Venres 18 de abril
Bendito sexa Xehová, cada día coida de nós (Sal. 68:20 [68:19, TNM]).
Falando da nosa carreira pola vida, a Biblia dinos: “Correde, logo, de maneira que levedes premio” (1 Cor. 9:24). Xesús dixo que se pode chegar a “estar angustiado por comer en exceso e beber en exceso e polas preocupacións da vida” (Luc. 21:34, TNM). Este e outros textos poden axudarnos a identificar algúns axustes que quizais teñamos que facer para seguir correndo na carreira pola vida. Podemos estar seguros de que Xehová nos dará as forzas que necesitamos para ganar a carreira pola vida (Is. 40:29-31). Así que sigue correndo! Imita o apóstolo Paulo, que se esforzou ó máximo por conseguir o premio (Filip. 3:13, 14). Ninguén pode correr por ti, pero Xehová axudarache a chegar ata o final. Coa súa axuda serás capaz de levar as cargas que che corresponden e de desfacerte dos pesos innecesarios. Con Xehová ó teu lado, poderás aguantar e ganar esta carreira! w23.08 páx. 31 pars. 16, 17
Sábado 19 de abril
Honra a teu pai e a túa nai (Éx. 20:12).
Cando Xesús tiña 12 anos fora con seus pais a Xerusalén, pero cando volvían para a casa non se deron conta de que Xesús non ía con eles (Luc. 2:46-52). Era responsabilidade de Xosé e María asegurarse de que tódolos seus fillos os acompañasen. Pero cando finalmente o encontraron, María botoulle a el a culpa por quedar atrás. Xesús podería queixarse do inxusta que era esa situación, pero en vez diso respondeulles ós seus pais de maneira sinxela e respectuosa. Xosé e María “non entenderon a resposta” pero, aínda así, Xesús seguiu “baixo a súa autoridade”. Fáiseche difícil obedecer os teus pais cando se equivocan ou non te entenden? Nese caso, que che pode axudar? Reflexiona no que pensa Xehová sobre isto. A Biblia di que cando es obediente a teus pais, “isto é cousa agradable ó Señor” (Col. 3:20). Xehová sabe perfectamente que algunhas veces teus pais non te entenden e que quizais poñen normas que non son fáciles de obedecer, ou que ata parecen inxustas. Pero, se a pesar diso escolles obedecelos, farás moi feliz a Xehová. w23.10 páx. 7 pars. 5, 6
Domingo 20 de abril
Sexan pacíficos, xustos, amables con todo o mundo (Tito 3:2).
Quizais un compañeiro de escola diga que as testemuñas de Xehová deberiamos cambiar o noso punto de vista sobre a homosexualidade. Quizais sexa necesario que lle asegures que respectamos o dereito de cada un a tomar as súas propias decisións (1 Ped. 2:17). Despois poderías explicarlle o que di a Biblia sobre o tema e os beneficios que ten seguir as súas normas morais. Cando unha persoa nos di claramente que non está de acordo con nós, non debemos supoñer que sabemos o que pensa. Por exemplo, se un compañeiro de escola di que crer en Deus é ridículo, non deberías dar por sentado que cre firmemente na evolución e que sabe moito sobre o tema. En realidade, é probable que simplemente estea repetindo cousas que escoitou. Por exemplo, poderías mostrarlle a información que contén jw.org sobre a creación e incluso mandarlle un enlace. Quizais máis adiante estea disposto a falar sobre algún artigo ou vídeo que encontrou alí. Responderlles con respecto ós demais pode facer que queiran saber máis sobre o que di a Biblia. w23.09 páx. 17 pars. 12, 13