Evanxeo segundo San Lucas
22 Aproximábase a festa dos Ázimos, chamada tamén a Pascua.
2 Os sumos sacerdotes e mailos letrados andaban buscando como quitalo do medio, porque lle tiñan medo á xente.
3 Nisto Satanás apoderouse de Xudas, chamado o Iscariote, que formaba parte dos Doce, 4 e foi falar cos sumos sacerdotes e cos oficiais da garda sobre o xeito de entregalo. 5 Eles alegráronse, e acordaron darlle cartos. 6 El aceptou, e andaba vendo a ocasión de entregárllelo sen que a xente se decatase.
7 Chegou o día dos Ázimos, e había que inmola-lo año pascual. 8 Mandou a Pedro e a Xoán, dicíndolles:
—Ide prepara-la cea pascual.
9 Eles preguntaron:
—¿Onde queres que a preparemos?
10 El respondeu:
—Mirade, cando entredes na cidade, havos saír ó paso un home, levando unha ola de auga. Seguídeo ata a casa onde entre, 11 dicídelle ó dono da casa: “O Mestre mándanos preguntar: ¿Onde está o lugar no que poida come-la Pascua cos meus discípulos?”. 12 El havos mostrar no sobrado unha sala grande, xa disposta: facede alí os preparativos.
13 Foron eles, atoparon todo tal como lles dixera, e prepararon a Pascua.
14 Cando chegou a hora, púxose á mesa cos seus apóstolos. 15 Díxolles:
—¡Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer! 16 Porque vos digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no Reino de Deus.
17 E collendo unha copa, deu gracias e dixo:
—Tomade e repartídea entre vós, 18 pois asegúrovos que non volverei beber do producto da viña ata que chegue o Reino de Deus.
19 E collendo pan, deu gracias, partiuno e déullelo, dicindo:
—Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.
20 E despois de cear, fixo o mesmo coa copa, dicindo:
—Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós.
21 Pero mirade o que vos digo: a man do que me entrega está aquí, sobre a mesa, a carón meu. 22 Porque o Fillo do Home vaise, conforme o determinado; pero ¡ai daquel que o entrega!
23 Entón empezaron a discutir entre eles, sobre quen podería se-lo que ía facer iso.
24 Armouse tamén unha discusión entre eles sobre a quen deles debían considerar máis importante. Pero el díxolles:
25 —Os reis dos xentís asobállanos, e os tiranos fanse chamar benfeitores. 26 Pero vós non fagades iso; non: que o maior entre vós sexa coma o máis pequeno, e o que goberna, coma quen serve. 27 Pois, ¿quen é máis importante, o que está á mesa ou quen o serve? ¿Acaso non é o que está na mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.
28 Pois vós sóde-los que quedastes comigo nas miñas probas. 29 E, coma o meu pai o dispuxo para min, así eu teño disposto para vós un reino, 30 para que, cando eu sexa rei, comades e bebades na miña mesa, e sentedes en tronos para xulga-las doce tribos de Israel.
31 ¡Simón, Simón, mira que Satanás vos reclamou para vos peneirar coma o trigo! 32 Pero eu roguei por ti, para que a túa fe non falle; e ti, ó que te arrepintas, debes confirma-los teus irmáns.
33 Díxolle el:
—Señor, estou disposto a ir á cadea e á morte contigo.
34 Respondeulle Xesús:
—Ten por seguro que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces.
35 E logo preguntoulles a todos:
—Cando vos mandei sen bolsa, alforxas e calzado, ¿sentistes falta de algo?
Eles responderon:
—De nada.
36 El continuou:
—Pois agora quen teña unha bolsa, que a colla e que colla tamén unha alforxa; e quen non teña espada, que venda o seu manto e que merque unha. 37 Porque vos aseguro que é preciso que se cumpra en min aquilo que está escrito: “Foi contado entre os malfeitores”. E o tocante a min vaise cumprir.
38 Eles dixéronlle:
—Señor, temos aquí dúas espadas.
Contestoulles:
—Basta. Xa está ben.
39 Despois de saír, foise como facía sempre ó Monte das Oliveiras, seguido dos seus discípulos. 40 Cando chegaron ó sitio, díxolles:
—Rogade que non caiades na tentación.
41 E arredándose deles, coma un tiro de pedra, púxose a rogar axeonllado:
42 —Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa.
43 E un anxo do ceo aparecéuselle para confortalo. 44 E cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan.
45 Erguéndose da oración, volveu onda os discípulos e atopounos durmidos por mor da tristeza. 46 Díxolles:
—¿Como é que estades a durmir? Erguédevos e rogade, para que non caiades na tentación.
47 Estaba aínda falando, cando apareceu xente; á fronte deles viña o chamado Xudas, un dos Doce; e achegouse a Xesús, para lle dar un bico. 48 Pero Xesús díxolle:
—Xudas, ¿cun bico entréga-lo Fillo do Home?
49 Entón os seus acompañantes, decatándose do que pasaba, preguntáronlle:
—Señor, ¿sacámo-las espadas?
50 E un deles feriu ó criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita.
51 Pero Xesús díxolle:
—Deixádeos facer.
E tocándolle a orella, sandoulla.
52 Entón díxolles ós que viñan contra el, sumos sacerdotes, oficiais da garda do templo e anciáns:
—Viñéstesme prender con paos e espadas, coma se fose un bandido. 53 Pero eu estiven a diario convosco no templo, e non me puxéste-las mans enriba. Ben: esta é a vosa hora, e o poder das tebras.
54 Prendérono e levárono á casa do Sumo Sacerdote. Pedro seguíao de lonxe. 55 Encenderon lume no medio do patio, e sentaron arredor; e Pedro sentou tamén no medio deles. 56 Pero unha criada, viuno sentado a carón do lume, cravou os ollos nel e dixo:
—Este tamén andaba con el.
57 El negouno dicindo:
—Muller, eu non o coñezo.
58 Pouco despois viuno outro criado, e dixo:
—Ti es deles tamén.
Pero Pedro exclamou:
—Non, home, non son.
59 Unha hora máis tarde, aínda volveu insistir outro criado:
—Si, seguro que andaba con el, que é galileo.
60 Pedro replicou:
—Pero home, eu non che sei de que falas.
E no intre, estando aínda el a falar, cantou o galo. 61 O Señor, volvéndose, mirou a Pedro, e este acordouse das súas palabras: “antes de que o galo cante hoxe, ti hasme negar tres veces”. 62 Saíu para fóra, e chorou amargamente.
63 Os homes que o tiñan preso burlábanse del e mallábano; 64 tapábanlle a cara e preguntábanlle:
—Fai agora de profeta: ¿quen che zoupou?
65 E aldraxábano, dicíndolle outras moitas cousas.
66 Cando se fixo de día, reuniuse o Consello dos anciáns do pobo, os sumos sacerdotes e mailos letrados, e acordaron levalo ó Sanedrín. 67 E dixéronlle:
—Se ti e-lo Mesías, dínolo.
El contestoulles:
—Se volo digo, non me ides crer; 68 se vos fago preguntas, non me ides responder. 69 Pero desde agora o Fillo do Home estará sentado á dereita do Todopoderoso.
70 Preguntáronlle todos:
—¿Logo es ti o Fillo de Deus?
El respondeu:
—Vós o dicides: eu son.
71 Eles exclamaron:
—¿Para que máis testemuñas? Xa llo oímos nós mesmos da súa boca.