Deuteronomio
18 Os sacerdotes levitas, toda a tribo de Leví, non terán parte nin herdanza con Israel; comerán as ofrendas feitas en honor do Señor, isto é, a parte que é do Señor. 2 A tribo de Leví non terá herdanza no medio dos seus irmáns: o Señor será a súa herdanza, tal como llo prometeu.
3 Estes serán os dereitos dos sacerdotes sobre aqueles do pobo que inmolan en sacrificio un touro ou un año: daráselle ó sacerdote a pa, as queixadas e o estómago. 4 Has de lle da-las primicias do teu trigo, do teu mosto e do teu aceite, e mailas primicias da rapa do teu rabaño, 5 pois escolleuno o Señor, o teu Deus, entre tódalas túas tribos, para estar servindo tódolos días o Nome do Señor, el e mailos seus fillos.
6 Se vén un levita dunha das túas cidades, de calquera parte de Israel, onde el habita, e se chega con todo o apetito da súa gorxa ó santuario que o Señor escolla, 7 pode entrar en servicio ó Nome do Señor, seu Deus, o mesmo ca calquera dos seus irmáns, os levitas que están alí na presencia do Señor. 8 Comerán a partes iguais, a non ser que sexa un dos levitas que xa vendeu a súa parte ós que a precisan.
9 Cando entres no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar, non aprenderás a comportarte conforme as abominacións deses pobos. 10 Non se atopará en ti quen faga pasa-lo seu fillo e á súa filla polo lume, quen prediga adiviñacións, quen faga encantamentos, quen lea as sortes nos astros, quen se dea á bruxería, 11 encantadores de feitizos, quen faga preguntas ó espírito dos mortos e ó que ten o espírito adiviño dos mortos, quen consulte ós mortos. 12 Xa que todo aquel que practique estas cousas é unha abominación para o Señor, e por mor destas abominacións o Señor, o teu Deus, vai privar a esas nacións da súa herdanza, soamente coa túa presencia. 13 Apégate completamente ó Señor, o teu Deus.
14 Aínda que estes pobos, dos que vas tomar posesión, fagan caso dos encantadores e dos adiviños, a ti o Señor, o teu Deus, non che permite obrar deste xeito. 15 A un profeta coma min farao surxir o Señor, o teu Deus, no medio de ti, de entre os teus irmáns. Facédelle caso, 16 tal como llo pediches ó Señor, o teu Deus, no Horeb o día de asemblea, dicindo: Non quero seguir escoitando a voz do Señor, meu Deus, nin ver máis esta grande labarada, para non morrer. 17 E entón o Señor díxome: Fixeron ben en dicir isto. 18 Fareilles surxir un profeta coma ti do medio de seus irmáns e porei as miñas palabras na súa boca e falaralles todo o que eu lle mande, 19 e a aquel que non lles faga caso ás miñas palabras, as que o profeta anuncie no meu Nome, eu pedireille contas. 20 Pero o tal profeta, se ten o atrevemento de dicir no meu Nome cousas que eu non lle mandei dicir e fala no nome de deuses alleos, entón morrerá ese profeta.
21 Certo que podes pensar no teu interior: ¿Como podemos distingui-la palabra que nos dixo o Señor, se o profeta a di no Nome do Señor? 22 Cando esta palabra non aconteza nin se cumpra esa palabra, é que non a dixo o Señor: o profeta falou por soberbia; non lle teñas medo.