Carta ós Romanos
4 —¿Que diremos, entón, que conseguiu Abraham, o proxenitor da nosa estirpe? 2 Porque, se Abraham foi xustificado polas obras, ten razón de se gabar.
—Si, pero non diante de Deus. 3 Porque ¿que di a Escritura?: Fiouse Abraham en Deus e iso valeulle a xustificación. 4 Ó traballador non se lle conta o xornal coma regalo, senón coma algo debido. 5 En troques, ó que non traballa, pero que se fía daquel que xustifica ó impío, a súa fe válelle para xustificación. 6 Xa David declara ditoso o home a quen Deus lle concede a xustiza sen as obras:
7 Benia aqueles a quen se lles perdoaron as súas iniquidades,
ós que lles enterraron os seus pecados.
8 Benia o home a quen o Señor
non lle ten en conta o pecado.
9 Ora, ¿esta benaventuranza tócalles só ós circuncisos ou tócalles tamén ós incircuncisos? Pois dicimos: A Abraham a fe valeulle a xustificación. 10 Pero ¿como lle valeu? ¿Estando na circuncisión ou na incircuncisión?
—Non na circuncisión, senón na incircuncisión. 11 E recibiu o sinal da circuncisión como marca da xustificación que recibira pola fe, estando aínda na incircuncisión. Desa maneira chegou a ser pai de tódolos crentes incircuncisos, para que se lles conte coma xustificación; 12 e pai tamén daqueles circuncisos que non só están circuncidados, senón que ademais seguen as pegadas da fe que o noso pai Abraham tivo antes de se circuncidar.
13 Pois a promesa a Abraham ou á súa liñaxe, de que el herdaría o mundo, non se lle fixo pola Lei, senón pola xustificación da fe. 14 Xa que se fosen herdeiros pola Lei, a fe quedaría baleira e a promesa non se cumpriría: 15 porque a Lei o que fai é trae-la ira, dado que onde non hai Lei, tampouco hai infracción.
16 Por iso a promesa depende da fe, para que sexa por gracia, e así se manteña firme para toda a liñaxe: non só para o que nace na Lei, senón tamén para o que nace pola fe de Abraham, 17 conforme está escrito: púxente como pai de moitas nacións, el é pai de todos nós ante o Deus en quen el creu, o que fai vivi-los mortos e que chama á existencia mesmo ás cousas que non existen.
18 Contra toda esperanza el creu na esperanza e así chegou a ser pai de moitas nacións, como se lle dixera: así será a túa liñaxe. 19 E non abalou na fe, anque ben vía que o seu corpo xa estaba morto —tiña ó pé de cen anos— e que morto estaba tamén o seo de Sara. 20 Ante a promesa de Deus non dubidou por incredulidade, senón que se enforteceu na fe, dando gloria a Deus, 21 plenamente seguro de quen é poderoso para cumpri-lo que promete. 22 Por iso valeulle a xustificación. 23 Estas palabras non se escribiron soamente por el, 24 senón tamén por nós. Pois tamén nos vai “valer” a nós que cremos naquel que resucitou dos mortos a Xesús, noso Señor, 25 que foi entregado por culpa dos nosos pecados e foi resucitado por mor da nosa xustificación.