Xob
31 Cos meus ollos fixen trato
de non andar fitando as mozas.
2 ¿Que sorte garda Deus desde o alto?
¿Cal é a herdanza do Omnipotente desde as alturas?
3 ¿Non é se cadra a desgracia para os inicuos
e a perdición para quen fai ruindade?
4 ¿Non está El a albisca-los meus camiños,
levando a conta das miñas pegadas?
5 Se levo eu unha conducta va
e se me van os pés tralo engano,
6 ¡péseme Deus nunha balanza xusta,
e saberá da miña integridade!
7 Se os meus pasos se afastan do camiño
e o meu anceio se me vai tras dos ollos,
ou se me apega algún lixo ás mans,
8 se sementei, ¡que outro detrás o coma!
¡que arrinquen de raíz os meus xermolos!
9 Se o meu corazón se enreda cunha muller
ata axexar na porta dun amigo,
10 ¡que moia a miña muller para outro
e se deiten os alleos con ela!
11 Pois facer tal sería unha infamia
e un delito para levar ó xulgado,
12 un lume que roe ata a perdición
e que había consumir todo o meu haber.
13 Se neguei o dereito do meu servo
ou da miña criada ó rifaren comigo,
14 ¿que vou facer cando se erga Deus?
¿que lle hei responder cando me pregunte?
15 Quen me fixo no ventre, ¿non o fixo tamén a el?
¿Non formou no seo a entrambos do mesmo xeito?
16 Se lle neguei ó pobre o seu degoiro
e deixei que se consumisen os ollos das viúvas;
17 se comín o meu pan gardándome dos outros
e o orfo non puido morder nel,
18 —por certo que desde a mocidade o criei coma un pai
e o conducín desde a miña infancia—;
19 se ollei alguén esmorecido sen roupa,
a algún pobriño sen cobertor,
20 e non me bendiciron os seus lombos
cando os quencín coa lá dos meus cordeiros;
21 se alcei a miña man contra un xusto
por ver amigos meus no tribunal,
22 ¡que das costas se esgace o meu ombreiro!,
¡que caia o brazo do meu cóbado!
23 Pois había vi-lo terror de Deus sobre min,
e non resistiría a súa maxestade.
24 Endexamais non puxen no ouro a esperanza
nin chamei ós lingotes: O meu creto.
25 Non me alegrei por ter moita facenda
nin de que fose de peso o meu prestixio.
26 Nunca fitei para o sol no seu cénit,
nin para a lúa cando camiña esplendorosa;
27 non cedín á tentación de os adorar
botándolles bicos coa man.
28 (Ese é tamén un crime procesable,
pois é renegar do Deus de arriba).
29 Non gocei da desfeita dun inimigo,
nin relouquei cando o mal o alcanzou,
30 e non deixei peca-la miña boca
pedindo contra el a maldición.
31 Ben poden dici-los do meu campamento:
¿Onde hai un que non se fartase da súa carne?
32 O forasteiro xamais non pernoctou fóra,
e ó camiñante abrinlle a miña porta.
33 Non encubrín dos homes o meu erro
atobando no peto a miña culpa,
34 por non lle ter medo ó xentío;
nin por teme-la aldraxe do meu clan,
calei e non saín á porta.
35 ¡Quen me dera que me escoitase alguén!
¡Velaquí a miña sinatura! ¡Responda o Omnipotente!
¡Que o meu opoñente suscriba o documento!
36 Abofé que habería de levalo no ombreiro
e cinguilo coma unha diadema,
37 pois podo darlle conta de tódolos meus pasos.
Entón achegaríame ata El coma un príncipe!
38 Se a miña agra berra contra min
e se choran con ela os seus sucos,
39 se consumín, sen pagar, o seu producto
tolléndolle-lo alento ós aparceiros,
40 ¡que no sitio de trigo nazan toxos,
e no lugar da cebada crezan xestas!”
Aquí rematan as razóns de Xob.