A Apocalipse
16 Logo oín un berro que desde o santuario lles dicía ós sete anxos: “¡Ide e vertede sobre a terra as sete cuncas da ira de Deus!”.
2 E saíu o primeiro e verteu a súa cunca na terra; e unhas chagas malignas e dolorosas aparecéronlles ós homes que tiñan a marca da besta e mais ós que se postraban para adora-la súa imaxe.
3 Logo, o segundo, verteu a súa cunca no mar, que se volveu sangue, coma o sangue dun morto, e morreu canto ser vivo se atopaba no mar.
4 Despois, o terceiro, verteu a súa cunca nos ríos e nas fontes das augas; e volvéronse sangue. 5 Entón oínlle dicir ó anxo das augas:
“Xusto es ti, que es e que eras, o Santo.
Xustiza fas ó sentenciares deste xeito,
6 porque verteron sangue de santos e de profetas
e por iso lles deches tamén a beber sangue.
¡Tíñano ben merecido!”.
7 Entón oín que desde o altar dicían:
“Si, Señor Deus, que todo o sostés,
verdadeiras e xustas son as túas sentencias”.
8 Logo, o cuarto, a quen se lle deu o poder de abrasar coa calor ós homes, verteu a súa cunca no sol. 9 Os homes sufriron unha gran queimadura e comezaron a xurar contra o nome de Deus, que tiña na súa man o poder sobre estas pragas; pero non cambiaron os seus pensamentos para lle daren gloria a Deus.
10 Despois, o quinto, verteu a súa cunca no trono da besta e o seu reino quedou cuberto de tebras. Coa dor comezaron a morde-las propias linguas 11 e a xurar contra o nome do Deus do ceo polas súas dores e chagas; pero non se arrepentiron das súas obras.
12 Logo, o sexto, verteu a súa cunca no gran río, o Éufrates, e comezou a estiña-la auga para axeitarlles así o camiño ós reis do Nacente. 13 Despois vin saír da boca do dragón, da boca da besta e mais da boca do falso profeta, tres espíritos inmundos semellantes a sapos; 14 son os espíritos dos demos que fan prodixios e van onda os reis de toda a terra, para xuntalos para a guerra do día grande do Deus que todo o sostén.
15 “Mira que veño coma un ladrón. Benia o que vixía e garda a roupa para non andar espido e que non lle vexan as súas vergonzas”.
16 Efectivamente, os espíritos xuntáronos no lugar que en hebreo se chama Harmaguedón.
17 Logo o sétimo verteu a súa cunca no aire e entón saíu un berro do santuario, de onda o trono, que dicía: “¡Xa está!”. 18 Entón apareceron lóstregos, berros e trebóns e houbo un terremoto tan grande como endexamais non o houbo de que hai homes sobre a terra: tan forte foi aquel gran terremoto. 19 Deste xeito, a gran cidade partiu en tres anacos, as cidades dos xentís viñéronse abaixo e á gran Babilonia chamárona perante Deus para lle da-la cunca do viño da súa fervente ira. 20 E tódalas illas fuxiron e xa non se atoparon os montes. 21 Logo caeu do ceo enriba dos homes un gran pedrazo, de pedras case de corenta quilos; e os homes xuraban contra Deus pola praga do pedrazo, porque esta praga foi terrible.