Éxodo
21 Ensínalles tamén estas decisións:
2 Se mercas un servo hebreo, servirate por seis anos; pero no sétimo quedará libre, sen rescate. 3 Se entrou solteiro, solteiro sairá; se estaba casado, a muller sairá con el. 4 Se o amo lle deu muller e esta lle deu a luz fillos e fillas, a muller e mailos seus nenos serán para o amo, e el sairá só. 5 Se o servo di: Quérolle ó meu amo, á miña muller e ós meus fillos e non quero saír libre, 6 entón o amo levarao á presencia de Deus, porao contra a porta ou contra os linteis, furaralle a orella cunha subela, e el quedará coma servo seu para sempre.
7 Se alguén vende a súa filla por escrava, esta non sairá libre como saen os escravos. 8 Cando non lle guste ó amo que a destinara para si, este tena que deixar rescatar. Non a poderá vender a estranxeiros, cometendo traición con ela. 9 Se o amo a tiña destinada para o seu fillo, trataraa coma filla. 10 Se el toma para si outra muller, non lle negará á serva a mantenza, o vestido e os dereitos maritais. 11 Se non lle dese estas tres cousas, ela sairía libre sen rescate.
12 O que fira de morte a un home, será reo de morte. 13 Para o que non estaba ó axexo, senón que Deus llo puxo nas mans, sinalareiche un sitio, onde poida atopar asilo. 14 Pero se alguén se ergue alevosamente contra o próximo e o mata a traición, sacarédelo mesmo de onda o altar para que morra.
15 O que fire a seu pai ou súa nai é reo de morte. 16 O que rapte un home, o mesmo se logo o vende coma se o retén no seu poder, é reo de morte. 17 O que maldiga a seu pai ou a súa nai é reo de morte.
18 Se estala unha rifa e un home fire a outro cun cantazo ou co puño e o ferido non morre, pero ten que gardar cama, 19 no caso de que poida erguerse e andar por fóra cun caxato, o que o feriu será absolto, pero terá que pagarlle o tempo que bote na cama e as medicinas.
20 Se un home malla a paus ó seu servo ou á súa serva, de xeito que chegue a matalo, será reo de crime. 21 Pero se o servo dura con vida un día ou dous, o amo non será suxeito de vinganza, pois era a súa propiedade.
22 Se nunha pelexa entre homes algún bate a unha muller embarazada e lle provoca un malparto, pero sen que aconteza outra desgracia, o culpado pagará a cantidade que sinale o home da muller e que estimen os xuíces. 23 Se chega a resultar un dano grave, a compensación será vida por vida, 24 ollo por ollo, dente por dente, man por man, pé por pé, 25 queimadura por queimadura, ferida por ferida, mancadela por mancadela.
26 Se alguén fire nun ollo ó seu servo ou á súa serva e os deixa tortos, deberá dárlle-la liberdade polo ollo. 27 Se lles rompe un dente, deberá dárlle-la liberdade polo dente.
28 Se un boi cornea a un home ou a unha muller, causándolle-la morte, o boi será acantazado, e ninguén comerá a súa carne; o dono será declarado inocente. 29 Pero se o boi era turrón xa de atrás e, advertido o seu dono, este non o gardou, o boi morrerá acantazado e o seu dono será reo de morte. 30 Se lle impoñen un rescate pola vida, terá que paga-la cantidade que lle impoñan. 31 Se o boi cornea un rapaz ou unha rapaza, seguirase a mesma regra. 32 Se o boi turra contra un servo ou unha serva, o dono terá que pagar ó dono destes trinta siclos de prata, e o boi morrerá acantazado.
33 Cando alguén cave un pozo ou abra unha foxa, se non a tapa e cae nel un boi ou un xumento, 34 o dono do pozo terá que paga-lo que lle valía o animal ó seu dono, pero aquel quedarase co animal morto. 35 Se o boi de alguén manca o boi doutro e o mata, venderán o boi vivo e repartirán os cartos, e o boi morto irá tamén a medias. 36 Pero se era sabido de atrás que o boi era escornón, e o seu dono non o gardou, terá que pagar un boi por outro e o boi morto será seu.