Os Feitos dos Apóstolos
27 Cando se decidiu que embarcasemos para Italia, confiaron a Paulo e outros presos a un centurión chamado Xulio, da cohorte Augusta. 2 Embarcamos nunha nave de Adramitio, que estaba a punto de zarpar para as costas de Asia e saímos para o mar, levando connosco a Aristarco, macedonio de Tesalónica.
3 Para o outro día chegamos a Sidón; e Xulio, tratando a Paulo con humanidade, permitiulle visita-los seus amigos e recibir atencións por parte deles.
4 Desde alí saímos para o mar e navegamos ó abeiro de Chipre, porque os ventos eran contrarios; 5 despois, atravesando os mares de Cilicia e da Panfilia, chegamos a Mira de Licia. 6 Alí, o centurión atopou unha nave alenxandrina, que se dirixía a Italia, e fíxonos subir a bordo. 7 Durante moitos días navegamos lentamente, e con traballos chegamos fronte a Cnido; como o vento non nos era favorable, navegamos bolinando ó amparo de Creta por Salmona; 8 logo de costeala con traballos, chegamos a un sitio chamado Bos-Portos, cerca da cidade de Lasea.
9 Pasando bastante tempo e correndo perigo a navegación, pois xa pasara o tempo do xexún, Paulo 10 avisounos:
—Amigos, paréceme que imos ter navegación perigosa e con mal para a carga e tamén para as nosas vidas. 11 Pero o centurión fiábase máis do piloto e do patrón do barco ca das palabras de Paulo; 12 e, como o porto non era axeitado para invernar, a maioría foi do parecer de largar de alí e ver de chegar a Fenice, porto de Creta volto cara ó suroeste e o noroeste. 13 E levantándose un ventiño levián do sur, coidaron poder realiza-lo seu proxecto. Levantaron a áncora e comezaron a costear Creta sempre cerca de terra.
14 Ós poucos, por iso, levantouse da illa unha ventada chamada euraquilón 15 e arrastrou o barco; como non podiamos facerlle fronte ó vento, deixámonos levar por el. 16 Avanzando protexidos por unha pequena illa chamada Cauda, conseguimos con moitos traballos apoderarnos do bote; 17 izado a bordo, botaron man de recursos de emerxencia, cinguindo a nave con cables; por medo de bater contra os baixos de Sirte, arriaron velas e deixáronse ir á deriva. 18 Como o temporal nos abalaba con furia, ó outro día alixeiraron a carga; 19 e ó terceiro guindaron no mar os aparellos coas súas propias mans. 20 Por moitos días non vimos sol nin estrelas e, como a tempestade non amainaba, iamos perdendo a esperanza de nos salvarmos.
21 Levabamos moito tempo sen comer, cando Paulo, de pé no medio deles, díxolles:
—Amigos, se me fixesedes caso, non saiamos daquela de Creta e aforrabamos agora este perigo e esta perda. 22 Pero agora pídovos que teñades azos, que ningún de vós vai perecer; só se perderá o barco; 23 esta noite presentóuseme un anxo do Deus a quen pertenzo e a quen sirvo, 24 dicindo: “non temas, Paulo, tes que te presentar diante do César e Deus concedeuche a vida de tódolos que navegan contigo”. 25 Polo tanto, ¡ánimo!, que eu confío en Deus que sucederá como se me dixo. 26 Temos que ir dar nalgunha illa.
27 A décima cuarta noite de andarmos á deriva polo Adriático, no medio da noite, ventaron os mariñeiros que había terra cerca. 28 Botaron a sonda e eran vinte brazas; pouco despois, botárona de novo e xa eran quince. 29 Por medo de ir bater contra algúns cons, botaron catro áncoras por popa esperando con ansia pola chegada do día. 30 Os mariñeiros, co pretexto de iren bota-las áncoras de proa, arriaban o bote ó mar, querendo fuxir da nave. 31 Entón díxolles Paulo ó centurion e ós soldados:
—Se eses homes non fican no barco, vós non vos poderedes salvar.
32 Daquela os soldados cortaron as amarras do bote e deixárono caer.
33 Paulo, conforme ía abrindo o día, ía animando a todos para que tomasen alimento, dicíndolles:
—Con hoxe son catorce días que estades á expectativa, en xexún, sen pasar bocado. 34 Recoméndovos que vos alimentedes: iso axudará á vosa salvación, pois ninguén de vós perderá un pelo da cabeza.
35 Dito isto, tomou pan, deu gracias a Deus diante de todos e partíndoo, comezou a comer. 36 Animáronse todos e tamén eles tomaban alimento. 37 Entre todos eramos no barco duascentas setenta e seis almas. 38 Logo de se fartaren, alixeiraron o barco, botando o trigo ó mar.
39 Cando se fixo día, non recoñeceron a terra. Só vían unha enseada cunha praia e decidiron varar alí a nave, se é que podían. 40 Soltaron as áncoras, que abandonaron no mar, e afrouxaron as amarras dos peltres que facían de temón; logo, izaron a vela de popa e puxeron proa á praia. 41 Pero, indo bater nun baixo con mar por ámbolos lados, encallaron o barco; a proa, ben chantada, non se movía, pero a popa foise desconxuntando coa forza das ondas.
42 Os soldados tomaron a decisión de mata-los presos, para que non fuxise ningún a nadar. 43 Pero o centurión, querendo salvar a Paulo, impedíullelo e mandou que os que sabían nadar chegasen a terra, botándose a auga os primeiros; 44 e despois os restantes, uns en táboas e outros en restos do barco. Deste xeito, chegaron todos sans e salvos a terra.