Xeremías
39 No ano noveno de Sedecías, rei de Xudá, no mes décimo, veu Nabucodonosor, rei de Babilonia, e tódolos seus exércitos a Xerusalén, e rodeárona. 2 No ano undécimo de Sedecías no mes cuarto, o nove do mes, abriron brecha na cidade. 3 Tódolos xenerais do rei de Babilonia entraron nela, e sentáronse na porta central: Nergal —príncipe de Éser—, Samgar-Nebú —príncipe de Sequim, gran xefe de eunucos—, e todo o resto dos xenerais do rei de Babilonia. 4 E sucedeu que cando os viron Sedecías, rei de Xudá e tódolos homes de guerra, fuxiron a correr da cidade de noite, a través do xardín do rei, pola porta entre os dous muros, e saíron camiño da Arabah. 5 Pero os exércitos dos caldeos perseguíronos e déronlle alcance a Sedecías nas chairas de Iericó; collérono e levárono a Riblah, na rexión de Hamat onda Nabucodonosor, rei de Babilonia, quen dictou sentencia contra el. 6 O rei de Babilonia fixo matar a tódolos fillos de Sedecías na súa presencia, en Riblah; e a tódolos nobres de Xudá tamén os fixo morrer o rei de Babilonia. 7 Tamén cegou os ollos de Sedecías e o atou con dúas cadeas de bronce para levalo a Babilonia. 8 Os caldeos prendéronlle lume ó palacio real e ás casas do pobo, e botaron abaixo as murallas de Xerusalén 9 e ó resto do pobo que quedaba na cidade, e ós desertores que se pasaran a Nabucodonosor e a tódolos restantes, levounos cativos a Babilonia Nebuzardán, xefe da garda persoal. 10 Pero ós pobres de entre o pobo, que non tiñan nada, deixounos quedar Nebuzardán, xefe da garda persoal, no país de Xudá, e entregoulles aquel día as viñas e os campos.
11 Nabucodonosor, rei de Babilonia, deulle estas ordes a Nebuzardán, xefe da garda persoal, acerca de Xeremías:
12 —Cólleo ó teu cargo e mira por el; non lle fagas nada malo: máis ben cúmprelle o que che pida.
13 Nebuzardán, xefe da garda persoal, Samgar-Nebú, xefe dos eunucos, Nergal, príncipe de Éser e xeneralísimo, e tódolos xefes do rei de Babilonia 14 mandaron buscar a Xeremías ó patio da garda e entregáronllo a Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, para que o deixase ir á súa casa e vivir entre o pobo.
15 Cando estaba preso Xeremías no patio da garda veulle a palabra do Señor nestes termos:
16 —Vai, e dille isto a Ébed-Mélec, o etíope:
Así fala o Señor dos Exércitos, Deus de Israel:
Eu vou trae-las miñas palabras a esta cidade,
para mal e non para ben:
o día aquel cumpriranse na túa presencia.