Os Salmos
119 Ditosos os de conducta intachable,
os que andan coa lei do Señor.
2 Ditosos os que observan os seus mandatos
e o buscan de todo corazón;
3 os que non cometen iniquidade,
e van polos seus camiños.
4 Ti déche-los teus preceptos
para que se cumpran con esmero.
5 Que a miña conducta sexa firme
en garda-los teus decretos.
6 Non sufrirei decepción,
se me fixo nos teus dictados.
7 Louvareite con recto corazón,
ó aprende-las túas xustas decisións.
8 Quero cumpri-los teus mandatos,
endexamais non me abandones.
9 ¿Como atinará un mozo no camiño?
Gardando a túa palabra.
10 Eu búscote de todo corazón,
non me deixes desviar dos teus mandatos.
11 No meu corazón escondo os teus ditos,
para non pecar ante ti.
12 Bendito es ti, Señor:
ensíname a túa vontade.
13 Cos meus labios eu anuncio
toda decisión da túa boca.
14 Na túa revelación teño máis gozo
ca en tódalas riquezas.
15 Medito os teus decretos
e fíxome nos teus vieiros.
16 Atopo consolo na túa lei
e non esquezo a túa palabra.
17 Faille ben ó teu servo, para que viva
e garde a túa palabra.
18 Ábreme os ollos para que vexa
as marabillas da túa lei.
19 Eu son na terra un forasteiro:
non me escónda-los teus mandatos.
20 A miña alma esmorece,
arelando sempre as túas decisións.
21 Ti reprénde-los soberbios,
malditos os que se afasten das túas ordes.
22 Arreda de min aldraxes e desprezos,
pois eu gardo as túas revelacións.
23 Aínda que os grandes senten a murmurar de min,
o teu servo medita os teus mandatos.
24 Os teus preceptos son a miña delicia
eles son os meus conselleiros.
25 A miña alma está apegada ó po;
aléntame ti coa túa palabra.
26 Expóñoche os meus camiños, para que ti me respondas
e me ensíne-los teus preceptos.
27 Instrúeme nos teus mandatos
e meditarei as túas marabillas.
28 A miña alma chora entristecida;
confórtame ti coa túa palabra.
29 Arrédame do camiño enganoso
e dáme a gracia da túa instrucción.
30 Eu elixo o camiño da verdade
e fago miñas as túas decisións.
31 Apégame ás túas revelacións;
Señor, non me decepciones.
32 Eu corro tras dos teus mandatos,
pois ti ensánchasme o corazón.
33 Móstrame, Señor, a vía dos teus mandatos
e seguireina ata a fin.
34 Dáme entendemento para observa-la túa lei,
e gardareina de todo corazón.
35 Diríxeme polo vieiro dos teus mandamentos,
pois teño nel o meu contento.
36 Inclina o meu corazón ás túas revelacións
e non á miña comenencia.
37 Arreda da vaidade os meus ollos
e faime vivir no teu camiño.
38 Confírmalle ó teu servo a túa promesa,
a que leva ó teu temor.
39 Tírame do oprobio que temo:
os teus xuízos son amables.
40 Mira como amo os teus mandatos;
faime vivir na túa xustiza.
41 Veña, Señor, a min o teu amor,
o teu socorro, conforme a túa promesa.
42 Eu responderei ós que me inxurian
que confío na túa palabra.
43 Non quites da miña boca a palabra sincera;
eu confío nas túas decisións.
44 Gardarei a túa lei,
por sempre, eternamente.
45 Andarei con folgura,
porque busco os teus mandatos.
46 Falarei ante os reis das túas revelacións
e non me avergonzarei.
47 Fólgome cos teus mandatos
e téñolles afecto.
48 Bendigo os teus amados mandamentos
e medito na túa lei.
49 Lembra a túa promesa ó teu servo,
na que fixeches que esperase.
50 Este é o meu conforto na aflicción:
que a túa palabra me dá vida.
51 Os soberbios búrlanse de min,
mais eu non me arredo da túa lei.
52 Recordo as túas decisións doutros tempos
e consólome, Señor.
53 Sinto indignación contra os malvados,
que abandonan a túa lei.
54 Os teus preceptos son o meu cantar
no lugar da miña peregrinaxe.
55 De noite, Señor, recordo o teu nome
e fágolle a garda á túa lei.
56 Isto é o meu:
observa-los teus mandatos.
57 A miña sorte é o Señor:
eu propoño observa-la túa palabra.
58 De todo corazón busco a túa presencia:
apiádate de min, conforme a túa promesa.
59 Examino os meus camiños
e volvo cara á túa revelación os meus pasos.
60 Dilixente, non demoro
cumpri-los teus preceptos.
61 Cínguenme os lazos dos malvados,
pero eu non esquezo a túa lei.
