Carta ós Romanos
13 Sométase toda persoa ás autoridades constituídas. Pois non hai autoridade senón por disposición de Deus; e as que existen, instituíunas Deus. 2 De xeito que quen se opón á autoridade oponse á disposición de Deus; e os que se opoñen buscan o propio castigo.
3 A autoridade non pon medo cando se obra ben, senón cando se obra mal. ¿Queres vivir sen medo á autoridade? Fai o ben, e tera-la súa gabanza. 4 Pois ela é para ti servidora de Deus para o ben. Mas se fa-lo mal, tenlle medo, porque non en balde leva a espada: ela é servidora de Deus, vingadora da súa ira contra o que practica o mal.
5 Así, cómpre obedecer non só por medo ó castigo, senón por deber de conciencia. 6 Por iso mesmo pagáde-los tributos, pois son funcionarios de Deus, decote dedicados a este oficio. 7 Dádelle a cada un o que lle é debido: tributo, imposto, respecto ou honor, segundo o caso.
8 A ninguén lle debades nada, fóra de amarvos uns a outros, porque o que ama o próximo, ten cumprida a Lei. 9 Porque o non adulterarás, non matarás, non roubarás, non cobizarás e tódolos outros mandamentos, resúmense nestas palabras: amarás ó teu próximo como a ti mesmo. 10 Quen ama o seu próximo non lle fai mal. Verdadeiramente, o amor é o pleno cumprimento da Lei.
11 E con máis razón sabendo o tempo no que vivimos: xa é hora de que espertedes do sono, pois agora a salvación xa está mais cerca de nós que cando empezamos a crer. 12 A noite vai andada, e o día está a chegar: rexeitémo-las obras das tebras e vistámo-las armas da luz. 13 Coma en pleno día camiñemos decentemente, nada de lupandas nin borracheiras, nada de obscenidades nin libertinaxe, nada de liortas nin envexas. 14 En lugar diso vestídevos do Señor Xesús Cristo, e non lles fagades caso ós baixos apetitos.