A Xénese
40 Nunha ocasión o copeiro e mailo panadeiro do rei de Exipto ofenderon ó seu señor. 2 O faraón anoxouse contra eles, contra o copeiro maior e o panadeiro maior, 3 e meteunos en prisión, na casa do xefe da garda, onde estaba Xosé detido. 4 O xefe da garda confioullos a Xosé, quen os servía.
5 O copeiro e o panadeiro do rei de Exipto que estaban presos no cárcere, levaban xa tempo detidos, cando unha noite cada un deles tivo seu soño, cada soño co seu sentido. 6 Pola mañá entrou Xosé onda eles e atopounos deprimidos. 7 E preguntoulles ós dous ministros, compañeiros do cárcere: —“¿Por que tedes hoxe mal semblante?”
8 Respondéronlle eles: —“Tivemos un soño, e non hai quen nolo interprete”.
Díxolles Xosé: —“¿Non lle corresponde a Deus a interpretación? Contádeme o soño”.
9 O copeiro maior contoulle o seu soño a Xosé: —“Soñei que tiña diante unha vide. 10 A vide tiña tres bacelos. Agromou, floreceu e as uvas madureceron nos acios. 11 Eu sostiña nunha man a copa do faraón, collía as uvas e espremíaas na copa, e puña a copa na man do faraón”.
12 Xosé díxolle: —“Este é o seu significado. Os tres bacelos da vide son tres días. 13 No termo de tres días erguerá o faraón a túa cabeza, repoñéndote no teu posto, e ti pora-la copa na súa man, coma cando éra-lo seu copeiro. 14 Cando che vaia ben, acórdate de min. Faime o favor de falarlle de min ó faraón, para que me leve desta casa. 15 Trouxéronme secuestrado do país dos hebreos, e aquí non fixen ningún mal, para que me botasen neste alxube”.
16 Cando o panadeiro maior oíu que o significado do soño do copeiro era bo, díxolle a Xosé: —“Tamén eu soñei que levaba na cabeza tres cestas de pan. 17 Na cesta de riba levaba toda sorte de repostería para o faraón, pero os paxaros peteiraban na cesta que eu levaba na cabeza”.
18 Xosé díxolle: —“Este é o seu significado. As tres cestas son tres días. 19 Ó cabo de tres días erguerá o faraón a túa cabeza, pendurarate dunha árbore e os paxaros comerante”.
20 Ó cabo de tres días, cumpreanos do faraón, deu este un banquete a tódolos seus ministros, e de entre todos tivo por ben ergue-la cabeza do copeiro maior e do panadeiro maior. 21 Ó copeiro maior repúxoo no seu posto de copeiro, para que puxese a copa na man do faraón. 22 Pero ó panadeiro maior pendurouno dunha forca, como Xosé interpretara. 23 O copeiro maior non se lembrou máis de Xosé, esqueceuse del.