BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w23 outubro páxs. 6-11
  • Estás listo “para obedecer”?

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Estás listo “para obedecer”?
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2023
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • OBEDECE OS TEUS PAIS
  • OBEDECE AS “AUTORIDADES CONSTITUÍDAS”
  • OBEDECE AS INSTRUCIÓNS DA ORGANIZACIÓN DE XEHOVÁ
  • Xesús sempre foi obediente
    Aprendamos da Biblia en familia
  • As bendicións de escoitar a Xehová
    Cantémoslle a Xehová con alegría
  • O amor de Deus é para sempre
    Continúa no amor de Deus
  • Por que respectar a autoridade
    Continúa no amor de Deus
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2023
w23 outubro páxs. 6-11

ARTIGO DE ESTUDO 42

Estás listo “para obedecer”?

“A sabedoría de arriba [...] está lista para obedecer” (SANT. 3:17, TNM).

CANCIÓN sn 53 Traballemos xuntos e unidos

AVANCEa

 1. Por que pode resultarnos difícil obedecer?

CÚSTACHE obedecer ás veces? Ó rei David pasoulle. Por iso lle dixo a Deus en oración: “Desperta en min o desexo de obedecerte” (Sal. 51:12, TNM). David amaba a Xehová pero, aínda así, nalgunhas ocasións non lle resultaba fácil obedecer. E a nós pásanos o mesmo. Por que? Primeiro, herdamos a tendencia a ser desobedientes. Segundo, o Demo intenta que nos rebelemos contra Xehová, tal como fixo el (2 Cor. 11:3). Terceiro, estamos rodeados pola actitude rebelde deste mundo, é dicir, polo “espírito que agora actúa nos fillos desobedientes” (Ef. 2:2). Por un lado, temos que facer un esforzo constante, non só para loitar contra a nosa tendencia a pecar, senón tamén para resistir a presión que Satanás e o seu mundo exercen sobre nós para que desobedezamos. E ademais, temos que esforzarnos por obedecer a Xehová e ás persoas ás que el lles deu autoridade.

 2. Que significa estar listo “para obedecer”? (Santiago 3:17, TNM).

2 Le Santiago 3:17 (TNM). Santiago escribiu baixo inspiración que a persoa sabia está “lista para obedecer”. Pensa no que iso significa. Debemos ter o desexo e a disposición de obedecer ós que Xehová lles confiou certa autoridade. Pero, está claro que Xehová non espera que obedezamos a quen nos pide que fagamos algo que a el non lle gusta (Feit. 4:18-20).

 3. Por que é importante para Xehová que obedezamos as persoas que teñen autoridade sobre nós?

3 É posible que nos resulte máis fácil obedecer a Xehová que ós humanos, xa que Deus sempre nos dá instrucións perfectas (Sal. 19:8, [19:7, TNM]). Pero iso rara vez ocorre no caso das persoas. Aínda así, o noso Pai celestial deulles certa autoridade ós pais, ós gobernos e ós anciáns (Pr. 6:20; 1 Tes. 5:12; 1 Pe 2:13, 14). Cando os obedecemos a eles, en realidade, estamos obedecendo a Xehová. Neste artigo imos ver como podemos ser obedientes ás persoas ás que Xehová lles deu autoridade, incluso cando non estamos de acordo coas instrucións que nos dan ou se nos fai difícil seguilas.

OBEDECE OS TEUS PAIS

 4. Por que moitos rapaces desobedecen os seus pais?

4 Os rapaces están rodeados doutra xente nova que ten a tendencia a ser “mal guiada cos seus pais” (2 Tim. 3:1, 2). Por que son así moitos deles? Algúns senten que seus pais son hipócritas porque eles mesmos non fan o que lles piden ós seus fillos. Outros pensan que o mundo cambiou moito e que os consellos que lles dan seus pais están anticuados, non son prácticos ou son moi estritos. Sentícheste algunha vez así? O certo é que ás veces non é fácil poñer en práctica o seguinte mandato de Xehová: “Obedecede a vosos pais no Señor, que iso é de razón” (Ef. 6:1). Que che pode axudar a facelo?

