Os Salmos
(74:1) Maskil, de Asaf.
74 ¿Por que, Deus, nos rexeitas? ¿Será por sempre?
¿Por que se inflama a túa ira coas ovellas do teu rabaño?
2 Acórdate da comunidade que desde antigo adquiriches,
do pobo que rescataches para a túa posesión,
do monte Sión, onde fixéche-la túa morada.
3 Dirixe os teus pasos cara ás eternas ruínas:
no teu santuario todo o arrasou o inimigo.
4 Os teus adversarios roxen no lugar das asembleas
e levantan alí os estandartes.
5 Son coma os que branden o machado na madeira:
6 nun intre esnaquizan tódalas súas portas,
con machado e martelo.
7 Puxeron lume ó teu santuario,
arrasaron e profanaron a morada do teu nome.
8 Din entre si: —“Acabemos con eles”,
e queiman tódolos santuarios do país.
9 Nós non vemos sinais nin existe un profeta,
e ninguén de entre nós sabe por canto tempo aínda.
10 ¿Ata que día, Deus, nos asoballará o opresor?
¿Aldraxarán por sempre os inimigos o teu nome?
11 ¿Por que arréda-la túa man
e rete-la túa dereita no seo?
12 Pero ti, Deus, es desde sempre o meu rei,
o que obras liberacións en toda a terra.
13 Ti fénde-lo mar co teu poder
e nas augas, a cabeza dos dragóns.
14 Ti esmágaslle a cabeza ó Leviatán
e bótasllelo ós monstros mariños de comida.
15 Ti abres fontes e regachos
e secas ríos caudais.
16 Teu é o día e túa a noite,
ti establecíche-la lúa e mailo sol.
17 Ti marcácheslle ó mundo as súas fronteiras,
fixéche-lo verán e o inverno.
18 Recorda, Señor, que os inimigos te aldraxan,
que xente insensata maldí o teu nome.
19 Non lles entregues ós voitres a vida da túa pomba,
non te esquezas por sempre da vida dos teus pobres.
20 Fíxate na túa alianza;
tódolos recantos da terra son tobos de violencia.
21 Que non acaben na vergonza os oprimidos:
os humildes e os pobres louvarán o teu nome.