62 Érgome á media noite para louvarte
polas túas xustas decisións.
63 Son amigo dos que te temen
e gardan os teus mandatos.
64 Do teu amor, Señor, está a terra chea:
móstrame os teus estatutos.
65 Ti dáslle bens ó teu servo,
Señor, conforme a túa palabra.
66 Dáme bo xuízo e discreción,
pois eu teño fe nos teus preceptos.
67 Antes de coñece-la aflicción, eu andaba errado,
pero agora observo os teus ditos.
68 Ti es bo e dás bens:
ensíname a túa vontade.
69 Os soberbios aumentan mentiras contra min,
mais eu gardo de corazón os teus preceptos.
70 O seu corazón é craso coma sebo,
para min é delicia a túa lei.
71 Foime boa a aflicción,
para aprende-los teus mandatos.
72 A túa vontade é para min mellor
ca milleiros de ouro e prata.
73 As túas mans fixéronme e formáronme:
ensíname a coñece-los teus mandatos.
74 Os que te temen verán e alegraranse
de que eu confíe na túa palabra.
75 Eu sei, Señor, que o teu xuízo é xusto
e que tes razón de aflixirme.
76 Que o teu amor me console,
conforme llo prometiches ó teu servo.
77 Que a túa piedade veña a min e vivirei;
a túa lei é a miña alegría.
78 Que se vexan confusos os soberbios que me aflixen sen razón;
eu medito os teus preceptos.
79 Que volvan onda min os que te temen
e os que coñecen a túa revelación.
80 Que o meu corazón sexa perfecto nas túas normas,
para que non sufra decepción.
81 A miña alma eslumece pola túa salvación,
eu confío na túa palabra.
82 Os meus ollos devecen pola túa promesa
e din: ¿Cando me consolarás?
83 Aínda que estou coma pelica afumada,
non esquezo as túas normas.
84 ¿Canto contan os días do teu servo?
¿Cando dictarás sentencia contra os meus perseguidores?
85 Os soberbios cávanme fosas,
desprezando a túa lei.
86 Os teus mandatos son firmes;
axúdame, que me abouran sen razón.
87 Por pouco non me borran da terra,
pero eu non deixo as túas normas.
88 Polo teu amor, fai que viva
e gardarei a revelación da túa boca.
89 A túa palabra, Señor, é eterna,
firme coma o ceo.
90 A túa verdade mantense polas xeracións,
ti fundáche-la terra e permanece.
91 A túa decisión todo o sostén ata hoxe,
e todo está ó teu servicio.
92 Se non tivese as delicias na túa lei,
xa tería perecido na miseria.
93 Non esquecerei xamais os teus preceptos,
pois dásme a vida por eles.
94 Eu son teu, sálvame ti;
eu esculco os teus mandatos.
95 Os malvados axexan para perderme,
mais eu estou atento á túa revelación.
96 A toda perfección lle atopo un límite,
mais o teu mandamento non ten fin.
97 ¡Canto amo eu a túa lei!
Medito nela o día enteiro.
98 Os teus preceptos fanme máis cordo cós inimigos,
pois están sempre comigo.
99 Avantaxo en sabedoría ós meus mestres,
porque medito na túa revelación.
100 Son máis asisado cós vellos,
porque cumpro os teus preceptos.
101 De todo mal camiño arredo os pés,
observando a túa palabra.
102 Non disinto das túas decisións,
porque ti es quen me ensina.
103 ¡Que doce é ó meu padal a túa palabra!
Máis doce có mel na miña boca.
104 Os teus mandamentos fanme asisado,
por iso aborrezo o vieiro enganoso.
105 A túa palabra é o faro dos meus pés,
a luz do meu camiño.
106 Xurei e cumprireino:
observa-las túas xustas decisións.
107 As miñas coitas son moi grandes;
dáme vida, Señor, conforme a túa promesa.
108 Acepta, Señor, os meus votos
e ensíname as túas decisións.
109 A miña vida está decote exposta,
pero eu non esquezo a túa lei.
110 Os malvados póñenme trampas,
mais eu non me desvío das túas normas.
111 A túa revelación é a miña herdanza duradeira,
o gozo do meu corazón.
112 Poño atención en garda-los teus preceptos,
por sempre e cumpridamente.
113 Eu aborrezo os hipócritas
e teño afecto á túa lei.
114 Ti e-lo meu refuxio, o meu escudo:
eu confío na túa palabra.
115 Arredádevos de min, malfeitores,
eu quero cumpri-las normas do meu Deus.
116 Sostenme ti, conforme a túa promesa, e vivirei,
non decepcióne-la miña esperanza.
117 Protéxeme e serei salvo;
estarei sempre atento ós teus mandatos.
118 Ti rexéita-los que abandonan as túas normas;
a súa retranca é enganosa.
