Evanxeo segundo San Xoán
4 Xesús decatouse de que os fariseos oíran que el facía máis discípulos e bautizaba máis ca Xoán 2 (anque a verdade era que non bautizaba Xesús mesmo senón os seus discípulos). 3 Entón deixou a Xudea e partiu outra vez para Galilea.
4 Necesitaba pasar pola Samaría. 5 Chegou, logo, a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. 6 Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era ó pé do mediodía. 7 Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle:
—Dáme de beber.
8 (Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).
9 Preguntoulle entón a muller samaritana:
—¿Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).
10 Respondeulle Xesús:
—Se coñecése-lo don de Deus e quen é o que che di “dáme de beber”, ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.
11 Replicoulle a muller:
—Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, ¿de onde pensas quitar esa auga viva? 12 ¿Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?
13 Xesús contestoulle:
—Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; 14 pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca mais terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
15 A muller suplicou:
—Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.
16 Díxolle Xesús:
—Vai chamar polo teu marido e volve aquí.
17 A muller contestou:
—Non teño marido.
Xesús díxolle:
—Falaches ben, dicindo “non teño marido”; 18 tiveches cinco homes e o que tes agora non é teu marido. Desta si que faláche-la verdade.
19 A muller respondeu:
—Señor, vexo que ti es profeta. 20 Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar.
21 Xesús díxolle:
—Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraréde-lo Pai. 22 Vós adoráde-lo que non coñecedes; nós adorámo-lo que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. 23 Pero chega a hora —é xa agora— en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. 24 Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
25 Respondeu a muller:
—Sei que está para vi-lo Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos anunciar tódalas cousas.
26 Díxolle Xesús:
—Son eu, o que está falando contigo.
27 Nisto chegaron os seus discípulos e chamóulle-la atención que falase cunha muller. Pero ningún lle preguntou: “¿Que pretendes?” ou “¿De que falas con esa?”
28 Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles ós veciños:
29 —Vide ver un home que me dixo todo canto eu fixen. ¿Non será el o Mesías?
30 Eles saíron da vila e viñeron onda el.
31 Mentres, os seus discípulos insistíanlle:
—Rabbí, come.
32 Mais el díxolles:
—Eu teño para xantar unha comida que vós non sabedes.
33 Dicíanse entón os discípulos, uns ós outros:
—¿Traeríalle alguén de comer?
34 Xesús díxolles:
—A miña comida é face-la vontade daquel que me mandou e levar a remate a súa obra. 35 ¿Non dicides vós que aínda faltan catro meses para que chegue a seitura? Ben, pois mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes que os campos están brancos para a seitura. 36 O que sega recibe a paga e recolle froito para a vida eterna; de xeito que se alegran tanto quen sementa coma quen sega. 37 Pois nisto é verdadeiro o dito de que un é quen sementa e outro quen recolle. 38 Eu mandeivos recolle-lo que vós non traballastes: outros traballaron e vós recolléste-lo froito do seu traballo.
39 Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, que declaraba: “díxome todo canto eu fixen”. 40 Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. 41 E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. 42 Dicíanlle despois á muller:
—Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.
43 Pasados os dous días, saíu de alí para Galilea 44 (pois o mesmo Xesús afirmara que ningún profeta é honrado na súa patria). 45 Entón, cando chegou á Galilea, fórono espera-los galileos, pois, como tamén eles foran á festa, viran todo canto el fixera en Xerusalén ese día. 46 Volveu así de novo a Caná de Galilea, onde cambiara a auga en viño.
Había en Cafarnaúm un funcionario que tiña o fillo enfermo. 47 Oíndo que Xesús viña da Xudea cara á Galilea, foino esperar, e rogáballe que baixase a cura-lo seu fillo, que estaba á morte.
48 Díxolle entón Xesús:
—Se non vedes sinais e prodixios, non credes.
49 O funcionario insistiu:
—Señor, baixa antes de que morra o meu meniño.
50 Xesús contestoulle:
—Vaite, o teu fillo vive.
O home creu na palabra que lle dixera Xesús e foise. 51 E, cando xa el baixaba, saíronlle ó encontro os seus servos, para lle dicir que o neno xa se puxera ben. 52 Entón preguntoulles a que hora empezara a nota-la melloría.
Eles respondéronlle:
—Onte, a iso da unha baixoulle a febre.
53 Decatouse entón o pai de que aquela fora a hora na que lle dixera Xesús “o teu fillo vive”, e creu el e mais toda a súa familia.
54 Este segundo signo fíxoo Xesús cando voltaba da Xudea para a Galilea.