Libro Segundo dos Reis
22 Ioxías tiña oito anos cando empezou a reinar. Reinou trinta e un anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Iedidah, filla de Adaías, de Boscat. 2 Fixo o que é debido ós ollos do Señor, andou polo camiño de seu pai David, sen desviarse nin á dereita nin á esquerda.
3 No ano dezaoito do seu reinado mandou Ioxías o secretario Xafán, fillo de Asalías, fillo de Mexulam, ó templo do Señor, con este encargo: 4 —“Vai onda o sumo sacerdote Hilquías, que colla o diñeiro ingresado no templo do Señor, recolectado da xente polos gardas da entrada, 5 e que llelo entregue ós capataces encargados das obras do templo do Señor, para que estes paguen ós que traballan na reparación das avarías do edificio, 6 carpinteiros, canteiros e albaneis, e para merca-la madeira e a pedra de cantería que requiran as obras. 7 Que non se lles pidan contas do diñeiro que lles encomendan, pois son xente de fiar”.
8 O sumo sacerdote Hilquías díxolle ó secretario Xafán: —“Atopei o libro da Lei no templo do Señor”. Hilquías entregoulle o libro a Xafán, e este leuno. 9 O secretario Xafán foi onda o rei, para darlle conta do feito: —“Os teus servidores recolleron o diñeiro que había no templo e entregáronllelo ós capataces, encargados das obras do templo do Señor”. 10 E despois o secretario Xafán deulle a nova ó rei: —“O sacerdote Hilquías deume este libro”. E Xafán leuno alí, diante do rei.
11 Cando oíu o rei as palabras do libro da Lei, rachou as súas vestes 12 e mandou ó sacerdote Hilquías, a Ahicam, fillo de Xafán, a Acbor, fillo de Miqueas, ó secretario Xafán e a Asaías, oficial do rei: 13 —“Ide consultalo Señor, por min, polo pobo e por todo Xudá, sobre o contido deste libro que atoparon. Moi grande ten que se-la carraxe do Señor, acesa contra nós, porque os nosos pais non fixeron caso das palabras deste libro e non cumpriron o que está escrito nel”.
14 Foron o sacerdote Hilquías, Ahicam, Acbor, Xafán e Asaías onda a profetisa Huldah, muller de Xalum, garda do vestuario, fillo de Ticvah, fillo de Harhás. Vivía no segundo barrio de Xerusalén. Falaron con ela, 15 e ela respondeulles: —“Isto di o Señor, Deus de Israel:
16 Dicídelle a quen vos mandou onda min que isto di o Señor: vou traer sobre este lugar e sobre os seus moradores unha desgracia: todas esas maldicións que están no libro que leu o rei de Xudá. 17 Visto que eles me abandonaron a min e queimaron incenso a outros deuses, provocándome coas obras das súas mans, a miña carraxe está ardendo contra este lugar, e non se apagará.
18 E ó rei de Xudá, que vos mandou consulta-lo Señor, dícídelle: isto di o Señor, Deus de Israel: xa que, cando oíches le-lo libro, 19 se che conmoveu o corazón e te humillaches diante do Señor, e xa que cando oíche-lo que eu dixen contra este lugar e contra os seus moradores, que se verían todos convertidos en espanto e en maldición, ti racháche-las vestes e choraches diante de min, por iso tamén eu te escoito a ti. Palabra do Señor.
20 Polo mesmo, cando eu te recolla con teus pais, levarante en paz ó teu sartego. Os teus ollos non terán que ve-la desgracia que traerei contra este lugar”. Os enviados deron volta e informaron ó rei.