aprétanseme as carnes co medo:
7 ¿Como é que aínda viven os malvados
e de vellos se cadra son máis ricos?
8 A súa caste medra a carón deles;
a súa prole, diante dos seus ollos.
9 Nas súas casas hai paz, non hai temores,
non bate nelas o fungueiro de Deus.
10 O seu touro cobre a vaca sen fallar,
a súa vaca pare sen abortar.
11 Deixan os seus nenos choutando coma años,
bailan os seus pequenos;
12 entoan ó ritmo do pandeiro e da cítola,
fólganse ó son da frauta,
13 transcorren os seus días na ledicia
e baixan tranquilos ó Xeol,
14 por máis que lle teñan dito a Deus: ¡Arreda de nós,
non queremos saber dos teus camiños!
15 ¿Quen é o Omnipotente para que o sirvamos?
¿Que proveito tiramos de rogarlle?
16 (Non teñen no seu control a súa prosperidade,
non estou eu de acordo co matinar dos malvados).
17 ¿Cantas veces se lle apaga a candea ó impío?
¿Cantas veces dá neles o malfado
ou lles reparte Deus dores na súa ira
18 ou se converten en palla diante do vento
ou coma lixos que a treboada esparexe?
19 ¿Garda Deus a miseria para os seus fillos?
¡Que lla faga pagar a el para que o sinta!
20 ¡Que vexan os seus ollos a desfeita!
¡Que beba a carraxe do Omnipotente!
21 Pois ¿que vai ser da súa casa despois del
cando remate a conta dos meses?
22 ¿Vai un darlle leccións a Deus
que xulga ós máis egrexios?
23 Uns morren na plenitude das súas forzas,
zumegando paz, e sen cavilacións,
24 cos lombos cheos de graxa
e aínda mol a cana dos seus ósos;
25 morren outros fartos de amargor,
sen gusta-lo que é bo,
26 e xuntos déitanos na mesma cinsa,
cóbrenos ós dous os vermes.
27 Ben sei eu os vosos pensamentos
e as arterías que contra min tecedes.
28 Dicides: ¿Onde está o pazo do poderoso
e onde a moradía dos malvados?
29 ¿Seica non o dades inquirido dos viandantes?
¿Non o dades pescudado nas súas historias?:
30 Que nos días malditos se salva só o impío
e se ceiba no día do furor.
31 ¿Quen lle bota en cara a súa conducta
e o forza a pagar polo que fixo?
32 En troques, lévano solemnemente ó nicho,
pónselle garda de honor no mausoleo;
33 sábenlle ben mesmo os terróns da cova,
arrastra tras de si un xentío,
e diante del desfilan a milleiros.
34 ¿Como teimades entón consolarme tan en van?
¡Das vosas respostas o que queda é fraude!”