Libro Primeiro de Samuel
18 Acabada a conversa de David con Xaúl, Ionatán encariñouse con David. Queríalle coma a si mesmo. 2 Xaúl retivo consigo a David desde aquel día e non o deixou volver para casa de seu pai. 3 Ionatán fixo un pacto con David pois queríalle coma a si mesmo. 4 Desprendeuse do manto que levaba e deullo a David. E co vestido deulle tamén a súa espada, o seu arco e mesmo o seu cinto.
5 David saía ben de tódalas incursións que Xaúl lle encomendaba e o rei púxoo á fronte dos soldados. Fíxose querer de todo o exército e tamén dos ministros de Xaúl.
6 Cando volvían das saídas, despois de que matase David ó filisteo, viñan ó encontro de Xaúl as mulleres de tódalas cidades de Israel, cantando e danzando, ledas, con pandeiros e con ferreñas. 7 Danzaban, cantando a coro:
—“Xaúl matou os seus mil,
pero David os seus dez mil”.
8 Xaúl enfadouse moito e pareceulle mal aquela copla. Dicía: —“A David danlle dez mil e a min mil. Xa só lle falta o reino”. 9 Daquel día en adiante Xaúl mirou con malos ollos a David.
10 Ó día seguinte un mal espírito de Deus asaltou a Xaúl, que andaba atoleado pola casa, mentres David tocaba a harpa, coma tódolos días. Xaúl tiña a lanza na man 11 e arrebolouna querendo cravar a David contra a parede. David zafouse dela por dúas veces.
12 Xaúl colléralle medo a David, porque o Señor estaba con el, ó tempo que se afastaba de Xaúl. 13 Xaúl arredouno de onda el, facéndoo xefe de milleiro. David saía en expedicións á fronte do exército. 14 Calquera cousa que emprendese saía ben, porque o Señor estaba con el.
15 Ó ver Xaúl que David tiña tanto éxito empezou a recear del. 16 Pero en Israel e en Xudá todos lle querían ben, pois David era quen os guiaba nas súas expedicións.
17 Xaúl propúxolle a David: —“Velaí tes a Merab, a miña filla máis vella. Voucha dar por muller, con tal que te mostres valente e loites nas guerras do Señor”. Xaúl matinara: —“Mellor que poñer eu nel as miñas mans, que o maten os filisteos”. 18 David respondeulle a Xaúl: —“¿Quen son eu e quen a familia de meu pai, para poder chegar a ser xenro do rei?” 19 Pero, chegado o momento de darlla a David por muller, Xaúl casou a Merab con Adriel de Meholah.
20 Ó tempo, Micol, filla de Xaúl, namorárase de David. Dixéronllo a Xaúl, que o aprobou. 21 Pensaba para o seu adentro: —“Dareilla e serviralle de trapela, para caer nas mans dos filisteos”. Xaúl díxolle a David: —“Por segunda vez hoxe podes facerte meu xenro”. 22 E mandoulles ós seus serventes: —“Dicídelle en confidencia a David: mira que o rei te estima e que os seus ministros te queren ben. Acepta ser xenro do rei”.
23 Os servidores de Xaúl repetiron esas palabras ós oídos de David. E David respondeulles: —“¿Parécevos pouca cousa chegar a ser xenro do rei? Eu son un home pobre e de humilde condición”. 24 Os servidores de Xaúl leváronlle ó rei a resposta de David. 25 Entón mandou el que lle aclarasen: —“Ó rei non lle importa tanto o dote que lle deas, canto cen prepucios de filisteos, para vingarse dos seus inimigos”. Xaúl contaba con que David caese nas mans dos filisteos.
26 Os servidores de Xaúl comunicáronlle a David as palabras do rei e a David pareceulle xusta a condición para se facer xenro do rei. 27 Non se cumprira aínda o tempo e David foi cos seus homes, matou douscentos filisteos e trouxo os seus prepucios. Con iso cumpría a condición para se facer xenro do rei. Xaúl deulle entón por muller a súa filla Micol.
28 Xaúl caeu na conta de que o Señor estaba con David e de que a súa filla Micol se namorara del. 29 Xaúl colleulle a David aínda máis medo e fíxose o seu inimigo para o resto da súa vida.
30 Os xenerais filisteos saían a facer incursións, e David tiña máis éxitos contra eles cós mesmos soldados de Xaúl. O seu nome adquiriu unha grande sona.