Levítico
22 Faloulle o Señor a Moisés: 2 —“Dilles a Aharón e a seus fillos que fagan que os israelitas reverencien as miñas cousas santas, e non profanen o meu nome, que eles teñen que santificar. Eu son o Señor. 3 Dilles: para tódalas vosas xeracións, calquera da vosa raza, que, tendo algunha eiva, se achegue ás cousas santas consagradas polos israelitas ó Señor, será exterminado da miña presencia. Eu son o Señor. 4 Ninguén da liñaxe de Aharón, afectado de lepra ou de gonorrea, poderá comer no santuario, namentres non se purifique; nin tampouco quen tocou o cadáver dun animal calquera ou tiver polución, 5 así como quen toque algún reptil impuro ou algún home no que haxa impureza de calquera caste. 6 Quenquera que o toque, quedará impuro ata a tarde, e non poderá comer cousas sagradas en tanto non lave o seu corpo con auga. 7 Á posta do sol será puro de novo e poderá comer das cousas sagradas, pois elas son o seu alimento. 8 Non poderá comer carne dun animal morto ou esnaquizado por unha fera: contaminaríase con el. Eu son o Señor. 9 Gardarán os meus mandamentos, e así non cargarán co seu pecado nin morrerán por causa deste alimento, por se profanaren con el. Eu son o Señor, que os santifiquei. 10 Ningún estraño comerá cousa sagrada, sexa hóspede do sacerdote, sexa o seu xornaleiro. 11 Se o sacerdote, sen embargo, adquire polo seu diñeiro unha persoa, ela poderá comer con el, e tódolos que nazan na súa casa, poderán comer do seu alimento. 12 A filla do sacerdote que casa cun estraño, non poderá comer do que se recolle no santuario. 13 Con todo, a filla do sacerdote que enviúva ou foi repudiada sen ter fillos e torna á casa do pai e vive con el coma cando era solteira, poderá comer do alimento do pai; pero ningún estraño poderá comer do mesmo. 14 Calquera que, sen se decatar, comese das cousas sagradas, restituiralle ó sacerdote a cousa mesma ademais dunha quinta parte da cousa sagrada. 15 Non profanarán as cousas sagradas que os israelitas lle ofrezan ó Señor. 16 Os que as coman, cargarán coa súa culpa, co delito de comeren das cousas sagradas, que santifiquei eu. Eu son o Señor”.
17 Faloulle o Señor a Moisés: 18 —“Fálalles a Aharón e a seus fillos e a tódolos fillos de Israel: Calquera israelita, ou estranxeiro residente entre os israelitas, que ofrezan como holocausto ó Señor un sacrificio por calquera clase de voto ou de promesa voluntaria, 19 para que lle sexa aceptable, terá que ser macho sen tacha, bovino, ovino ou caprino. 20 Non ofrecerá nada defectuoso, pois non sería feito con boa intención pola vosa parte. 21 Calquera que ofreza ó Señor un sacrificio de comunión, para cumprir un voto ou por devoción espontánea, terá que ser de gando maior ou menor, pero sen tacha. Non terá ningún defecto. 22 Non ofreceredes ó Señor, nin queimaredes no seu altar víctima cega nin coxa nin manca nin a que teña algunha úlcera ou sarna ou algunha ferida. 23 Boi ou ovella desproporcionada ou pequeneira poderase ofrecer como sacrificio espontáneo, pero non será acepto para cumprir un voto. 24 Non ofreceredes ó Señor víctimas cos testículos sumidos ou esmagados ou arrincados ou cortados. Na vosa terra non ofreceredes víctimas desas. 25 Non ofreceredes, como alimento do voso Deus, ningunha víctima recollida da man dun forasteiro, se están cheas de defectos e tachas: non vos serían aceptables para ben voso”.
26 Faloulle o Señor a Moisés: 27 —“O tenreiro, o año e o cabrito estarán coa nai os sete primeiros días despois de nacer. Do día oitavo para adiante será aceptable como ofrenda de holocausto para o Señor. 28 Non matarás no mesmo día un boi ou un carneiro xunto co seu fillo. 29 Cando ofrezades un sacrificio de louvanza ó Señor, facédeo de maneira que vos sexa ben acolleito. 30 Comeréde-la víctima no mesmo día en que a sacrificastes, sen deixar nada dela para a mañá seguinte. Eu son o Señor. 31 Gardaréde-los meus mandatos e cumprirédelos. Eu son o Señor. 32 Non profanaréde-lo meu nome santo. Eu hei de ser santificado no medio dos fillos de Israel, porque son eu, o Señor, quen vos santifica. 33 Saqueivos de Exipto para se-lo voso Deus. Eu son o Señor”.