A Xénese
45 Xosé non puido xa conterse máis diante da súa corte e mandou que saísen todos. Non quedou ninguén con el, cando se deu a coñecer a seus irmáns. 2 Entón Xosé botouse a chorar, de xeito que o oían os exipcios ata o pazo do faraón.
3 Díxolles a seus irmáns: —“Eu son Xosé. ¿Vive aínda meu pai?” Pero os irmáns non lle podían responder, por quedaren estarrecidos diante del.
4 Xosé díxolles: —“Achegádevos aquí”. Eles achegáronse. E el repetiu: —“Eu son Xosé, voso irmán, o que vendestes para Exipto. 5 Agora non vos aflixades nin vos pese de me vender, pois para manter vidas mandoume Deus aquí diante de vós. 6 Van dous anos de fame na terra; pero quedan aínda cinco sen sementeira nin colleita. 7 Deus mandoume diante de vós, para asegurárvo-la escapada da morte no país e para facervos sobrevivir, con vistas á gran liberación. 8 Polo mesmo non fostes vós os que me mandastes aquí. Foi Deus que fixo de min ser coma un pai para o faraón, dono da súa casa, gobernador da terra toda de Exipto. 9 Volvede onda meu pai e dicídelle que o seu fillo Xosé lle manda dicir isto: Deus fíxome señor de todo o Exipto. Ven sen deterte ó meu lado. 10 Asentarás na terra de Goxén e alí estaredes cerca de min, ti e mailos teus fillos, os teus netos, os teus fatos, os teus gandos e tódalas túas posesións. 11 Eu mantereite alí, pois quedan aínda por diante cinco anos de fame, de xeito que non pases miseria ti, nin a túa familia, nin os teus servos. 12 Os vosos ollos e os de meu irmán Benxamín están vendo que son eu mesmo quen vos fala. 13 Contádelle a meu pai do meu poder en Exipto e de todo o que vistes. E traédemo aquí axiña”.
14 Abrazando a seu irmán Benxamín, botouse a chorar; Benxamín choraba tamén, abrazado a el. 15 Bicou a tódolos irmáns e chorou con eles. E seguiron falando uns cos outros.
16 Ata o pazo do faraón correu a voz: —“Viñeron os irmáns de Xosé”. E pareceulles ben ó faraón e ós seus ministros.
17 O faraón díxolle a Xosé: —“Manda a teus irmáns que carguen os xumentos e vaian a Canaán, 18 que collan a seu pai e as súas familias e que se veñan onda min. Dareilles do mellor que hai en Exipto, e poderán comer do máis prezado da terra. 19 Dilles tamén que leven de aquí carros, para traeren neles os nenos, as mulleres e a seu pai. E que se veñan. 20 Que non lles doia deixar alá cousas, pois o mellor de Exipto é para eles”.
21 Os fillos de Israel cumpriron o mandado. Seguindo a orde do faraón, Xosé proveunos de carros e de provisións para a viaxe. 22 A cada un deulle tamén un vestido para se mudar. A Benxamín deulle trescentas moedas de prata e cinco mudas. 23 Para seu pai mandou Xosé dez xumentos cargados coas cousas mellores de Exipto, e dez xumentos con pan e provisións para a viaxe. 24 Ó despedilos, díxolles Xosé ós seus irmáns: —“Non rifedes polo camiño”.
25 Eles saíron de Exipto e chegaron a Canaán, onda Xacob seu pai. 26 E contáronlle a nova: —“Xosé vive aínda, e goberna o Exipto enteiro”. Xacob quedou desconcertado, porque non o podía crer. 27 Eles referíronlle todo o que Xosé lles dixera. Ó ver Xacob os carros que mandaba Xosé para levalo, reviveceulle o espírito. 28 E dixo Israel: —“Chégame con que o meu fillo Xosé viva. Irei velo, antes de morrer”.