Números
36 Os xefes das casas patriarcais da familia dos fillos de Galaad, fillo de Maquir, fillo de Menaxés, de entre as familias dos fillos de Xosé, aproximáronse, e tomando a palabra ante Moisés e os príncipes, xefes das casas patriarcais dos israelitas, 2 dixeron: —“O Señor mandou ó meu señor que reparta por sorte a terra ós fillos de Israel. Tamén lle foi ordenado ó meu señor polo Señor que dese a herdanza do noso irmán Selofad ás súas fillas. 3 Mais se elas casan con alguén doutra tribo dos fillos de Israel, o seu patrimonio será quitado do patrimonio dos nosos pais, e irá engadi-la herdanza da tribo daqueles ós que elas pasan a pertencer, diminuíndo así o lote da nosa herdanza. 4 E cando chegue o Xubileo para os fillos de Israel, a súa herdade agregarase á herdade da tribo daqueles ós que lles pertenzan, e virá así a quitarse da herdanza da tribo de nosos pais”.
5 Entón Moisés, por mandato do Señor, deu orde ós fillos de Israel: —“Din ben os da tribo dos fillos de Xosé. 6 Ei-lo que ordenou o Señor para as fillas de Selofad: casarán con quen elas queiran, mais soamente con quen pertenza á familia da súa tribo. 7 Así a herdanza dos de Israel non pasará dunha tribo a outra, senón que os israelitas quedarán ligados cada un á herdanza da súa tribo paterna. 8 E toda filla que herde patrimonio nunha tribo dos fillos de Israel, terá de casar con alguén que pertenza á familia da tribo de seu pai, a fin de que os israelitas manteñan cada un a posesión da súa herdanza paterna, 9 e non pase a herdanza dunha tribo a outra, para que as tribos dos fillos de Israel estean vinculadas con cadansúa herdanza.
10 Tal e como lle ordenou o Señor a Moisés, así fixeron as fillas de Selofad: 11 Mahlah, Tirsah, Hoglah, Milcah e Noah, fillas de Selofad, casaron con fillos dos seus tíos. 12 Casaron dentro das familias dos fillos de Menaxés, fillo de Xosé, e a herdade delas ficou na tribo da familia de seu pai.
13 Estes son os preceptos e leis que prescribiu o Señor por medio de Moisés ós fillos de Israel nas planicies de Moab, xunto ó Xordán, de fronte a Iericó.