Abdías
1 Visión de Abdías.
Así lle di a Edom o meu Señor, Iavé:
Oímos unha mensaxe da parte do Señor,
un mensaxeiro que foi enviado ás nacións:
“¡Arriba! Poñámonos en pé de guerra contra Edom!”
2 Velaí: convértote no máis pequeno dos pobos,
e ben desprezable serás ti,
3 pois seduciute o orgullo dos teus propósitos.
Edom mora no refuxio da Pedra,
vive na altura pensando para os seus adentros:
“¿Quen me fará baixar ó Abismo?”
4 Pois aínda que subas coma unha aguia,
e póña-lo teu niño entre as estrelas,
fareite baixar de alá —é o Señor quen fala—.
5 Se entrasen en ti ladróns,
¿non che roubarían todo o que lles é preciso?
Se che entrasen os salteadores da noite,
¿non serías totalmente destruída?
Se entrasen en ti os vendimadores,
¿non che deixarían sen un acio?
6 ¡Como son pescudados os descendentes de Esaú,
e rebuscados os seus tesouros!
7 Fante recuar ata a túa fronteira
tódolos homes que fixeron alianza contigo,
engánante e pódenche;
a xente que goza en paz da túa fartura devórate,
pon lazos debaixo de ti.
¡Non hai en Edom nin miga de intelixencia!
8 Pero o día aquel —é o Señor quen fala—
¿acaso non farei desaparece-los sabios de Edom,
e a intelixencia da montaña de Esaú?
9 Estarrecerán os teus valentes, Temán,
desaparecerán todos da montaña de Esaú.
Por causa do asasinato
10 e da violencia contra o teu irmán, Xacob,
a vergonza cubrirate e desaparecerás para sempre.
11 O día en que lle mantíña-la súa oposición,
cando estranxeiros levaban cativo o seu exército,
e cando estraños entraban polas súas portas
e botaban sortes sobre Xerusalén,
tamén ti eras coma un deles.
12 Non olles con agrado para o día de teu irmán,
para o día da súa desgracia.
Non te alegres dos fillos de Xudá o día do seu desastre,
non abras demasiado a túa boca o día da súa angustia.
13 Non entres pola porta do meu pobo o día da súa calamidade,
non olles tampouco ti
para o seu mal o día da súa calamidade.
Por favor non mandes coma escravos
ó teu territorio nada do seu exército
o día da súa calamidade.
14 Non te plantes nas encrucilladas dos camiños
para acabar cos seus fuxidos,
non vénda-los que queden o día da angustia.
15 Porque está preto o día do Señor contra tódolos pobos:
o mesmo que fixeches, faracho El a ti,
o teu merecido volverá á túa cabeza.
16 O mesmo que bebestes da miña ira sobre o monte do meu santuario,
así beberán da miña ira tódolos pobos por turno;
si, beberán e sorberán,
e serán coma se non fosen.
17 Pero no monte de Sión haberá supervivencia
o monte será santuario,
a casa de Xacob recobrará a súa herdanza,
18 a casa de Xacob será lume,
a casa de Xosé, labarada,
e a casa de Esaú servirá de estopa,
que prenderá neles e consumiraos,
e non haberá sobrevivente da casa de Esaú.
¡Si!, díxoo o Señor.
19 A casa de Xacob e a casa de Xosé posuirán o Négueb,
a montaña de Esaú e mailas Terras Baixas, o territorio dos filisteos;
tamén posuirán os campos de Efraím
e os campos de Samaría, Benxamín e Galaad.
20 Os deportados, ese exército de fillos de Israel,
perseguirán ós cananeos ata Sarpat,
e os deportados de Xerusalén que viven en Sefarad
posuirán as cidades do Négueb,
21 e subirán, libertadores, ó monte Sión,
para gobernar nas montañas de Esaú.
Entón o reino será para o Señor.