Nahúm
2 (2:2) Unha forza de choque atácate de fronte.
Monta garda na praza forte, vixía o camiño,
cingue ben o teu lombo, fortalece ó máximo a túa forza.
2 (2:3) Certo, o Señor volverá á viña de Xacob; si, á viña de Israel.
Tíñana arrasada os arrasadores, tiñan esgazadas as súas vides.
3 (2:4) Os escudos dos seus soldados están vermellos,
os seus soldados están vestidos de púrpura.
Os carros brillan co relucir dos ferros,
o día da súa formación
axítanse coma as lanzas.
4 (2:5) Os carros dan voltas polas rúas,
corren dun lado para outro polas prazas,
parecen fachóns, lánzanse coma raios.
5 (2:6) El failles recordar algo ós seus capitáns,
tropezan entre si no camiño,
corren de présa cara ó muro da cidade,
e xa está preparado o refuxio.
6 (2:7) Ábrense as portas que dan ás canles
e o templo derrúbase.
7 (2:8) A imaxe da deusa é levantada e levada cativa,
laméntanse as súas sacerdotisas coma pombas que arrolan,
dan golpes sobre os seus corazóns.
8 (2:9) ¡Velaí Nínive!
Toda ela é unha poza: ¡como corre a auga!
“¡Para, detente!” Pero non hai quen a faga dar volta.
9 (2:10) ¡Saqueade a prata, saqueade o ouro!
Non ten fin a súa riqueza, o esplendor das súas alfaias.
10 (2:11) ¡Pillaxe, saqueo, roubo! Os corazóns teñen quebrantos,
tremen os xeonllos, estremecementos por todo o corpo,
as caras de todos xúntanse ante tal maldición.
11 (2:12) ¿Onde está a gorida dos leóns?
¿Onde está o campo de presa para os cachorros dos leóns?
¿Cara onde camiña o león para leva-los cachorros da leoa,
sen que haxa quen os asuste?
12 (2:13) O león caza por causa dos cachorros, destroza para as súas leoas;
a cova está chea coas súas presas, e o cubil cos anacos de carne.
13 (2:14) Velaquí me tes contra ti —di o Señor dos Exércitos—:
vou queimar na fumareda os teus carros
e a espada devorará os teus cachorros,
farei desaparecer da terra a túa cova,
e non se volverá a oí-la voz dos teus mensaxeiros.