Carta ós Romanos
9 Coma discípulo de Cristo digo a verdade, non minto, e dáme disto testemuño a miña propia conciencia, alumada polo Espírito Santo: 2 que teño moi grande dor e o meu corazón sofre seguido. 3 Quixera ser eu mesmo maldito, apartado de Cristo, por mor dos meus irmáns, os meus parentes de estirpe. 4 Eles son israelistas e a eles pertencen a adopción filial, a gloria de Deus e as alianzas, a lexislación, o culto e as promesas; 5 a eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo coma home. O Deus que está sobre todo, sexa bendito polos séculos. Amén.
6 Non é, de ningún xeito, que a palabra de Deus fallase. O que pasa é que non tódolos que veñen de Israel son israelitas, 7 nin tódolos que nacen de Abraham son fillos seus. Máis ben: en Isaac estará a túa descendencia; 8 isto é, non os fillos da carne son por iso fillos de Deus, senón que só os fillos da promesa son recoñecidos coma descendencia. 9 Pois as palabras da promesa son: Por este mesmo tempo virei e Sara terá un fillo.
10 Pero isto non é todo. Tamén Rebeca tivo dous fillos dun só home, de Isaac, o noso pai. 11 E, cando aínda non naceran, nin puideran facer nada, nin bo nin malo —a fin de que continuase firme o plan de Deus, que depende da súa elección: 12 non das obras senón del, que chama— xa se lle dixo a Rebeca: o máis grande servirá ó máis pequeno, 13 tal como está escrito: quixen a Xacob, preferino a Esaú.
14 ¿Tiramos, logo, a conclusión de que Deus é inxusto?
—De ningunha maneira. 15 Pois díxolle a Moisés:
Heime compadecer de quen eu queira,
e hei ter misericordia de quen eu queira.
16 Polo tanto, non depende do querer ou do correr do home, senón de que Deus se compadeza. 17 Pois di a Escritura ó Faraón: Para isto te levantei: para mostrar en ti o meu poder e para que se proclame o meu nome en toda a terra. 18 En resumo: de quen quere compadécese, e a quen quere enduréceo.
19 Quizais me dirás: ¿por que aínda se queixa, logo? ¿Quen é capaz de contradici-la súa vontade?
20 ¡Home! ¿E quen es ti para contradicires a Deus? ¿Poderalle dici-lo barro a quen o modela: por que me fas así? 21 Ou ¿non ten poder o oleiro para facer da mesma masa un cacharro nobre ou un cacharro para usos comúns? 22 ¿E que, se Deus, querendo mostra-la súa ira e dar a coñece-lo seu poder, soportou con moita paciencia ós que eran obxecto de reprobación, listos xa para a destrucción; 23 e isto para dar a coñece-la abundancia da súa gloria en favor dos que eran obxecto de misericordia, que de antemán preparou para a gloria? 24 (Estes somos nós, que nos chamou non só de entre os xudeus, senón tamén de entre os xentís).
25 Pois iso é o que se di en Oseas:
Hei chamar “meu pobo” a quen non é o meu pobo,
e á non amada, “a miña amada”; 26 e no lugar onde se lles dixo:
“vós non sóde-lo meu pobo”,
alí mesmo hanse chamar “fillos do Deus vivo”.
27 E Isaías proclama a propósito de Israel:
Aínda que o número dos fillos de Israel sexa coma o das areas do mar,
hase salvar un resto soamente:
28 Totalmente e sen tardanza cumprirá o Señor a súa palabra na terra.
29 E conforme dixo tamén Isaías:
Se o Señor dos Exércitos
non nos deixase unha descendencia,
pasaríanos coma ós de Sodoma,
semellariámonos ós de Gomorra.
30 ¿Temos que concluír, logo, que os pagáns, que non buscaban xustificación, conseguiron a xustificación? Si, pero a xustificación que vén da fe. 31 Israel, en cambio, que buscou con gran esforzo unha lei que dese a xustificación, non conseguiu tal lei.
32 ¿E por que? —Porque non a buscaron pola fe, senón polas obras: bateron na pedra 33 da que fala a Escritura:
¡Ollo! Que poño en Sión unha pedra de tropezo, un rebo que fai caer;
pero quen crea nel non quedará defraudado.