Carta ós Romanos
11 Pero entón pregunto: ¿e non será que Deus rexeitou ó seu pobo?
—De ningunha maneira. Pois tamén eu son israelita, da proxenie de Abraham, pola tribo de Benxamín: 2 non rexeitou Deus ó seu pobo, o pobo que El escolleu. ¿Ou é que non sabéde-lo que di a Escritura na historia de Elías? Como interpela a Deus en contra de Israel: 3 Señor, mataron ós teus profetas, desfixeron os teus altares; quedei eu soamente, e aínda buscan a miña vida. 4 Pero ¿que lle responde a voz divina?: Reservei para min sete mil homes, que non dobraron o xeonllo perante Baal.
5 Da mesma maneira, tamén neste intre de agora, reservou un resto elixido por pura gracia. 6 Ora, se foi por gracia, non foi polas obras; outramente a gracia xa non sería gracia.
7 ¿Entón que? —Que Israel non logrou o que andaba a buscar, mentres que o lograron os elixidos. Os demais endurecéronse, 8 como está escrito:
Deulles Deus un espírito
aparvado, ollos para non veren e oídos para non oíren,
ata o día de hoxe.
10 Entebrezan os seus ollos para non veren.
Dóbrelle-lo lombo para sempre.
11 Sigo preguntando: ¿E eles tropezaron para non se ergueren máis? —De ningunha maneira. Ó contrario, pola súa caída véulle-la salvación ós xentís, a fin de espertar neles os celos. 12 Ora, se a súa caída foi riqueza do mundo e a súa perda foi riqueza dos xentís, ¿que non será a súa plenitude?
13 Isto dígovolo a vós, os xentís. E, coma apóstolo que son dos xentís, fago gala deste ministerio, 14 por ver se esperto celos nos da miña xente e podo así salvar a algúns deles. 15 Se a súa reprobación foi reconciliación do mundo, ¿que será a súa acollida, senón unha auténtica vida, que xorde de entre os mortos?
16 Se as primicias son santas, tamén o será a masa restante; e se a raíz é santa, tamén o serán as ponlas. 17 Esgallaron algunhas das ponlas e a ti (que es unha oliveira brava) enxertáronte nelas e fixécheste participante da raíz e da seiva da oliveira. 18 Non te gabes de ser máis cás ponlas. Se te pos por máis, pensa que non es ti quen leva á raíz, senón a raíz a ti.
19 Poida que digas: esgallaron as ponlas precisamente para me enxertaren a min. 20 —De acordo: esgalláronas pola incredulidade e ti, en troques, pola fe manteste en pé. Pero non te enchas de fachenda e anda con moito ollo. 21 Que se Deus non perdoou as ponlas naturais, ¿vaite perdoar a ti?
22 Considera a bondade e a severidade de Deus: para os que caeron, severidade; en troques, para ti a bondade de Deus, con tal de que permanezas nesa bondade; do contrario, tamén a ti te esgallará. 23 E o mesmo eles; se non se afincan na incredulidade, reenxertaraos, porque Deus é poderoso para os volver enxertar.
24 Pois se a ti te tallaron da túa nativa oliveira brava e contra a natureza prendiches nunha boa oliveira, ¡canto mellor agromarán eles na oliveira da súa mesma caste!
25 Non quero, irmáns, que descoñezades este misterio, a fin de que non vos fiedes da vosa sabedoría: que a cegueira dunha parte dos israelitas vai durar ata que entre a totalidade dos xentís 26 E así salvarase a totalidade de Israel, como está escrito:
Sairá de Sión o Salvador,
afastará de Xacob a impiedade,
27 e este será o meu pacto con eles,
cando lles arrinque os seus pecados.
28 Tocante ó Evanxeo, son inimigos en proveito voso; pero tocante á elección, son amados por causa dos patriarcas. 29 Pois os dons e a chamada de Deus son irrevocables. 30 Porque vós fostes noutrora desobedientes a Deus, pero agora conseguíste-la misericordia por desobediencia deles. 31 Do mesmo xeito: tamén eles agora non creron, para que, con ocasión da misericordia usada convosco, tamén eles logren misericordia. 32 Porque Deus encerrou a tódolos homes na desobediencia, para se compadecer de todos.
33 ¡Que fondos son a riqueza, a sabedoría e o coñecemento de Deus! ¡Que inescrutables son os seus xuízos e inexplorables os seus camiños! 34 Pois ¿quen coñeceu a mente do Señor? Ou ¿quen foi o seu conselleiro? 35 ¿Quen lle emprestou algo, para que El llo teña que devolver? 36 Del saíron, por El e para El existen tódalas cousas. A El a gloria polos séculos. Amén.