Libro de Esdras
8 Lista dos cabezas de familia, coas súas xenealoxías, que subiron canda min desde Babilonia, durante o reinado do rei Artaxerxes; 2 fillos de Pinhás: Guerxom; dos fillos de Itamar: Daniel; dos fillos de David: Hatux, 3 dos fillos de Xecanías; dos fillos de Parox: Zacarías cos que foron rexistrados cento cincuenta homes; 4 dos fillos de Pahat-Moab: Elioenai, fillo de Zerahías e, con el, douscentos homes; 5 dos fillos de Xecanías, fillos de Iahaziel e, con el, trescentos homes; 6 e dos fillos de Adín: Ebed fillo de Ionatán e, con el, cincuenta homes; 7 e dos fillos de Elam: Isaías fillo de Atalías, con el, setenta homes; 8 e dos fillos de Xefatías: Zebadías fillo de Micael e, con el, oitenta homes; 9 dos fillos de Ioab: Abdías, fillo de Iehiel e, con el, douscentos dezaoito homes; 10 e dos fillos de Xelomit, fillo de Iosifías e, con el, cento sesenta homes; 11 e dos fillos de Bebai: Zacarías fillo de Bebai e, con el vinteoito homes; 12 e dos fillos de Azgad: Iohanán fillo de Catán e, con el, cento dez homes; 13 e dos fillos de Adonicam: os derradeiros, con estes nomes: Elifélet, Iehiel e Xemaías e, con eles, sesenta homes; 14 e dos fillos de Bigbai: Utai e Zabud e, con el, setenta homes.
15 Reuninos onda o río que vai morrer no Ahavá e acampamos alí tres días. Entón deime conta de que había leigos e sacerdotes, pero non había ningún levita. 16 Mandei, pois, ós xefes Eliezer, Ariel, Xemaías, Elnatán e Iarib, Elnatán, Natán, Zacarías, Mexulam, e tamén ós instructores Ioiarib e Elnatán, 17 coa orde de iren onda Idó, xefe da localidade de Casifiá; e puxen na súa boca as palabras que tiñan que dicir a Idó e ós seus irmáns os servidores na localidade de Casifiá, co fin de que nos trouxesen servidores para a casa do noso Deus. 18 Como a boa man do noso Deus estaba sobre nós, mandáronnos un home asisado, un dos fillos de Mahli, fillo de Leví, fillo de Israel, é dicir, a Xerebías, cos seus fillos e irmáns, en total dezaoito, 19 e tamén a Haxabías e con el Isaías, un dos fillos de Merarí, cos seus irmáns e seus fillos, en total vinte homes; 20 e entre os servidores que David e os xefes deran para o servicio dos levitas, douscentos vinte servidores, todos designados polos seus nomes.
21 Proclamei alí, onda o río Ahavá, un xexún, a fin de nos aflixirmos diante do noso Deus e busca-lo seu favor e termos unha feliz viaxe, nós e os nosos nenos e bagaxes. 22 Pois non ousabamos pedirlle ó rei infantes e xinetes que nos protexesen dos nosos inimigos durante a marcha, despois de que lle dixemos:
—“O noso Deus protexe ós que o serven, mentres que o seu furor e cólera volven contra os que o abandonan”.
23 Xexuamos, pois, pedindo este favor ó noso Deus, e el escoitounos benignamente.
24 Despois disto escollín doce xefes de entre os sacerdotes con Xerebías, Haxabías e dez dos seus irmáns con eles. 25 Pesei diante deles a prata, o ouro e os obxectos que o rei, os seus conselleiros e os israelitas residentes alí entregaran como ofrenda ó templo do noso Deus. 26 Xa pesados, puxen nas súas mans seiscentos cincuenta talentos de prata, obxectos de prata equivalentes a cen talentos, outros cen talentos de ouro, 27 vinte copas de ouro por mil dáricos, dous obxectos de bronce brillante, fermosísimos, preciosos coma o ouro. 28 Despois díxenlles:
—“Vós estades consagrados ó Señor, eses obxectos están consagrados e a prata e ouro son unha ofrenda voluntaria ó Señor, o Deus dos nosos pais; 29 gardádeo todo moi ben ata que o pesedes diante dos xefes de familia de Israel, en Xerusalén nas habitacións da casa do Señor”.
30 Entón os sacerdotes e os levitas tomaron ó seu cargo a prata, o ouro e os obxectos pesados para levalos a Xerusalén á casa do noso Deus. 31 Saímos de onda o río Ahavá o doce do primeiro mes para irmos a Xerusalén. A man do noso Deus estaba sobre nós e, no camiño, arrincounos das mans do inimigo e dos salteadores en emboscada. 32 Chegamos a Xerusalén e repousamos alí tres días. 33 No cuarto día pesámo-la prata, o ouro e os obxectos na casa do noso Deus, entre as mans do sacerdote Meremot fillo de Urías, de Elazar fillo de Pinhás, que estaba con el, e xunto con eles os levitas Iozabad fillo de Iexúa e Noadías fillo de Binui. 34 Número e peso, todo estaba alí, e o total do peso foi consignado por escrito. Nese mesmo tempo, 35 os que chegaron da catividade, os deportados, ofreceron en holocausto ó Deus de Israel doce touros por todo Israel, noventa e seis carneiros, setenta e sete años, doce machos cabríos polo pecado: todo en holocausto ó Señor. 36 Despois transmitiron as ordes do rei ós sátrapas e ós gobernadores de Transeufratina, que sostiveron o pobo e a casa de Deus.