Xeremías
32 Esta é a palabra que de parte do Señor lle veu a Xeremías no ano décimo de Sedecías, rei de Xudá, o que corresponde ó ano décimo oitavo de Nabucodonosor.
2 Naquel entón os exércitos do rei da Babilonia estaban a cercar Xerusalén, mentres o profeta Xeremías estaba preso no patio da garda que había no palacio do rei de Xudá. 3 Prendérao Sedecías, o rei de Xudá, acusándoo:
—¿Por que profetizas ti dicindo: así fala o Señor: “Eu entrego esta cidade ó poder do rei de Babilonia, para que a conquiste? 4 E Sedecías, o rei de Xudá, non se escapará das mans dos caldeos, senón que será entregado de certo no poder do rei de Babilonia, e falarán cara a cara, e veranse fronte a fronte. 5 El conducirá a Babilonia a Sedecías, quen quedará alí ata que eu me ocupe del —é o Señor quen fala—. Aínda que resistades contra os caldeos, non sairedes con éxito”.
6 Entón dixo Xeremías:
—A palabra do Señor veu a min nestes termos: 7 Velaí vén Hanamel, fillo do teu tío Xalum, onda ti, a dicirche: “Merca para ti o campo que eu teño en Anatot, xa que es ti o que ten dereito de rescate para adquirilo”. 8 E, efectivamente, segundo a palabra do Señor, chegou Hanamel, o meu primo, o fillo do meu tío, ó patio da garda, e díxome: “Mércame o campo que teño en Anatot, na rexión de Benxamín, xa que ti te-lo dereito de herencia e a ti correspóndeche rescatalo: cómprao para ti”. E eu comprendín que aquilo era unha orde de Deus, 9 e merqueille a Hanamel, fillo do meu tío, o campo que el tiña en Anatot e peseille a prata: dezasete siclos foi o prezo. 10 Escribín o documento de compra, seleino e cerreino, fíxenllelo asinar ás testemuñas e pesei a prata na balanza. 11 Logo collín a escritura da compra, o texto selado e cerrado coa lei e coas determinacións, e o texto aberto, 12 e entregueille o documento de compra a Baruc, fillo de Nerías, fillo de Maseías, á vista de Hanamel, o meu primo, á vista das testemuñas, que asinaran a escritura da compra, e á vista de tódolos xudeus que estaban presentes no patio da garda: 13 á vista deles, deille a Baruc esta orde: 14 “Así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel:
Colle estes documentos, a escritura desta compra, a escritura cerrada e selada e esta escritura aberta, e ponos nunha ola de barro para que duren moito tempo, 15 pois así fala o Señor dos Exércitos, o Deus de Israel: Aínda se volverán mercar casas, campos e viñas neste país”.
16 Despois de lle dar a Baruc, fillo de Nerías, o documento da compra, dirixinlle ó Señor esta oración:
17 —¡Ai, meu Señor, meu Deus! Ti fixéche-lo ceo e maila terra
co teu grande poder e co teu brazo estendido,
nada hai demasiado difícil para ti.
18 Ti usas de fidelidade con miles e miles,
mentres que devólve-la iniquidade dos pais
ó seo dos fillos que os suceden.
Este é o gran Deus, o guerreiro valente;
Señor dos Exércitos é o seu Nome.
19 ¡Grandeza a deste plan, sublimidade a destes feitos!
Pois os teus ollos están ben abertos
sobre o comportamento de tódolos homes,
para darlle a cada un conforme a súa conducta
e os froitos das súas obras.
20 Mostrácheste realizando sinais e prodixios
no país de Exipto ata o día de hoxe,
e deste xeito en Israel e en todo o mundo
adquiriches un renome coma o que hoxe tes,
21 xa que sacáche-lo teu pobo Israel
do país de Exipto con sinais e con prodixios,
con man forte e brazo estendido,
con impresionante poder,
22 e décheslles esta terra
que lles xuraras dar a seus pais,
terra que deita leite e mel.
