Primera Carta de San Xoán
5 Todos cantos cren que Xesús é o Mesías, naceron de Deus; e quen ama ó que enxendra, ama tamén a quen aquel enxendrou. 2 Sabemos que amámo-los fillos de Deus, se amamos a Deus e cumprimos cos seus mandamentos.
3 Porque o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados, 4 porque nacer de Deus permítenos vence-lo mundo. E esta é a victoria que derrota o mundo: a nosa fe. 5 Porque ¿quen é o que derrota o mundo, senón o que cre que Xesús é o Fillo de Deus?
6 O que veu con auga e sangue, foi el, Xesús Cristo; non veu con auga só, senón con auga e con sangue. E o Espírito é quen dá testemuño, xa que o Espírito é a Verdade. 7 Porque tres son os que dan testemuño:* 8 o Espírito, a auga e mailo sangue; e os tres testemuñan no mesmo senso. 9 Se nós aceptámo-lo testemuño dos homes, maior razón ten o testemuño de Deus. E este é o testemuño de Deus: o que El nos ten dado acerca do seu Fillo. 10 Quen cre no Fillo de Deus leva dentro de si este testemuño; quen non lle dá fe a Deus pono por mentireiro, xa que non cre no testemuño que Deus ten dado acerca do seu Fillo. 11 E nisto consiste ese testemuño: en que Deus nos deu a vida eterna, a vida que está no seu Fillo. 12 Quen ten o Fillo, ten a vida; quen non ten o Fillo, non ten a vida.
13 Con esta carta quero que vós, os que credes no Fillo de Deus, esteades seguros de que téde-la vida eterna. 14 Cando acudimos a el, estamos certos de que nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade. 15 Se estamos certos de que nos escoita en calquera cousa que lle pidamos, estamos tamén certos de que xa conseguímo-lo que lle estamos pedindo.
16 Se alguén ve que o seu irmán peca con pecados que non levan á morte, que rece por el e Deus daralle a vida. Refírome ós que cometeron pecados que non levan á morte. Porque hai un pecado que leva á morte; e non é por este polo que eu digo que se rece. 17 Toda inxustiza é pecado, pero hai pecados que non levan á morte.
18 Sabemos que todo aquel que é un nacido de Deus non peca, senón que o garda consigo aquel que naceu de Deus, para que non lle toque o Maligno. 19 Sabemos que nós vimos de Deus, mentres que o mundo enteiro está nas mans do Maligno. 20 Sabemos que o Fillo de Deus xa está aquí e que nos deu entendemento para coñece-lo Verdadeiro; nós estamos co Verdadeiro, co seu Fillo Xesús Cristo. Este é o Deus verdadeiro e a vida eterna. 21 Meus Filliños, gardádevos dos falsos deuses.