 5. Segundo Lucas 2:46-52, por que foi Xesús o mellor exemplo de obediencia ós pais?

5 Podes aprender a ser obediente imitando o mellor exemplo: Xesús (1 Pe 2:21-24). El era perfecto, pero seus pais non. Aínda así, respectounos incluso cando cometeron erros ou non o entenderon (Éx. 20:12). Fíxate no que pasou cando Xesús tiña 12 anos (le Lucas 2:46-52). El fora con seus pais a Xerusalén, pero cando volvían para a casa non se deron conta de que Xesús non ía con eles. Era responsabilidade de Xosé e María asegurarse de que tódolos seus fillos os acompañasen. Pero cando finalmente o encontraron, María botoulle a el a culpa por quedar atrás. Xesús podería queixarse do inxusta que era esa situación, pero en vez diso respondeulles ós seus pais de maneira sinxela e respectuosa. Xosé e María “non entenderon a resposta” pero, aínda así, Xesús seguiu “baixo a súa autoridade”.

6, 7. Que pode axudarlles ós rapaces a obedecer os seus pais?

6 Fáiseche difícil obedecer os teus pais cando se equivocan ou non te entenden? Nese caso, que che pode axudar? O primeiro é reflexionar no que pensa Xehová sobre isto. A Biblia di que cando es obediente a teus pais, “isto é cousa agradable ó Señor” (Col. 3:20). Xehová sabe perfectamente que algunhas veces teus pais non te entenden e que quizais poñen normas que non son fáciles de obedecer, ou que ata parecen inxustas. Pero, se a pesar diso escolles obedecelos, farás moi feliz a Xehová.

7 O segundo é pensar en como se senten teus pais cando os obedeces. Está claro que iso os fai moi felices e contribúe a que teñan máis confianza en ti (Pr. 23:22-25). Tamén é probable que iso vos una máis entre vós. Alexandre, un irmán de Bélxica, conta: “Cando empecei a facerlle caso ó que me dicían meus pais, a nosa relación cambiou. Sentiámonos máis cerca uns dos outros e máis felices”.b O terceiro é que penses en como ser obediente agora che pode beneficiar no futuro. Paulo, que vive no Brasil, conta: “Aprender a obedecer os meus pais axudoume a ser obediente a Xehová e a outros que teñen autoridade”. A Palabra de Deus dáche moi boas razóns para facer isto cando di que ser obediente fará que “todo che saia ben e vivas moitos anos na terra” (Ef. 6:2, 3).

 8. Por que deciden moitos mozos obedecer os seus pais?

8 Moitos mozos viron os bos resultados que dá ser obedientes. A Luiza, que tamén é do Brasil, ó principio custáballe entender por que non lle deixaron ter un móbil durante un tempo. Ela razoaba que, ó fin e ó cabo, a maioría da xente da súa idade tiña un. Pero co tempo deuse conta de que seus pais, en realidade, a estaban protexendo. Ela di: “Agora xa non sinto que obedecer os meus pais sexa como levar unha camisa de forza, senón como poñer un cinto de seguridade que pode salvar a miña vida”. A Elizabeth, unha irmá nova dos Estados Unidos, ás veces aínda se lle fai difícil obedecer. Ela explica: “Cando non entendo o porqué de certa norma, intento recordar como estas me protexeron noutras ocasións no pasado”. E Mónica, que vive en Armenia, recoñece que as cousas sempre lle foron mellor cando obedeceu que cando non o fixo.

OBEDECE AS “AUTORIDADES CONSTITUÍDAS”

 9. Que opinan algúns sobre obedecer as leis?

9 A Biblia refírese ós gobernos como “autoridades constituídas”. Moitas persoas recoñecen que necesitamos estes gobernos e que debemos obedecer algunhas das leis que establecen (Rm. 13:1). Pero estas mesmas persoas pode que non obedezan as leis que non lles gustan ou que consideran inxustas. Pensemos, por exemplo, en pagar os impostos. Nun país de Europa, moitos cidadáns cren que “está ben non pagar os impostos se cres que é inxusto”. Así que, non é de estrañar que os cidadáns dese país só paguen dous terzos dos impostos que realmente lles corresponderían.

María montada nun burro e Xosé vai diante guiándoos cara Belén. Serie de imaxes: 1. Un irmán comprobando o velocímetro do coche ó ver un sinal de límite de velocidade. 2. Un irmán cubrindo o formulario do imposto sobre a renda. 3. Unha irmá que leva a máscara e mantén a distancia social mentres fala cunha doutora no hospital.

Que aprendemos da obediencia de Xosé e María? (Ver os parágrafos 10 a 12).c

10. Por que obedecemos tamén as leis que non nos gustan?

10 A Biblia recoñece que os gobernos humanos causan sufrimento, están baixo o control de Satanás e pronto serán destruídos (Sal. 110:5, 6; Ecl. 8:9; Lc. 4:5, 6). Tamén di que “quen se opón á autoridade oponse á disposición de Deus”. A nosa suxeición relativa ás autoridades é parte da disposición temporal de Xehová para manter a orde. Así que temos que darlle “a cada un o que lle é debido”, o que inclúe impostos, respecto e obediencia (Rm. 13:1-7). Quizais pensemos que unha lei non nos convén, que é inxusta ou que nos sae caro cumprila. Pero, tamén nestes casos facemos o que Xehová nos manda e el quere que obedezamos as autoridades sempre e cando non nos pidan que incumpramos algún dos seus mandatos (Feit. 5:29).