23 Entraron e tomaron posesión dela,
pero non escoitaron a túa voz,
nin seguiron as túas normas,
non fixeron o que ti lles mandaras facer.
Por isto fixeches que lles acontecese toda esta desgracia.
24 Velaquí as rampas de asedio que chegan á cidade para conquistala,
a cidade entrégase ó poder dos caldeos,
que a estiveron asediando coa espada, a fame e a peste.
Está a suceder o que eu dixen, e ti estalo a ver.
25 Pero, ti, meu Señor, Deus, acábasme de dicir:
“Merca o campo con prata, fai asinar ás testemuñas”,
cando a cidade está sendo entregada ós caldeos.
26 Entón veulle a Xeremías a palabra do Señor nestes termos:
27 —Eu, o Señor, son o Deus de tódolos homes:
¿acaso hai algo imposible para min?
28 Por isto, así fala o Señor:
—Vou entregar esta cidade ó poder dos caldeos, ó poder de Nabucodonosor, rei de Babilonia, que a conquistará.
29 Os caldeos que están asediando esta cidade entrarán nela e prenderanlle lume; incendiarán as casas onde, nas terrazas, queimaron incenso en honor de Baal e verteron libacións a deuses alleos para anoxarme a min. 30 Pois foron os fillos de Xudá e mailos fillos de Israel os que xa desde a súa mocidade estiveron cometendo maldades ós meus ollos; certo, os fillos de Israel estanme a ofender coas prácticas idolátricas —é o Señor quen fala—. 31 A pesar da miña ira e a pesar do meu furor, esta cidade está contra min desde o día en que a construíron ata o día de hoxe. ¡Que se aparte da miña presencia, 32 por toda a maldade dos fillos de Israel e dos fillos de Xudá que me fixeron enfadar: eles, os seus reis, os seus principais, os seus sacerdotes, os seus profetas, os homes de Xudá, os habitantes de Xerusalén! 33 Volvéronme as costas e non deron a cara. Ensinéille-la sabedoría, pero eles non aprenderon a lección do castigo. 34 Poñen as súas abominacións no templo sobre o que se invoca o meu Nome para profanalo. 35 Ollade: nos outeiros do val de Ben Hinnom construíron os altares de Baal para pasar polo lume os seus fillos e mai-las súas fillas en honor de Molok, cousa que nin eu lles mandei; nin se me veu á cabeza que fixesen semellante horror, extraviando deste xeito a Xudá. 36 Pois ben, agora así fala o Señor, Deus de Israel, encol desta cidade, que vós vedes que está á mercede do poder do rei de Babilonia, da espada, da fame e da peste.
37 “Vede que os vou xuntar de tódolos países a onde os dispersei por causa da miña ira, da miña furia e do meu grande noxo, e farei que volvan a este lugar e que vivan con toda a seguridade. 38 Eles serán o meu pobo e eu serei o seu Deus. 39 Daréille-la mesma mentalidade e o mesmo comportamento, de xeito que me respecten sempre. ¡Que ben será para eles e para os fillos que os sucedan! 40 Pactarei con eles unha alianza eterna; non me apartarei deles para lles facer ben e porei o meu respecto no seu corazón, de xeito que non se aparten da miña presencia. 41 Alegrareime neles facéndolles ben e na miña fidelidade heinos plantar nesta terra con todo o meu corazón e con tódalas miñas forzas”.
42 Así fala o Señor: —O mesmo que trouxen sobre este pobo toda esta grande calamidade, así tamén lles traerei todo o ben que lles estou prometendo. 43 Mercarase o teu campo neste país que vós estades vendo feito unha desolación por falta de homes e de animais, que está sendo entregado ó poder dos caldeos. 44 Mercarán campos con prata, redactarase a escritura, asinarana e cerrarana e firmarán as testemuñas na rexión de Benxamín, nos arredores de Xerusalén, nas cidades de Xudá, nas cidades da montaña, nas cidades da Xefelah e nas cidades do Négueb, xa que eu farei volve-los seus cativos —é o Señor quen fala—.