A Xénese
46 Israel emprendeu a viaxe, con toda a súa xente e as súas posesións. En chegando a Beerxeba, ofreceu un sacrificio ó Deus de seu pai, Isaac.
2 Nunha visión, de noite, Deus chamou a Israel:—“¡Xacob! ¡Xacob!”
El respondeu: —“Aquí estou”.
3 Díxolle Deus: —“Eu son o Deus de teu pai. Non teñas medo de ires a Exipto, pois alí convertereite nun grande pobo. 4 Eu baixarei alá contigo e farei que volvas aquí. Xosé pecharache os ollos”.
5 Xacob dispúxose logo a saír de Beerxeba. Os fillos montaron a seu pai, os nenos e as mulleres nos carros que lles mandara o faraón para levalos. 6 Colleron tamén os gandos e as posesións que adquiriran no país de Canaán, e chegaron a Exipto. Xacob levaba consigo para alá tódolos seus descendentes: 7 os fillos e os netos, as fillas e as netas, tódolos descendentes.
8 Estes son os nomes dos fillos de Israel que foron para Exipto: Xacob e mailos seus fillos Rubén, primoxénito de Xacob, 9 e os seus fillos: Hanoc, Palú, Hesrón e Carmí. 10 Simeón e seus fillos: Iemuel, Iamín, Ohad, Iapín, Sohar e Xaúl, fillo da cananea. 11 Leví e seus fillos: Guerxón, Quehat e Merarí. 12 Xudá e seus fillos: Er, Onán, Xela, Peres e Zérah; Er e Onán morreron en Canaán, e Peres tiña dous fillos: Hesrón e Hamul. 13 Isacar e seus fillos: Tolá, Puvah, Iob e Ximrón. 14 Zebulón e seus fillos: Séred, Elón e Iahleel. 15 Estes son os fillos que Lea lle deu a Xacob en Padán-Aram, ademais da filla Dinah. Por xunto eran trinta e tres fillos e fillas.
16 Gad e seus fillos: Sifión, Haguí, Xuní, Esbón, Erí, Arodí e Arelí. 17 Axer e seus fillos: Iimnah, Ixvah, Ixví, Beriah e Sérah súa irmá; fillos de Beriah: Héber e Malquiel. 18 Estes son os fillos que lle deu a Xacob Zilpah, a criada que Labán lle dera a Lea súa filla; dezaseis persoas por xunto.
19 Fillos de Raquel, muller de Xacob: Xosé e Benxamín. 20 A Xosé deulle en Exipto dous fillos Asenat, filla de Potifera, sacerdote de On: Menaxés e Efraím. 21 Benxamín e seus fillos: Bela, Béquer, Axbel, Guerá, Naamán, Ehí, Rox, Mupim, Hupim e Ared. 22 Estes son os fillos que Raquel lle deu a Xacob; catorce persoas por xunto.
23 Dan e seu fillo Huxim. 24 Naftalí e seus fillos: Iahseel, Guní, Iéser e Xilem. 25 Estes son os fillos que lle deu a Xacob Bilhah, a criada que Labán lle dera á súa filla Raquel: sete persoas por xunto.
26 O total das persoas que foron a Exipto con Xacob, tódolos seus descendentes, fóra das súas noras, era de sesenta e seis. 27 Cos dous fillos que lle naceron en Exipto a Xosé, a familia de Xacob compúñase alí de setenta persoas.
28 Xacob mandou diante a Xudá para lle dar novas a Xosé de que estaban chegando a Goxén. 29 Xosé mandou engancha-lo carro, e saíu para Goxén, ó encontro de Israel seu pai. En véndoo, correu abrazalo, e chorou abrazado a el.
30 Israel díxolle a Xosé: —“Agora podo morrer, despois de que te vin vivo aínda”.
31 Xosé díxolles a seus irmáns e á familia de seu pai: —“Voulle leva-la nova ó faraón: Viñeron onda min meus irmáns e a familia de meu pai, que estaba en Canaán. 32 Son pastores de rabaños, criadores de gando. Trouxeron os seus fatos, os seus gandos, e todo o que tiñan. 33 Cando vos chame o faraón e vos pregunte: ¿Cál é a vosa profesión?, 34 dirédeslle: Os teus servos son criadores de gando, desde rapaces ata agora; e, coma nós, fórono xa os nosos pais. Dese xeito poderedes asentar na terra de Goxén, pois os exipcios aborrecen os pastores de rabaños”.