Sofonías
1 Palabra do Señor dirixida a Sofonías, fillo de Cuxí, fillo de Guedalías, fillo de Amarías, fillo de Ezequías, no tempo de Ioxías, fillo de Amón, rei de Xudá.
2 Vou acabar con todo, borrareino da face da terra
—é o Señor quen fala—.
3 Vou acabar co home e co animal,
vou acabar co paxaro do ceo e co peixe do mar
e coas cousas que fan descamiñar ós malvados.
Si, vou arrinca-lo home da face da terra
—é o Señor quen fala—.
4 Vou estende-la miña man contra Xudá
e contra tódolos habitantes de Xerusalén.
Vou arrincar deste santuario todo o que queda de Baal,
e o nome dos seus ministros, xunto cos sacerdotes:
5 ós que se postran nos tellados adorando ó exército do ceo,
ós que se postran xurando por Iavé
e ó mesmo tempo xuran polo seu rei;
6 ós que deixan de segui-lo Señor
e non buscan o Señor nin o procuran.
7 ¡Silencio ante a presencia do meu Señor, Deus!
Está preto o día do Señor.
Si, xa preparou o Señor o sacrificio, xa consagrou os invitados.
8 O día dos sacrificios do Señor sucederá
que eu lles pedirei contas ós ministros e ós fillos do rei
e a tódolos que se visten con vestidos estranxeiros.
9 Pedireilles contas no día aquel a tódolos que saltan ó estrado
ós que enchen de violencia e engano as casas dos seus señores.
10 Sucederá o día aquel —é o Señor quen fala—:
Un fragor de berros de auxilio que sae da Porta dos Peixes;
un ruído de lamentos que vén da Vila Nova;
un estrondo de derrubamento que vén dos outeiros.
11 Lamentaranse os habitantes da Canteira,
porque quedou en silencio o fato dos mercadores,
desapareceron tódolos pesadores de prata.
12 Sucederá naquela hora:
Pescudarei a Xerusalén con lámpadas,
pedireilles contas ós homes
satisfeitos polos froitos que producen,
dicindo nos seus corazóns:
“O Señor nin fai ben nin fai mal”.
13 Certo, as súas riquezas serán para botín
e as súas casas para o arrasamento.
Si, construirán casas, pero non as habitarán,
plantarán viñas, pero non beberán o seu viño.
14 Está cerca o grande día do Señor, próximo e a caer.
Amargo é o día do Señor, berra de medo o mesmo guerreiro.
15 Día de furor será o día aquel, día de angustia e apretos,
día de desastre e desolación, día de tebras e escuridade,
día de nubes e trebóns,
16 día de toques de corno e gritos de guerra,
contra as altas fortalezas, e contra as torres ergueitas.
17 Provocarei angustias na xente e camiñarán coma cegos,
porque pecaron contra o Señor.
O seu sangue será estendido coma o po,
e as súas entrañas coma o esterco.
18 Non os salvarán nin a súa prata nin o seu ouro.
No día da ira do Señor, co incendio do seu celo,
toda a terra será devorada:
vai face-lo exterminio —¡que terrible!— de tódolos habitantes da terra.