Éxodo
36 Besalel, Oholiab e tódolos homes destros, ós que o Señor dera sabedoría e intelixencia para saberen face-la obras destinadas ó culto sagrado, puxéronse ó traballo conforme o mandara o Señor. 2 Moisés chamou a Besalel, a Oholiab e a tódolos homes destros, ós que o Señor dera habilidade e a cantos estaban dispostos a pó-la súa parte na realización das obras, 3 e entregóulle-los materiais que os israelitas lle trouxeran coma ofrenda para a obra do santuario que se había facer.
Os israelitas seguían traendo máis ofrendas, unha mañá tras doutra. 4 Deixando o seu traballo respectivo na construcción do santuario, viñeron os sabios artesáns 5 e dixéronlle a Moisés: —“O pobo está traendo xa máis do que cómpre para face-las obras que mandou o Señor”. 6 Entón deu Moisés a orde de pregoar no campamento: —“Que ningún home nin muller se esforce en traer máis ofrendas para as obras do santuario”. E o pobo deixou de traer. 7 O que trouxeran xa chegaba e sobraba para facer tódalas obras.
8 Os máis destros dos artífices puxéronse a face-lo tabernáculo, de dez lenzos de liño fino torcido, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, con querubíns bordados. 9 Cada lenzo medía vinteoito cóbados de longo por catro de ancho; eran todos da mesma medida. 10 Os lenzos empalmaban uns cos outros, en dúas series de cinco.
11 Fixeron logo presillas de púrpura violácea e puxéronos na orla do lenzo extremo dunha serie, e despois no da outra. 12 Cincuenta presillas ían na orla dun lenzo e cincuenta na do outro, de xeito que se correspondían entre elas. 13 Fixeron tamén cincuenta broches de ouro e uniron con eles os lenzos entre si. Dese xeito o santuario formaba un conxunto.
14 Teceron despois once lenzos de pelo de cabra, que servían de Tenda ó tabernáculo. 15 Cada lenzo medía trinta cóbados de longo e catro de ancho, todos da mesma medida. 16 Empalmaron nunha serie cinco lenzos e seis noutra, 17 e puxeron cincuenta presillas na orla de cada unha das dúas series de lenzos empalmados.
18 Fundiron cincuenta broches de bronce para xunta-los lenzos da Tenda e que constituísen unha unidade. 19 Fixeron para o tabernáculo unha cuberta de peles curtidas de carneiro, con outra cuberta por enriba de peles de teixugo.
20 Despois fixeron as táboas do tabernáculo de madeira de acacia, e puxéronas en pé. 21 Cada unha medía dez cóbados de longo e un e medio de ancho. 22 Cada táboa remataba en dous cantís, para machear unhas nas outras; as táboas eran iguais. 23 Logo distribuíron deste xeito as táboas do tabernáculo: vinte táboas polo lado sur, ó mediodía, 24 ás que puxeron debaixo corenta basas de prata, dúas por cada táboa ou unha por cada cantil. 25 No outro lado do tabernáculo, o que mira cara ó norte, puxeron outras vinte táboas, 26 coas súas corenta basas de prata, dúas debaixo de cada táboa. 27 Polo flanco do tabernáculo que mira cara ó mar puxeron seis táboas, 28 con dúas máis para que formasen os dous cantos. 29 Estas eran parellas por abaixo e encaixaban para arriba, ata a primeira argola. Dese xeito fixeron os dous cantos. 30 Eran, por xunto, oito táboas, con dezaseis basas de prata, dúas para cada táboa.
31 Fixeron tamén os traveseiros, de madeira de acacia, cinco para as táboas dun flanco do tabernáculo, 32 cinco para as do outro e cinco para as do ocaso. 33 Fixeron tamén o traveseiro que pasa polo medio das táboas, desde unha punta á outra. 34 As táboas revestíronas de ouro, e o mesmo os traveseiros. Tamén eran de ouro as argolas polas que pasaban os traveseiros.
35 Fixeron despois o veo, de púrpura violácea, escarlata e carmesí e de liño fino torcido, con querubíns bordados. 36 Para penduralo fixeron catro columnas de madeira de acacia, revestidas de ouro, con ganchos tamén de ouro; para as columnas fundiron catro basas de prata.
37 Para a entrada da Tenda fixeron unha cortina, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido, e bordada. 38 Levaba cinco columnas que a sostiñan, provistas de ganchos. Os seus capiteis e as súas molduras revestíronos de ouro e as súas basas de bronce.