119 Coma lixo remóve-los malvados,
por iso eu amo a túa revelación.
120 O meu corpo treme ante ti
e venero as túas decisións.
121 Eu practico o dereito e a xustiza;
non me entregues ós opresores.
122 Responde polo teu servo,
que non me asoballen os soberbios.
123 Os meus ollos devecen pola túa axuda
e pola túa palabra xusta.
124 Trata ó teu servo conforme o teu amor,
ensíname os teus mandamentos.
125 Eu son o teu servo: dáme intelixencia
para coñece-la túa revelación.
126 É hora de que actúes, Señor,
pois violan a túa lei.
127 Eu amo os teus mandamentos,
por riba do ouro máis puro.
128 Guíome polas túas normas
e aborrezo o camiño da mentira.
129 A túa revelación é admirable,
por iso eu a observo.
130 A ensinanza da túa palabra reloce,
fai sabios ós ignorantes.
131 Eu abro a boca e collo alento,
arelando as túas normas.
132 Vóltate cara a min e apiádate,
como fas cos que aman o teu nome.
133 Afirma os meus pasos nos teus ditos
e que a iniquidade non me asoballe.
134 Rescátame da opresión dos homes
e gardarei os teus preceptos.
135 Fai brillar ante o teu servo a túa presencia
e ensíname os teus mandatos.
136 Regatos de auga corren dos meus ollos,
polos que non gardan a túa lei.
137 Ti es xusto, Señor,
e as túas decisións, rectas.
138 Os teus mandatos son xustos,
cumpridamente verdadeiros.
139 Consómeme o celo,
ó ver que o inimigo se esquece dos teus ditos.
140 Os teus ditos son ben probados
e o teu servo tenlles afecto.
141 Pouca cousa son eu e desprezable,
mais dos teus preceptos non me esquezo.
142 A túa xustiza é eterna,
a túa lei verdadeira.
143 Angustias e coitas dan en min,
mais os teus mandatos son a miña alegría.
144 A túa revelación é sempre xusta:
ensíname ti e vivirei.
145 Chámote de todo corazón;
respóndeme, Señor; eu cumprirei as túas normas
146 Chámote a ti; socórreme;
eu observarei a túa revelación.
147 Érgome ó abrente pedindo a túa axuda;
eu confío na túa palabra.
148 Os meus ollos adiantan as vixilias da noite,
para meditar nos teus ditos.
149 Escoita a miña voz, segundo o teu amor,
dáme vida, Señor, conforme a túa decisión.
150 Aproxímanse os que me perseguen con maldade,
os que se afastan da túa lei.
151 Ti estás preto, Señor,
e os teus preceptos son firmes.
152 Hai tempo que coñezo a túa revelación;
ti asentáchela por sempre.
153 Olla a miña dor e líbrame,
pois non me esquezo da túa lei.
154 Defende a miña causa e rescátame,
dáme vida, conforme a túa promesa.
155 A salvación está moi lonxe dos malvados
que non estudian os teus preceptos.
156 Grande é, Señor, a túa misericordia;
dáme vida, conforme a túa decisión.
157 Moitos son os meus perseguidores e opresores,
mais da túa revelación non me arredo.
158 Vexo os traidores e sinto noxo
de que non teñan en conta os teus ditos.
159 Mira que eu amo os teus decretos;
dáme vida, Señor, conforme o teu amor.
160 O principio da túa palabra é a verdade,
as túas xustas decisións son eternas.
161 Os poderosos perséguenme sen causa,
pero o meu corazón respecta a túa palabra.
162 Teño na túa promesa maior ledicia
cá do que atopa un grande tesouro.
163 Aborrezo, destesto a mentira
e téñolle afecto á túa lei.
164 Lóuvote sete veces ó día,
polas túas xustas decisións.
165 Para os que aman a túa lei é todo paz,
non hai para eles tropezo.
166 Eu agardo, Señor, o teu socorro,
mentres cumpro os teus mandatos.
167 Observo a túa revelación
e téñolle moito afecto.
168 Gardo as túas normas e a túa revelación,
tódolos meus camiños están diante de ti.
169 Chegue ata ti, Señor, a miña queixa,
dáme sabedoría conforme a túa palabra.
170 Entre na túa presencia a miña súplica,
sálvame segundo a túa promesa.
171 Os meus labios publicarán a túa louvanza,
pois ti ensínasme os teus preceptos.
172 A miña lingua pregoará a túa palabra,
pois os teus decretos son xustos.
173 Socórreme coa túa man,
pois eu escollo as túas normas.
174 Eu arelo, Señor, a túa salvación,
a túa lei é a miña delicia.
175 Que eu viva para louvarte
e que me axuden as túas decisións.
176 Ando errante coma ovella descarriada:
terma ti do teu servo,
pois eu non esquezo os teus mandatos.