Éxodo
27 Fara-lo altar de madeira de acacia, cadrado, de cinco cóbados de longo, cinco de ancho e tres de alto. 2 Nos catro ángulos faraslle saíntes coma cornos, que revestirás de bronce. 3 Para o altar farás, sempre de bronce, caldeiros para a cinsa, paletas, aspersorios, tenaces e braseiros. 4 Dotara-lo altar dun enreixado, feito de bronce e en forma de rede. Nos catro cantos levará catro argolas de bronce. 5 Pora-lo enreixado debaixo do reborde saínte do altar, desde a media altura ata o chan. 6 Farás aínda para o altar largueiros de madeira de acacia, recubertos de bronce; 7 meterasllos polas argolas dos costados, para podelo transportar. 8 O altar faralo oco e de táboas, conforme o modelo que che mostrei na montaña.
9 Co tabernáculo farás tamén o adro. Polo lado sur poraslle cortinas de liño fino torcido, cunha lonxitude de cen cóbados por lado. 10 As súas vinte columnas estarán asentadas en vinte basas de bronce. Os ganchos e as argolas das columnas serán feitos de prata. 11 Do mesmo xeito, polo norte, o adro levará unha cortina de cen cóbados de longa, vinte columnas asentadas en vinte basas de bronce, con alcaiatas e argolas de prata. 12 Ó ancho, polo ocaso, o adro levará unha cortina de cincuenta cóbados de longa, e dez columnas con outras tantas basas. 13 Ó ancho, polo nacente, a cortina terá tamén cincuenta cóbados. 14 A un lado da porta irán quince cóbados de cortina, con tres columnas e as súas basas. 15 Do lado oposto, a mesma cousa. 16 Para a porta do adro farás unha cortina de vinte cóbados, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido e bordada; levará catro columnas coas súas basas. 17 Tódalas columnas ó redor do adro levarán aneis de prata, con ganchos de prata e con basas de bronce. 18 O adro terá cen cóbados de longo, cincuenta de ancho e cinco de alto. Será de liño fino torcido, coas basas de bronce. 19 Tódolos utensilios para calquera dos servicios do tabernáculo, as súas estacas e as do adro, serán todos de bronce.
20 Ordénalles ós israelitas que che traian aceite puro de oliva, para mante-la lámpada acesa. 21 Aharón e os seus fillos colocarana na Tenda do Encontro, por fóra do veo que tapa o testemuño, para que brille diante do Señor, desde a noite á mañá. Esta é lei perpetua para tódalas xeracións de Israel.