Libro Primeiro das Crónicas
17 Cando David moraba xa no seu pazo, díxolle ó profeta Natán: —“Eu estou habitando unha casa de cedro, mentres a arca da alianza do Señor está baixo unha tenda”.
2 Natán respondeu a David: —“Fai o que tes no corazón, pois o Señor está contigo”.
3 Pero aquela mesma noite o Señor reveloulle a Natán:
4 —“Dille a David, o meu servo: así fala o Señor: non serás ti quen me edifique unha casa na que habitar.
5 Nunca, desde que deixei Exipto ata hoxe, habitei en casa, senón que andei dunha parte a outra, nunha tenda.
6 Por onde queira que camiñei con Israel, ¿encargueille seica a algún xuíz de Israel, ós que mandei para apacenta-lo meu pobo, que me fixesen unha casa de cedro?
7 Dille, pois, agora ó meu servo David: Así fala Iavé Sebaot: eu tomeite dos pasteiros, de detrás do gando, para que foses xefe do meu pobo de Israel; 8 estiven contigo por onde queira que ti andaches; exterminei perante ti a tódolos teus inimigos e fixen o teu nome semellante ó dos grandes da terra; 9 deille un lugar onde morar ó meu pobo Israel, e planteino para que acougue sen atrancos, e que os fillos da iniquidade non o desfagan coma noutrora, 10 cando establecín xuíces sobre o meu pobo Israel. Abaixei a tódolos teus inimigos. Ademais fágoche saber que o Señor che fundará unha dinastía.
11 Cando os teus días sexan cumpridos e vaias xuntarte con teus pais, eu alzarei a un da túa descendencia, a un dos teus fillos, e afirmarei o seu reino.
12 Será el quen me edificará unha casa e eu afirmarei para sempre o seu trono.
13 Eu serei para el un pai, e el será para min un fillo; e non apartarei del a miña gracia, como a apartei do teu predecesor.
14 Establecereino para sempre na miña casa e no meu reino, e o seu trono estará firme por toda a eternidade”.
15 Natán transmitiu a David todas estas verbas e toda a revelación.
16 O rei David presentouse diante do Señor e dixo: —“¿Quen son eu, Iavé Deus, e qué é a miña casa, para que me trouxeses onde estou?
17 Pero isto aínda é pouco ós teus ollos, Señor, e falas da casa do teu servo para tempo remoto mentres haxa homes, ¡ouh Iaveh, Deus!
18 ¿Que máis pode engadir David da gloria que concedes ó teu servo, ti que o coñeces, ouh Iavé?
19 Ouh Iavé: por amor do teu servo e segundo o teu corazón fixeches todas esas grandezas, para nos dar a coñecer todas esas marabillas.
20 ¡Señor! Non hai outro semellante a ti, non hai ningún Deus fóra de ti, como oímos cos nosos oídos.
21 ¿Hai sobre a terra unha soa nación que sexa coma o teu pobo Israel, o que Deus veu rescatar para facelo seu, con tantos milagres e prodixios, e desbotando as nacións diante del, como fixeches con Israel, ó que liberaches da servidume de Exipto?
22 Ti fixeches do teu pobo Israel, o teu pobo para sempre, e ti, ¡ouh Iavé!, ti e-lo seu Deus.
23 Agora, pois, Señor, confírmese para sempre a palabra que dixeches ó teu servo e á súa casa: cúmprea.
24 Que perdure para que o teu nome sexa sempre glorificado e digan todos: Iavé Sebaot é en verdade un Deus para Israel. E que a casa de David, o teu servo, se afirme ante ti, 25 pois ti mesmo, meu Deus, revelaches ó teu servo que lle edificarás unha dinastía. Por iso o teu servo ousou pregarche deste xeito.
26 Agora, pois, Señor: ti que es Deus e prometiches ó teu servo este ben, 27 bendí a casa do teu servo, para que sempre subsista diante de ti, porque ti, ¡ai!, a bendís e para sempre está bendita”.