O Cantar dos Cantares
1 O mellor dos Cantares, de Salomón.
2 —¡Que me bique cun bico da súa boca!
Abofé, mellores son có viño os teus amores,
3 mellores có recendo dos teus perfumes;
coma esencia que esvara é o teu nome,
ben é que te amen tanto as raparigas.
4 Arrástrame contigo: ¡Corramos!
Introdúzame o Rei na súa alcoba.
Folguémonos en ti, ledas abondo,
louvémo-los teus amores máis có viño.
¡Que ben fan en te amaren!
5 Morena eu son pero xeitosa
—meniñas de Xerusalén—
coma as tendas de Quedar,
coma as cortinas de Xalmah.
6 Non reparedes en que son moreniña:
foi que o sol me queimou.
Fillos de miña nai anoxáronse comigo,
puxéronme de garda nas súas viñas,
e a miña, a miña viña, non a gardei.
7 Dime ti, meu ben amado,
¿onde apacentas?
¿Onde fas repousa-lo gando ó mediodía?
¿Para que hei andar sen rumbo
onda os rabaños dos teus amigos?
8 —¿Non o sabes ti, belida entre as mulleres?
¡Vai tralas pegadas das ovellas!
¡Pasta os teus cabuxos
onda as cabanas dos pastores!
9 A unha egua de carros faraónicos
compárote eu, miña amada.
10 ¡Que ben feitas as meixelas entre os pendentes,
e a gorxa entre os colares!
11 ¡Farémosche colgantes de ouro puro,
coas doas prateadas!
12 —Mentres o Rei se deita no diván,
ponse o meu nardo a recender.
13 Folequiño de mirra é para min o meu amigo,
repousa entre os meus peitos;
14 coma acio de fiafeira é para min o meu amigo,
das viñas de En-Guedí.
15 —¡Si que es belida, miña amada,
si que es belida!
¡Os teus ollos son pombiñas!
16 —¡Si que es ti belido, meu amigo,
e ben garrido!