Carta ós Filipenses
1 Paulo e Timoteo, servidores de Xesús Cristo, a tódolos crentes en Cristo Xesús que vivides en Filipos e mais ós vosos encargados e diáconos 2 desexámosvo-la gracia e paz de Deus noso Pai e do Señor Xesús Cristo.
3 Doulle gracias ó meu Deus por todo o que me acorda de vós. 4 Sempre que rezo por vós, fágoo con alegría, 5 pola parte que vides tomando na difusión do Evanxeo desde o primeiro día ata hoxe. 6 Eu fío en que o que encetou en vós un traballo bo, halle de ir dando cabo de aquí ó día de Cristo Xesús. 7 E é xusto que eu pense así, porque vos levo no corazón; a vós, que tanto que eu estea preso como que estea a defender e a afiunza-lo Evanxeo, participades todos na gracia da miña misión. 8 ¡Ben sabe Deus con que morriña cristiá vos boto a faltar aquí! 9 E na miña oración pido que o voso amor reborde de penetración e de sensibilidade para todo: 10 así poderedes acertar co mellor para chegardes enxebres e sen chata ó día de Cristo Xesús, 11 e cheos do froito da xustiza que se consegue por medio de Xesús Cristo para gloria e louvanza de Deus.
12 Quero que saibades, irmáns, que o que me está a pasar, máis ben aproveitou ó espallamento do Evanxeo. 13 Porque na residencia do gobernador e nos outros sitios todo o mundo sabe que estou preso por ser cristián, 14 e a maior parte dos irmáns, ó colleren da miña prisión azos para confiar no Señor, métense moito máis a anuncia-la palabra de Deus sen medo. 15 Hai, de certo, algúns que predican a Cristo por meteren envexa e por me faceren a competencia. Pero outros fano á boa fe. 16 Estes, porque me queren e saben que eu estou posto para a defensa do Evanxeo; 17 aqueles anuncian a Cristo á retesía, con mala intención, coa idea de me faceren máis amolado o meu encadeamento. 18 Pero ¿que máis ten? O importante é que, dunha maneira ou da outra, con retranca ou sen ela, vaise anunciando a Cristo: e diso alégrome. Máis aínda: continuarei alegrándome, 19 porque sei ben que, gracias ás vosas oracións e ó Espírito de Xesús Cristo que me patrocina, “todo me ha de ser para ben”. 20 Esta é a miña arela e a miña esperanza: que en nada vou saír fracasado, senón que, con toda seguridade, agora coma sempre, manifestarase a grandeza de Cristo na miña persoa, tanto que eu siga vivindo como que morra.
21 Porque para min a vida é Cristo; e morrer, unha ganancia. 22 Ora, como vivir neste mundo me permite traballar con proveito, non sei o que escoller. 23 As dúas cousas tiran por min: quería morrer para estar con Cristo, pois era moitísimo mellor. 24 Mesmo así, por vós, cómpre que eu fique neste mundo; 25 e así coido que vou ficar e seguir onda vós, para axudar a que adiantedes alegres na fe, 26 a fin de que o orgullo de serdes cristiáns reborde xa por causa miña, coa miña presencia outra vez cabo de vós.
27 Unha cousa só: mirade de vos comportar conforme ó Evanxeo de Cristo, para que, tanto que vos vaia ver coma que quede lonxe, eu sinta falar de que vos mantedes firmes nun mesmo espírito e que, todos de acordo, loitades xuntos pola fe do Evanxeo, 28 sen vos deixardes acovardar polos que vos fan a contra: cousa que para eles é un sinal de condenacion e para vós é de salvación; e todo por obra de Deus. 29 Porque a vós, por Cristo, concedéusevo-lo privilexio, non só de crerdes nel, senón tamén de padecerdes por El, 30 enlizados como estades na mesma loita en que me vistes a min e na que agora sabedes de oídas que aínda ando metido.