Os Salmos
(124:1) Cántiga das subidas, de David.
124 Se o Señor non estivese connosco,
—que o diga Israel—,
2 se o Señor non estivese connosco,
cando se ergueron os homes contra nós,
3 teríannos engulido vivos
no incendio da súa ira;
4 as augas xa nos terían sulagado
e o torrente pasado sobre nós;
5 xa nos terían mergullado
as augas escumantes.
6 Bendito sexa o Señor,
que non nos fixo presa dos seus dentes.
7 A nosa vida é coma o paxaro que se zafa
da trampa do cazador.
Rómpese a trampa,
e nós escapamos.
8 O noso socorro está no nome do Señor,
que fixo o ceo e maila terra.