Evanxeo segundo San Xoán
9 Ó pasar, viu a un cego de nacemento. 2 Entón preguntáronlle os seus discípulos:
—Mestre, ¿quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?
3 Xesús respondeu:
—Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus. 4 Precisamos face-las obras do que me mandou mentres é día; está a chega-la noite e daquela ninguén pode traballar. 5 Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.
6 Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, 7 dicíndolle:
—Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir “enviado”). El foi, lavouse e volveu con vista. 8 Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:
—¿Non é este o que estaba sentado pedindo?
9 Uns decían: “éche o mesmo”; outros, “non, é un que se lle asemella”; e el dicía: “son eu”. 10 Entón preguntábanlle:
—Daquela ¿como se che abriron os ollos?
11 El respondeu:
—O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: “Vai a Siloé e lávate”. Entón fun e, ó que me lavei, comecei a ver.
12 Preguntáronlle:
—¿Onde está ese?
El contestou:
—Non o sei.
13 Levaron onda os fariseos o que fora cego. 14 (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). 15 E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:
—Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.
16 Algúns dos fariseos dicían: “Este home non vén de Deus, que non garda o sábado”. Outros, en cambio, dicían: “¿Como ía poder un home pecador facer estes sinais?” E había división entre eles.
17 Entón preguntáronlle outra vez ó cego:
—¿A ti que che parece ese home que lles deu a vista ós teus ollos?
El contestou:
—Que é un profeta.
18 Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos seus pais 19 e lles preguntaron:
—¿É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo ¿como é que agora ve?
20 Os pais responderon:
—Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego: 21 como é que agora ve, non o sabemos; nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos para falar en por si.
22 (Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo ós xudeus, pois xa se puxeran de acordo en que, se alguén o recoñecía coma Mesías, botábano da sinagoga. 23 Por isto dixeron seus pais: “Ten idade, preguntádelle a el”).
24 Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle:
—Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador.
25 El entón respondeu:
—Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo.
26 Dixéronlle entón:
—Pero ¿que foi o que che fixo? ¿Como che deu a vista?
27 Respondeulles:
—Xa volo dixen e non me fixestes caso. ¿Por que queredes oílo outra vez? ¿Ou é que tamén queredes facervos discípulos del?
28 Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle:
—Serás ti discípulo del; nós somos discípulos de Moisés. 29 Nós sabemos que a Moisés lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é.
30 O home replicoulles:
—Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e el déulle-la vista ós meus ollos. 31 Sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero se un é piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao. 32 Endexamais non se soubo de ninguén que dese vista a un cego de nacemento: 33 se este non viñese de Deus, non podía facer nada.
34 Respondéronlle eles:
—Ti naciches todo metido en pecados ¿e vasnos ensinar a nós?
E botárono fóra.
35 Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
—¿Cres ti no Fillo do Home?
36 El respondeulle:
—¿E quen é, Señor, para que crea nel?
37 Díxolle Xesús:
—Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.
38 El dixo:
—Creo, Señor.
E postrouse diante del.
39 Entón dixo Xesús:
—Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan; e os que ven, se volvan cegos.
40 Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle:
—¿E, logo, nós tamén estamos cegos?
41 Xesús contestoulles:
—Se estivesedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso pecado permanece.