Segunda Carta a Timoteo
1 Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por vontade de Deus para anuncia-la promesa da vida que hai en Cristo Xesús, 2 a Timoteo, fillo querido: deséxoche a gracia, a misericordia e a paz de Deus e de Cristo Xesús noso Señor.
3 Doulle gracias a Deus, a quen sirvo desde o nacemento con conciencia limpa, porque decote me lembro de ti nas miñas oracións, noite e día. 4 Cando me acordan as túas bágoas, véñenme ganas de te ver para me encher de alegría, 5 lembrando a túa fe sincera, que xa habitou na túa avoa Loide e na túa nai Eunice, e confío que tamén en ti.
6 Por esta mesma causa recórdoche que reavíve-lo carisma de Deus, que hai en ti pola imposición das miñas mans. 7 Porque Deus non nos deu un espírito feble senón forte, de amor e de sobriedade. 8 Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el; ó contrario, faite partícipe dos meus sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus. 9 El vivificounos e chamounos cunha vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu designio e pola gracia que nos deu en Cristo Xesús antes de tódolos tempos, 10 e que se manifestou agora pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús. El destruíu a morte e alumeou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo. 11 Deste Evanxeo constituíronme a min pregoeiro, apóstolo e mestre.
12 Por esta causa precisamente padezo estas cousas. Pero non me importa, porque sei de quen me fiei, e estou certo que é podente para custodiar ata aquel día o depósito que me confiou. 13 Mantén coma regra as palabras saudables que me escoitaches verbo da fe e da caridade de Cristo Xesús. 14 Garda o precioso depósito por medio do Espírito Santo, que mora en nós.
15 Saberás que me plantaron tódolos de Asia, entre eles Fíxelo e Hermóxenes. 16 Concédalle o Señor misericordia á familia de Onesíforo, que me tivo animado moitas veces e non se avergoñou de que eu fora un preso. 17 Aínda máis, cando cheguei a Roma, axiña me buscou e atopoume: 18 que o Señor lle conceda acha-la súa misericordia naquel día. E cantos servicios fixo en Éfeso coñécelos ti mellor ca min.