Números
30 (30:2) Moisés faloulles tamén ós xefes das tribos israelitas, dicindo: —“Isto é o que mandou o Señor: 2 (30:3) Se un home fai un voto ó Señor ou se compromete baixo xuramento, uníndose por unha obrigación, non faltará á súa palabra; obrará conforme a todo o que prometeu.
3 (30:4) Se unha muller fai un voto ó Señor ou se compromete por unha obrigación, estando na casa de seu pai, na súa mocidade, 4 (30:5) e sabedor o pai do seu voto e do seu compromiso, el non di nada, tódolos seus votos e todo o seu compromiso serán firmes. 5 (30:6) Non obstante, se o seu pai, ó chegar ó coñecemento dos votos e do compromiso, se opón, tódolos seus votos e mailo compromiso non terán valor, e o Señor perdoaraa, porque seu pai se opuxo a isto.
6 (30:7) Se se casa estando suxeita ós seus votos ou a algunha promesa, que a obriga a algunha privación, 7 (30:8) e se o seu home chega a coñecer iso e non lle di nada, os seus votos serán firmes e serán firmes os seus compromisos. 8 (30:9) Pero, se o home, no día en que dixo chegar ó coñecemento diso, o desaproba, o voto queda anulado e a promesa feita de palabra, coa que se comprometera, desaparece, e o Señor perdoaraa.
9 (30:10) En troques, o voto dunha viúva ou dunha muller repudiada e tódolos seus compromisos serán firmes para ela.
10 (30:11) Se unha muller fixo un voto ou promesa, con xuramento de se privar de algo, estando na casa do marido, 11 (30:12) e o marido, que chega a sabelo, non lle di nada, nin desaproba o feito, tódolos seus votos quedarán en firme, e tamén serán firmes tódolos seus compromisos.
12 (30:13) Con todo, se o seu marido, o día no que o saiba, o anula, nada de todo canto saíu dos labios dela, sexan votos ou compromisos, será firme; o seu marido anulounos, e o Señor perdoaraa. 13 (30:14) Todo voto e todo compromiso por xuramento de se mortificar poderao ratificar seu esposo ou anulalo. 14 (30:15) Mais se o seu marido garda silencio ata o día seguinte, ratifica así tódolos votos e tódalas obrigacións que sobre ela pesen; confírmaos por gardar silencio o día no que o soubo. 15 (30:16) Mais se el os anulase, despois de o saber, cargaría coa iniquidade dela”.
16 (30:17) Tales son os estatutos que o Señor prescribiu a Moisés sobre relacións entre marido e muller, e tamén entre un pai e maila súa filla, durante a mocidade desta na casa de seu pai.