Carta ós Romanos
8 Como consecuencia: nin resto de condenación hai agora para os que están unidos a Cristo Xesús. 2 Porque a lei do Espírito, que rexe a vida unida a Cristo Xesús, libroume da lei do pecado e da morte. 3 Pois o imposible para a Lei, por estar incapacitada por culpa da nosa condición irredenta, realizouno Deus: mandando, por cousa do pecado, o seu propio Fillo nunha condición semellante á condición do pecado, condenou o pecado nesa propia condición. 4 Deste xeito o mandato da Lei pode cumprirse en nós, que non vivimos xa conforme a esa condición, senón conforme ó Espírito.
5 Pois os que viven conforme os baixos instintos buscan as cousas dos mesmos, pero os que viven conforme o Espírito buscan as do Espírito. 6 A cobiza dos baixos instintos é morte, pero a arela do espírito é vida e paz. 7 Porque a cobiza da baixa condición é inimiga de Deus, posto que non se somete á Lei de Deus, nin sequera pode; 8 e os que viven conforme tal condición non poden agradar a Deus.
9 Pero vós non vivides así, senón conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo. 10 Se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o Espírito é vida por causa da xustiza. 11 Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo dos mortos vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.
12 Polo tanto, irmáns, somos de certo debedores; pero non da baixa condición, para vivirmos segundo ela. 13 Porque, se vivides segundo a baixa condición, teredes que morrer pero, se coa axuda do Espírito mortificáde-las obras do corpo, viviredes.
14 Cantos se deixan guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus. 15 Pois non recibistes un espírito de escravitude, para volverdes ó medo. Non. Vós recibistes un espírito de fillos adoptivos, gracias ó que podemos gritar: ¡“Abbá”: Pai! 16 Este mesmo Espírito, xuntamente co noso, dá testemuño de que somos fillos de Deus. 17 E, se fillos, tamén herdeiros: herdeiros de Deus e coherdeiros con Cristo; xa que, se padecemos con el, é para sermos tamén despois glorificados con el.
18 Pois penso que non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós. 19 Pois a esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus. 20 Porque a creación está sometida ó fracaso; non pola propia vontade, senón polo poder daquel que a someteu, anque coa esperanza 21 de que tamén a mesma creación será liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos de Deus.
22 Pois sabemos que toda a creación vén xemendo ata hoxe e coma con dores de parto. 23 E non só isto, senón que nós mesmos, que temos xa as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo. 24 Pois é en esperanza como estamos salvados. Ora, a esperanza do que se ve non é esperanza, pois o que un xa ve ¿como o pode esperar? 25 Pero, se esperámo-lo que non vemos, demostramos esperar con constancia.
26 Do mesmo xeito, tamén o Espírito acode a axuda-la nosa debilidade. Nós non sabemos como debemos orar para pedi-lo que convén; pero o Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras. 27 E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.
28 Sabemos ademais que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que foron escolleitos segundo os seus designios. 29 Pois El distinguiunos primeiro e predestinounos a reproducírmo-la imaxe do seu Fillo, de tal maneira que el sexa o primoxénito entre moitos irmáns. 30 E a eses que predestinou, tamén os chamou; e a eses que chamou, tamén os xustificou; e a eses que xustificou, tamén lles deu a súa gloria.
31 ¿Que máis se pode dicir despois disto? Se Deus está connosco, ¿quen contra nós? 32 Aquel que non aforrou a seu propio Fillo senón que o entregou por todos nós, ¿como non nos vai regalar todo xunto con El?
33 ¿Quen acusará ós escolleitos de Deus? —Sendo Deus o que perdoa,
34 ¿quen os vai condenar? ¿Cristo Xesús, o que morreu, mellor, o que resucitou, o que está á dereita de Deus e que intercede por nós?
35 ¿Quen nos pode arredar do amor de Cristo? ¿a tribulación, a angustia, a persecución, a fame, a nudez, o perigo, ou a espada? 36 Porque está escrito:
Por causa túa estamos ás portas da morte o día enteiro, parecemos ovellas listas para o sacrificio.
37 —Pero en todas estas cousas vencemos coa axuda daquel que nos amou. 38 Porque estou seguro de que nin a morte nin a vida, nin os anxos nin os principados, nin o presente nin o porvir, nin as potestades, 39 nin a altura nin o abismo, nin calquera outra criatura nos poderá afastar do amor que Deus nos ten en Cristo Xesús, noso Señor.