11, 12. Como se relata en Lucas 2:1-6, que fixeron Xosé e María para obedecer unha lei que non lles conviña, e con que resultado? (Ver tamén as imaxes).

11 De Xosé e María aprendemos que estiveron dispostos a obedecer as autoridades, incluso cando lles resultaba difícil facelo (le Lucas 2:1-6). Cando María estaba embarazada duns nove meses, Xosé e ela enfrontáronse a unha proba que demostraría a súa obediencia. O emperador Augusto, que gobernaba o Imperio Romano nese momento, convocou un censo. Iso significaba que terían que viaxar ata Belén, que estaba a uns 150 km, por un terreo montañoso. Esa viaxe non ía ser nada cómoda, especialmente para María. É posible que lles preocupase tanto a súa propia seguridade como a do bebé que aínda non nacera. Que pasaría se se poñía de parto durante a viaxe? Pensa que levaba no seu ventre o futuro Mesías. Sería isto escusa suficiente para non obedecer?

12 Xosé e María non deixaron que as súas preocupacións lles impedisen cumprir coas leis. E Xehová bendiciunos. María puido chegar a Belén, dar a luz alí a un bebé san e ata facer posible que se cumprise unha profecía da Biblia (Miq. 5:1 [5:2, TNM]).

13. Como lles pode afectar a nosa obediencia ós nosos irmáns?

13 Obedecer as autoridades benefícianos tanto a nós coma ós demais. En que sentido? Por un lado, evitamos que se nos castigue por desobedecer a lei (Rm. 13:4). Por outro lado, a nosa obediencia tamén pode influír na forma na que ven as autoridades as Testemuñas de Xehová como conxunto. Por exemplo, hai unhas décadas en Nixeria, uns soldados entraron nun Salón do Reino durante unha reunión de congregación. Buscaban uns rebeldes que protestaban polo pago de impostos. Pero o oficial ó mando mandoulles ós soldados que marchasen, e díxolles: “As testemuñas de Xehová sempre pagan os seus impostos”. Cada vez que obedeces unha lei, fas que se manteña a boa reputación do pobo de Xehová. E poida que esta boa reputación protexa algúns dos nosos irmáns no futuro (Mt. 5:16).

14. Que lle axudou a unha irmá a estar “lista para obedecer” as autoridades?

14 Aínda así, pode que non sempre sintamos o desexo de obedecer as autoridades. “Custoume moitísimo ser obediente”, admite Joanna, unha irmá dos Estados Unidos. E segue dicindo: “Isto debeuse a algunhas inxustizas que sufriron familiares meus por parte das autoridades”. Pero Joanna tivo que facer un esforzo consciente por cambiar a súa maneira de pensar. Para iso, o primeiro que fixo foi deixar de ler nas redes sociais contido que despertaba nela sentimentos negativos cara ás autoridades (Pr. 20:3). En segundo lugar, pediulle axuda a Xehová para seguir confiando nel en vez de nun cambio de goberno humano (Sal. 9:9, 10). E terceiro, leu artigos nas nosas publicacións sobre a neutralidade (Xn. 17:16). Joanna conta que, agora que respecta e obedece as autoridades, sente “unha paz que non pode explicar con palabras”.

OBEDECE AS INSTRUCIÓNS DA ORGANIZACIÓN DE XEHOVÁ

15. Por que se nos pode facer difícil ás veces obedecer as instrucións da organización de Xehová?

15 Xehová pídenos que sexamos obedientes ós que dirixen a congregación (Heb. 13:17). Aínda que Xesús, o noso Líder, é perfecto, os humanos que utiliza para este labor aquí na Terra non o son. Por iso, pode que nos custe obedecelos, especialmente se nos piden que fagamos algo que non queremos facer. Nunha ocasión, o apóstolo Pedro tamén dubidou en obedecer. Cando un anxo lle dixo que comese animais que eran impuros baixo a Lei mosaica, Pedro negouse a facelo, non só unha vez, senón tres veces! (Feit. 10:9-16) Por que fixo isto? Esta nova instrución non lle tiña sentido e ademais estaba acostumado a facer as cousas de forma distinta. E se a Pedro se lle fixo difícil obedecer un anxo perfecto, non nos sorprende que a nós ás veces nos custe obedecer homes imperfectos.

