Luns 7 de setembro
El recompensa os que se esforzan moito por buscalo (Heb. 11:6).
Xehová sempre recompensa os que o adoran. El dános paz e satisfacción xa agora e, no futuro, daranos vida eterna. Podemos estar completamente convencidos de que Xehová ten tanto o desexo como o poder de recompensarnos. Esta convicción impúlsanos a seguir ocupados servindo a Xehová, igual que o fixeron servos fieis do pasado, como Timoteo. Analicemos o seu exemplo (Heb. 6:10-12). Timoteo confiou no Deus vivo (1 Tim. 4:10). Por iso, fixo moitos esforzos por Xehová e polos seus irmáns. Por exemplo, o apóstolo Paulo animouno a progresar como mestre na congregación e na predicación. Tamén lle dixo que fose un bo exemplo para os demais servos de Deus, tanto novos coma maiores. Ademais asignáronlle algunhas tarefas difíciles como aconsellar con firmeza pero con cariño os que o necesitaban (1 Tim. 4:11-16; 2 Tim. 4:1-5). Timoteo estaba seguro de que Xehová o recompensaría (Rom. 2:6, 7). w24.06 páx. 23 pars. 10, 11
Martes 8 de setembro
Xehová advertira a Israel e a Xudá por medio de tódolos seus profetas (2 Reis 17:13).
Xehová a miúdo mandaba profetas para advertir o seu pobo e para corrixilo. Por exemplo, por medio de Xeremías, díxolle: “Volve, oh, rebelde Israel [...]. Non vos mirarei con ira, porque son leal [...]. Non estarei resentido para sempre. Só recoñece a túa culpa, porque te rebelaches contra Xehová” (Xer. 3:12, 13, TNM). Mediante Xoel, dixo: “Convertédevos a min de todo corazón” (Xoel 2:12, 13). Fixo que Isaías declarase: “Limpádevos; quitade da miña vista os vosos actos de maldade; deixade de facer cousas malas” (Is. 1:16-19, TNM). E, por medio de Ezequiel, preguntou: “¿É acaso verdade que sinto eu pracer coa morte do malvado, [...] e non en que se converta do seu camiño e que viva? Non sinto eu pracer pola morte do que morre [...] ¡Convertédevos e viviredes!” (Ezeq. 18:23, 32). Xehová séntese moi feliz cando ve que alguén se arrepinte, porque quere que todos vivamos para sempre. w24.08 páx. 9 pars. 5, 6
Mércores 9 de setembro
Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil (2 Tim. 3:16).
Tódolos servos de Deus reciben o alimento espiritual, a guía e a protección que necesitan. Unha forma na que Xehová demostra a súa imparcialidade é facendo que todo o mundo teña acceso á Biblia. Orixinalmente, as Santas Escrituras escribíronse en tres idiomas: hebreo, arameo e grego. Será que os que saben ler a Biblia nos idiomas orixinais teñen unha relación máis estreita con Xehová? Por suposto que non (Mat. 11:25). Conseguir a aprobación de Xehová non depende dos estudos que teñamos ou dos idiomas que falemos. Máis ben, el ofrécelle a súa sabedoría a todos. Encargouse de que a súa Palabra, a Biblia, se traducise a miles de idiomas para que todo o mundo se poida beneficiar das súas ensinanzas e teña a oportunidade de chegar a ser o seu amigo (2 Tim. 3:16, 17). w24.06 páxs. 6-7 pars. 13-15