Xuíces
2 E subiu o anxo do Señor desde Guilgal ata Boquim e dixo: —“Saqueivos de Exipto e fíxenvos entrar na terra que prometera a vosos pais; e dixen: endexamais romperei a alianza que fixen convosco. 2 En canto a vós, non fagades alianza cos veciños deste país; habedes de derruba-los seus altares. Pero vós non escoitáste-la miña voz. ¿Por que procedestes así? 3 Por iso tamén eu dixen: non os botarei de diante de vós; e serán para vós coma a tralla no voso lombo; e os seus deuses serán para vós un lazo”.
4 E, cando o anxo do Señor pronunciou aquelas palabras a tódolos fillos de Israel, o pobo botouse a laiar e a chorar. 5 e puxéronlle de nome a aquel lugar, Boquim; e ofreceron alí sacrificios ó Señor.
6 E, cando Xosué despidiu ó pobo, foron os fillos de Israel cada un para o seu territorio, para herda-lo país.
7 E serviu o pobo ó Señor durante toda a vida de Xosué e dos vellos que prolongaron os seus días despois de Xosué, e que viran tódalas obras grandes que o Señor fixera en favor de Israel.
8 E morreu Xosué, fillo de Nun, servo do Señor, ós cento dez anos. 9 E sepultárono dentro dos lindes da súa herdanza, en Timnat-Heres, na serra de Efraím, ó Norte do monte Gaax. 10 E toda a xeración aquela foise xuntar cos seus pais; e veu despois deles outra xeración que non coñecía ó Señor nin o que tal fixera en favor de Israel.
11 E cometeron o mal os fillos de Israel diante do Señor, e serviron ós baales. 12 E abandonaron ó Señor, o Deus de seus pais, que os sacara da terra de Exipto, e foron detrás dos deuses alleos, dos deuses de pobos que estaban arredor deles, e postráronse diante deles, e alporizaron ó Señor. 13 Abandonaron ó Señor, e serviron a Baal e ás axtartés.
14 E alzouse a ira do Señor contra Israel, e púxoos nas mans de saqueadores, que os abateron, e entregounos nas mans dos inimigos do arredor, e xa non se puideron rexer diante dos seus adversarios. 15 En todo aquilo que acometían, a man do Señor estaba con eles para mal, como o Señor lles tiña dito e xurado, de modo que os anguriou abondo.
16 Máis adiante fixo o Señor xurdir xuíces, e salvounos das mans dos seus saqueadores. 17 Pero tampouco non escoitaron ós seus xuíces, pois corrompéronse detrás de deuses alleos e abaixáronse diante deles; arredáronse axiña do camiño que percorreran seus pais, que escoitaran os mandatos do Señor: eles, en troques, non fixeron así.
18 E cando o Señor fixo xurdir xuíces para eles, o Señor estaba co xuíz, e salvábaos das mans dos seus inimigos durante tódolos días de vida do xuíz, pois conmovérase o Señor polos choros deles, ó seren oprimidos e desprezados. 19 Pero, á morte do xuíz, volvían ás andadas, e corrompíanse aínda máis ca seus pais, indo tras dos deuses alleos, para servilos e abaixarse diante deles; non deron de man ás súas obras ruíns nin ós seus teimudos camiños. 20 E alporizouse a ira de Iavé contra Israel, e dixo o Señor: —“Xa que o pobo este crebou a alianza que mandei a seus pais, e non escoitou a miña voz, 21 tampouco eu vou botar de diante deles a ningunha das nacións xentís que deixou Xosué cando morreu; 22 para probar por medio delas a Israel: se van seguir polo camiño do Señor —para iren por el como foron seus pais—, ou non”. 23 E deixou o Señor aquelas nacións xentís, en vez de botalas axiña; e non as puxo nas mans de Xosué.