16. Que fixo Paulo a pesar de recibir instrucións que parecían pouco razoables? (Feitos 21:23, 24, 26).

16 O apóstolo Paulo estivo disposto a obedecer aínda cando recibiu instrucións que parecían pouco razoables. Os cristiáns xudeus escoitaran dicir que Paulo estaba predicando que “se [apartasen] de Moisés” e que non estaba seguindo a Lei mosaica (Feit. 21:21). Para demostrar que a cumpría, os anciáns cristiáns de Xerusalén mandáronlle ó apóstolo que levase catro homes ó templo e se purificase cerimonialmente. Pero Paulo sabía que os cristiáns xa non estaban baixo a Lei, e el non fixera nada malo. Aínda así, obedeceu de inmediato e “levou consigo aqueles catro homes” para purificarse con eles (le Feitos 21:23, 24, 26). Como resultado, a obediencia de Paulo promoveu a unidade (Rm. 14:19, 21).

17. Que che ensina a experiencia de Stephanie?

17 A unha irmá que se chama Stephanie fíxoselle moi difícil aceptar unha decisión que tomou a sucursal do seu país. O seu marido e ela servían nun grupo de lingua estranxeira cando a sucursal decidiu disolvelo. Así que os asignaron a unha congregación da súa lingua nativa. “Era moi infeliz”, admite Stephanie, “non me parecía que houbese moita necesidade na nosa lingua materna”. Aínda así, decidiu seguir as novas instrucións. Ela di: “Co tempo deime conta do sabia que foi a decisión que tomaron os irmáns responsables”. E engade: “Chegamos a ser pais espirituais de varios irmáns da nosa congregación que están sós na verdade. Tamén estou estudando cunha irmá que deixou de ser inactiva recentemente. Ademais, agora teño máis tempo para o meu estudo persoal”. Stephanie acaba dicindo: “Teño a conciencia tranquila, porque sei que fixen todo o posible por obedecer”.

18. Como nos beneficia ser obedientes?

18 A obediencia pódese aprender. Xesús non tivo as circunstancias ideais. De feito, a Biblia di que “aprendeu sufrindo o que é obedecer” (Heb. 5:8). Igual ca el, quizais teñamos que aprender baixo circunstancias difíciles. Iso foi o que pasou durante a pandemia da COVID-19, cando se nos pediu que deixásemos de reunirnos nos nosos Salóns do Reino e que suspendésemos a predicación de casa en casa. Custouche aceptar esa instrución? O certo é que a obediencia nos protexeu, contribuíu a que a congregación se mantivese unida e agradoulle a Xehová. Agora, todos estamos mellor preparados para obedecer calquera indicación que recibamos durante a gran tribulación. As nosas vidas poden depender diso! (Xob 36:11).

19. Por que queres ser obediente?

19 Neste artigo vimos que obedecer trae moitas bendicións. De todas formas, obedecemos a Xehová principalmente porque o amamos e queremos facer a súa vontade (1 Xn. 5:3). Nunca poderemos devolverlle ó noso Pai celestial todo o bo que fixo por nós (Sal. 116:12). Pero si podemos obedecelo a el e tamén ós que teñen autoridade sobre nós. Se o facemos, demostraremos que somos sabios e alegraremos moito o corazón de Xehová (Pr. 27:11).

CALES SON OS BENEFICIOS DE OBEDECER...

  • ... os nosos pais cando somos novos?

  • ... as “autoridades constituídas”?

  • ... a guía da organización de Xehová?

CANCIÓN sjj 89 As bendicións de escoitar a Xehová

a Como somos imperfectos, ás veces fáisenos difícil obedecer, incluso cando a persoa que nos dá unha instrución ten todo o dereito a facelo. Neste artigo imos analizar como nos beneficia obedecer os pais, as “autoridades constituídas” e os irmáns que teñen responsabilidades na congregación cristiá.

b Se queres encontrar información sobre como falar cos teus pais das normas que non che son fáciles de obedecer, mira o artigo “¿Cómo puedo hablar con mis padres sobre las reglas que me ponen?” (dispoñible en español) en jw.org.

c DESCRICIÓN DA IMAXE: Xosé e María obedeceron o decreto do César de empadroarse en Belén. Na actualidade os cristiáns obedecen as leis de tráfico, o pago de impostos e as instrucións das autoridades sobre a saúde.

    Publicacións en galego (1993-2025)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2025 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir