Evanxeo segundo San Xoán
16 Díxenvos estas cousas para que non vos escandalicedes.
2 Hanvos expulsar das sinagogas; e mesmo chega a hora en que todo aquel que vos mate, coide que está dando culto a Deus. 3 E farán iso, porque non coñeceron nin ó Pai nin a min. 4 Mais díxenvos isto, para que, cando chegue a hora, recordedes que xa eu volo tiña dito.
Non vos dixen isto desde o comezo, porque estaba convosco. 5 Pero agora voume onda o que me mandou e ningún de vós me pregunta: “¿Onde vas?” 6 Ó contrario porque vos dixen estas cousas, a tristura encheu os vosos corazóns.
7 Pero eu dígovo-la verdade: convenvos que eu me vaia; pois, se eu non me vou, non virá a vós o Paráclito; en cambio, se eu me vou, mandareino onda vós.
8 E cando veña culpará ó mundo de pecado, xustiza e condena: 9 pecado, porque non cren en min; 10 xustiza, porque vou onda o Pai e xa non me veredes; 11 condena, porque o príncipe deste mundo xa resultou condenado.
12 Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. 13 Cando veña El, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciarávo-lo que ha de pasar. 14 El hame glorificar, pois recibirá do meu e interpretarávolo. 15 Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo interpretará a vós.
16 Un pouquiño e xa non me veredes; e outro pouquiño, e volverédesme ver.
17 Comentaron entón algúns dos seus discípulos: “¿Que é isto que nos di un pouquiño e xa non me veredes; e outro pouquiño, e volverédesme ver? ¿E iso de porque vou onda o Pai?”. 18 E dicían: “¿Que é ese un pouquiño? Non sabémo-lo que quere dicir”.
19 Coñeceu Xesús que lle querían preguntar e díxolles:
—¿Matinades entre vós acerca disto que vos dixen, “un pouquiño e xa non me veredes, e outro pouquiño e volverédesme ver”? 20 Con toda verdade volo aseguro: choraredes e lamentarédesvos, mentres que o mundo se alegrará. Vós estaredes tristes, mais a vosa tristura volverase alegría. 21 A muller, cando vai dar á luz, ten tristura, pois chegou a súa hora; pero cando deu á luz o neno, xa non lle acorda o apuro, pola alegría de que naceu un home para o mundo. 22 Así, tamén vós tedes agora tristura; pero heivos de ver de novo e o voso corazón alegrarase, e a vosa alegría ninguén vola poderá quitar. 23 E aquel día xa non me preguntaredes nada.
Con toda verdade volo aseguro: o que lle pidades ó Pai no meu nome, El hávolo dar. 24 Ata agora non pedistes nada no meu nome. Pedide e recibiredes, de xeito que a vosa alegría sexa plena.
25 Díxenvos estas cousas en comparanzas. Vai chega-la hora en que xa non vos falarei en comparanzas, senón que vos falarei do Pai abertamente. 26 Naquel día pediredes no meu nome. E non vos digo que eu rogarei por vós ó Pai, 27 xa que o propio Pai vos ama, pois vós amástesme a min, e crestes que eu saín de Deus. 28 Saín do Pai e vin ó mundo; de novo deixo o mundo e vou onda o Pai.
29 Dixéronlle os seus discípulos:
—Mira, agora falas claro, sen andar con voltas. 30 Agora sabemos que o sabes todo, e non precisas que ninguén che pregunte: por iso cremos que saíches de Deus.
31 Xesús respondeulles:
—¿Agora credes? 32 Mirade, vai chega-la hora, e xa chegou, en que vos espallaredes cada un pola súa banda, e a min deixarédesme só. Anque eu non estou só, pois está comigo o Pai.
33 Díxenvos estas cousas para que teñades paz gracias a min. No mundo haberedes ter apretos; pero tede ánimo: eu vencín o mundo.